Iniciativas e servizos promovidos polo Concello ou as asociacións culturais e veciñais de San Sadurniño.
San Sadurniño, 2015
Durante a fin de semana do 4 ao 6 de setembro do 2015 celebrouse en San Sadurniño a 2ª edición da Chanfaina’Lab, unha novidosa experiencia de creación audiovisual colectiva que tenta poñer en valor o territorio do Concello a través dos ollos de creadores/as audiovisuais galegos/as. A idea é sinxela: os participantes teñen que gravar na fin de semán unha película dunha duración de entre tres e cinco minutos, con absoluta liberdade sobre o tema e tratamento visual. A ollada contemporánea sobre a paisaxe rural, a emigración, o devalar do tempo, as diferenzas paisaxísticas e sociolóxicas entre as sete parroquias que compoñen o concello, transforman a San Sadurniño nun universo por descubrir e moi axeitado para debullar propostas visuais innovadoras.
O nome de chanfaina alude a unha receita tradicional dos territorios de antigos señoríos, cando as partes "nobres " do animal entregábanselle aos Señores, mentres as vísceras e as partes mais pobres quedábanse na cociña dos labregos, coas que preparaban a denominada chanfaina, de grande tradición nas parroquias de Bardaos e Igrexafeita.
Entre os creadores/as que participaron coa súa cámara figuran autores/as naturais ou veciños de San Sadurniño como Roberto Bouza, Sabela Íñiguez,, Patricia Lamas, Abel Vega ,Fran Bermúdez, Ary López ou Miguel Sanjurjo; mais outr@s proceden de distintos puntos da xeografía galega: Alberte Branco, Antón Caeiro, Ana Domínguez, Eloi Enciso, Álvaro Gago, Mar García, Xiana Gómez, Giselle Llanio, Miguel Mariño, Natalia Porca, Carlos A. Quirós, Susana Rei, Sandra Sánchez, Diana Toucedo, Gonzalo E. Veloso e Lucía Vilela.
O evento fora organizado polo Concello de San Sadurniño. Colaboraron as Asociacións veciñais de Santa Mariña do Monte, Adiante Igrexafeita, Xuntanza de Lamas , San Pipote de Bardaos, Pico de Ferreira e Aula Cemit. Gabriel Tizón tirou fotografías do evento.
Tamén realizáronse actividades paralelas abertas ao público interesado como a proxección de "Clásicos do cinema rural galego" e outra proxección de pezas d@s participantes baixo o título "Eira de cineastas". Asemade estreouse a promo do filme "Tiempo vertical" de Lois Patiño gravada en Ferreira en xuño do 2015.
O párroco de Naraío, José María Ladra desvelou o segredo das pinturas de Igrexafeita, nas que se basea o cartaz da Chanfaina'lab deste ano.
Ao fin, o 13 de febreiro do 2016 foi a estrea mundial das 21 pezas participantes na Casa de Cultura de San Sadurniño.
Para mais información podes ler a nova publicada polo Concello de San Sadurniño e seguirnos no Facebok da Chanfaina'lab. Outras referencias: Agapi. Radiodifusión.
Benvid@s a San Sadurniño, chanfaineir@s ¡
Temas: creador@s, visitantes, Chanfaina'Lab, cinema, San Sadurniño (Concello)