Fabal, Lamas, 2017
4ª Chanfaina Lab (13). Estrea venres 4 de maio do 2018.
Director: Sebastián Rodríguez
Cámara: Bieito Beceiro
Actor: Carlos Martínez Romero
Música: Goétia. Dark Magic Music
Sinopse: :"Historia sobre un soño que ben podería ser o soño dunha galiña ...."
Duración: 3' 56''
Gravada nos días 2 e 3 de setembro do 2017 na parroquia de Lamas dentro do programa da 4ª Chanfainalab.
Sebastián Rodríguez é un mozo de 19 anos e afeccionado ao cinema que participa na Chanfainalab como cineasta local por segunda vez. O ano pasado codirixiu con Bieito Beceiro "O libro", unha historia de terror. "Sebas vive na parroquia de Lamas, estuda 2º de Bacharelato Artístico no IES Concepción Arenal e ten moi decidido o seu futuro profesional, orientado cara a creación musical para o audiovisual. De feito, dende a súa marca Moonmusic, compón bandas sonoras para algunhas curtas e grava a grupos musicais de Ferrol e contorna.
Desta volta, Sebastián optou por dirixir a súa peza en solitario, aínda que coa complicidade de dous amigos que teñen colaborado en "Fálame de San Sadurniño", Carlos e Bieito. A Sebas interésalle de xeito especial o surrealismo, como él mesmo afirma: "É o meu estilo favorito porque é o máis libre. Estaba na miña casa en Lamas con Bieito falando da curta que fixéramos o ano pasado, que a min non me convencía de todo porque tiñamos que adecuarnos ás regras e os códigos do xénero da nosa peza. E eu pensei: "este ano vou facer unha película co primeiro que me veña a cabeza". Nesto entra o meu pai e dime: "Hai que darlle de comer ás galiñas". Así que díxenme: "pois vou facer unha curta sobre as galiñas". E ao día seguinte xa comecei a matinar nunha peza sobre un home que vai matar ás galiñas sen que aparezan galiñas e sen que se realice ningún asasinato. Logo funlle engadindo toques oníricos como por exemplo a persoaxe que interpreta Carlos representando á morte, mais sen significación negativa algunha, pois só pasea polos espazos do filme".
Aínda que dentro das pezas filmadas para a Chanfainalab, abundan os documentais e as miradas de autor, "Galiñocidio" é un intento de aproximación á ficción surrealista, pois todos os planos, encadres, elementos e personaxes do relato non gardan a lóxica tradicional coa que están feitas a meirande parte dos filmes que vemos no cinema e a televisión. Como aconsella o propio Sebas: "O espectador sabe que viu algo, pero ten que ser consciente que non comprendeu nada, algo así como un soño ao espertar, no que non sabes moi ben que pasou polo teu maxín durante a noite". Así pois, a proposta deste cineasta de Lamas é un ingrediente máis a engadir entre a diversidade de estilos e xeitos de filmar cos que están cociñadas as diferentes pezas da Chanfainab. Unha diversidade que neste caso aínda resulta máis interesante por tratarse dun cineasta local que, de seguro, seguirá a desenvolver a súa mirada propia nas sucesivas edicións
Fotografías de Cesar Galdo e Gabriel Tizón
Temas: animais, creador@s, Lamas, vídeos, visitantes, Chanfaina'Lab
Autor/a: Sebastián Rodríguez Jiménez
Vídeos:
"La lluvia"
"El libro"
Moon Music (canle)