Bardaos, 2026
10ª Chanfaina Lab (1). Estrea: venres 27 de marzo do 2026
Sinopse: "A poucos días da data límite para presentarse a un festival, unha cineasta enfróntase ao bloqueo creativo e non consegue pensar nunha idea para a súa curta".
Director, Guión, fotografía, montaxe e son: Bieito Beceiro
Reparto: Ana Balsa Souto
Duración: 2' 44"
Banda sonora: adaptación dun efecto de son de klankbeeld (licenza CC-BY 4.0) dispoñible en Freesound (https://freesound.org).
Gravado na parroquia de Bardaos dentro do programa da 10ª Chanfainalab
Máis información sobre esta peza en: Chanfainalab
BIEITO BECEIRO (Bardaos-San Sadurniño, 1998) realizou unha estadía de investigación no Lawrence Berkeley National Laboratory para o seu doutoramento en informática na Universidade da Coruña. Se ben é certo que para o seu desenvolvemento profesional escolleu o ámbito da informática, dende novo tamén amosou interese polo audiovisual coa realización de varios vídeos sobre a historia local para a materia de Historia durante os seus estudos de bacharelato. Por exemplo, a recreación da "Toma de posesión de Bernardino de Andrade". Ademais dos vídeos “para clase”, o cineasta local tamén realizou pezas como "Pregón do San Pipote", “A vista de cabalo do demo” e "Reparacións interdimensionais" . Estas dúas últimas para as 5ª e 6ª edicións do Chanfaina lab, respectivamente. No 5º Chanfaina tamén acreditou as súas dotes de actor en "Breixo" de Javier Seoane. Na sétima edición ademais da realización de "As vacas desaparecidas". Bieito colabora como co-director e actor da magnífica peza “Interxeneracional” de Xavier Villaverde. Os seus últimos documentais foron “O caldo de Marina” ( 2024) e “(Des)conexión" (2025).
Nesta edición do Chanfaina quería gravar a curta como nas dúas anteriores: pensar nunha idea e desenvolvela pouco a pouco. Pero non me dei organizado co traballo do doutoramento e, ao final, deixei a curta para o último momento. A dúas semanas da entrega, non se me ocorría ningunha idea que fose suficientemente simple como para producila a tempo. E tampouco quería empregar IA. Ao final, inspireime na propia situación e así xurdiu "Guión Curta".