Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018 Chanfaina Lab seleccionada no banco de boas prácticas da xestión cultural Chanfaina Lab, XI Premio José Sellier

iniciativas

Iniciativas e servizos promovidos polo Concello ou as asociacións culturais e veciñais de San Sadurniño.

III Chanfaina Lab 2016

San Sadurniño, 2016

Durante a fin de semana do 1 ao 4 de setembro do 2016 celébrase en San Sadurniño a 3ª edición da Chanfaina’Lab, unha novidosa experiencia de creación audiovisual colectiva que tenta poñer en valor o territorio do Concello a través dos ollos de creadores/as audiovisuais galegos/as. A idea é sinxela: os participantes teñen que gravar na fin de semán unha película dunha duración de entre tres e cinco minutos, con absoluta liberdade sobre o tema e tratamento visual. A ollada contemporánea sobre a paisaxe rural, a emigración, o devalar do tempo, as diferenzas paisaxísticas e sociolóxicas entre as sete parroquias que compoñen o concello, transforman a San Sadurniño nun universo por descubrir e moi axeitado para debullar propostas visuais innovadoras.
O nome de chanfaina alude a unha receita tradicional dos territorios de antigos señoríos, cando as partes "nobres " do animal entregábanselle aos Señores, mentres as vísceras e as partes mais pobres quedábanse na cociña dos labregos, coas que preparaban a denominada chanfaina, de grande tradición nas parroquias de Bardaos e Igrexafeita.

Entre os creadores/as que participan coa súa cámara nesta edición figuran autores/as naturais ou veciños de San Sadurniño como, Patricia Lamas e Miguel Sanjurjo, Abel Vega, Fran Bermúdez, Bieito Beceiro, Pablo Martínez, Roberto Bouza ou Sebastián Rodríguez, o artista modestino Dani Ferreira, @s ferroláns Natalia Porca, Lara e Noa Castro e Marcos Lourido, mais tamén participan relevantes cineastas do cinema galego procedentes de distintos puntos da xeografía do país: Lois Patiño, Lara Bacelo, Eloi Domínguez Serén, Carla Andrade, Claudia Brenlla, Jorge Coira, Ángeles Huerta, Pablo Millán, Sabela Pernas, Marta Piñeiro e Beatriz del Monte

O evento estará organizado polo Concello de San Sadurniño. Colaboran as Asociacións veciñais de Santa Mariña do Monte, Adiante Igrexafeita, Xuntanza de Lamas , San Pipote de Bardaos, Pico de Ferreira e Aula Cemit. O encontro está patrocinado pola Deputación de A Coruña e o Concello de San Sadurniño.
Nesta ocasión, a base do cartaz é un óleo pintado en San Sadurniño polo pintor palentino Asterio Mañanós a comezos do século XX. Aquí podes coñecer a historia do cadro

Este será o programa oficial da III Chanfainalab:

XOVES 1
20.00h.- Casa da Cultura: Proxección dos filmes documentais: “A Seara”, de Pepe Coira e “Verengo” de Víctor Hugo Seoane -que participou na 1º Chanfaina con "A beira do aceiteiro"-. Pezas unidas polo eixo temático común de recolleren a realidade de dúas aldeas da montaña interior galega. Entrada libre.

VENRES 2
10 a 14.00h.- Aula CeMIT: “Retrata San Sadurniño: son de aquí, miro así”.
Ana Seijo e Sabela Pernas (Videodinamizarte), traballarán sobre creatividade, dinámicas de grupo e técnicas básicas de gravación e realización. A iniciativa ten como obxectivo que as persoas participantes desenvolvan conxuntamente a súa propia peza para proxectala o domingo durante a clausura do encontro. O obradoiro é gratuíto e ás persoas participantes, ademais de consellos prácticos, tamén se lles facilitará material de gravación. Desenvolverase desde as 10 ás 14.00h. e para inscribirse é necesario pasar pola Aula CeMIT ou chamar ao 616 016 793.
20.00h.- Aula CeMIT: Recepción de participantes e visita á Casa do Concello. Apertura na galería do Pazo da exposición fotográfica “A propósito da Chanfaina”, con instantáneas das anteriores edicións captadas polo fotoxornalista Gabriel Tizón (aberta durante todo o mes de setembro).
21.15h.- Casa da Cultura: Presentación do proxecto “Visións” , nacido no marco do programa Cinema e Muller da Deputación de Pontevedra. Unha iniciativa que busca reivindicar o papel feminino na creación audiovisual e da que saiu un filme colaborativo executado a base de curtas por dez realizadoras. Tres delas, Lara Bacelo, Claudia Brenlla e Carla Andrade, participan no Chanfaina e ofrecerán na noite do venres o seu punto de vista sobre a realidade da muller no audiovisual. Entrada libre.

SÁBADO 3
9.00 a 14.00h.- Produción e gravación de curtametraxes
14.00h. a 15.30h.- Xantar para participantes no local social de Bardaos, en colaboración coa Confraría do San Pipote
15.30h. a 21.00h.- Produción e gravación de curtametraxes
21.00h.- Casa da Cultura: Eira de Cineastas, coa proxección dunha escolma de pezas producidas polos creadores e creadoras convidadas nesta edición.Entrada libre

DOMINGO 4
10.00h. a 14.00h.– Gravación de curtametraxes
10.00h. a 14.00h.- Aula CeMIT: Montaxe da peza colaborativa “Retrata San Sadurniño: son de aquí, miro así”
14.00h. a 15.30h.- Xantar para participantes no local social da A.VV. Adiante de Igrexafeita
15.30h. a 19.00h.- Gravación de curtametraxes
19.00h.- Casa da Cultura: Proxección da curta producida dentro do obradoiro de Videodinamizarte e despedida de participantes no III Chanfaina Lab

Para mais información podes ler as novas publicadas polo Concello de San Sadurniño e seguirnos no Facebok da Chanfaina'lab.

III Chanfaina Lab 2016

Comentarios

Máis imaxes

Temas: Chanfaina'Lab, cinema, creador@s, eventos, San Sadurniño (Concello), vídeos, visitantes

Compartir en: