Monumentos, igrexas, edificios, patrimonio inmaterial e pezas singulares -grandes e pequenas- de San Sadurniño: castelo de Naraio, castros, convento do Rosario, creador@s, cronoloxía histórica, cruceiros, fontes, igrexas parroquiais, pequenas capelas, lendas, megalitismo , muíños, pazo da marquesa, visitantes senlleiros,
San Sadurniño, 1508
O 21 de marzo do 1508 o Papa Julio II aprobou a fundación do Convento de Santa María patrocinado por Fernando de Andrade, primeiro señor de San Sadurniño e a súa dona Inés de Castro e Lanzós, filla do caudillo irmandiño, Alonso de Lanzós.
O Convento ergueuse sobre as ruinas da antiga encomenda templaria edificada no século XII e a igrexa altomedieval de San Sadurniño. A comezos do século XVI comezaron as obras aproveitando numerosa pedras, canecillos e outros materiais da vella igrexa románica.
O Convento sería xestionado polos coengos regulares de San Agustín - a mesma orde que rexía o case abandoado Mosteiro de Pedroso-. O II Señor de San Sadurniño pasoullo aos franciscanos. En 1570 o III Señor de San Sadurniño cedeu o convento aos Dominicos, que permañecerán en San Sadurniño durante os vindeiros 250 anos e daranlle o nome da súa patrona actual, a Virxe do Rosario. A fermosa fonte do convento é unha boa proba da influencia dominicana no antigo emprazamento templario.
O mosteiro nunca acolleu a mais de oito monxes. Na capela maior da igrexa soterraranse case todos os Señores de San Sadurniño. O convento recibiu as visitas de destacadas figuras da cultura como o Cura de Fruime (1750), entre outros.
Tras do Real decreto de 25 de xullo de 1835, que suprimía os mosteiros e conventos que no tivesen doce individuos profesos, o Convento do Rosario ficou baleiro, mais utilizouse como casa reitoral. En 1863, parte dos seus espazos foron ocupados polas escolas públicas e como sede do Concello. No século XX tamén albergou as dependencias da Garda Civil e o Teleclube. En xuño do 2014 o concello trasladouse ao Pazo da Marquesa.
Nos documentos adxuntos figura un dos primeiros achegamentos á historia do Convento do Rosario escrito polo historiador Cesar Vaamonde Lores na Revista da Real Academia Galega nº 29, 30, 31, 32 e 33 nos anos 1909 e 1910.
Fotografía do Convento do Rosario sacada dende a torre do Pazo dos Marqueses de San Sadurniño arredor de 1924. Tamén podes facer aquí unha visita virtual en 360 grados ao Convento.
2013-08-01 13:27:40
Interesaríame coñecer, se é posible, se a data na que se fixo a foto, é 1909 ou diferente.
2013-08-01 18:23:22
Ola Vitucho, pois non o temos claro. Sabemos que é ben vella e corresponde ao primeiro terzo do século XX (por iso considerámola interesante para ilustrar un documento de 1909). Calquera pista que poda aportarnos será benvida... Moitas grazas polo seu interese e participación.
2013-08-02 02:16:07
Para poder datala, pode ser de gran axuda a non existencia da casa do médico, pero tamén se debera ter en conta a cruz de madeira da parede traseira da igrexa, que xeralmente eran para recordar as xornadas dos pais xesuitas que penso que foron a partires dos anos cuarenta do século XX. Non obstante non estou seguro.
2013-08-03 19:27:28
Graciñas pola aportación Fernando, mais o fito decisivo é coma dis a inexistencia da casa do médico. Casa que foi antes residencia-colexio de monxas e que foi inaugurada en 1928 segundo os nosos datos
Temas: Convento do Rosario, San Sadurniño (parroquia), igrexas parroquiais, patrimonios
Autor/a: Manuel González Álvarez