Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018 Chanfaina Lab seleccionada no banco de boas prácticas da xestión cultural Chanfaina Lab, XI Premio José Sellier

xentes

Historias de vida de familias , homes e mulleres das parroquias de San Sadurniño: Bardaos, Ferreira, Igrexafeita, Lamas, Naraio, San Sadurniño, Santa Mariña do Monte así como doutros concellos veciños, algúns moi preto como Moeche, A Capela, Neda, Valdoviño, As Pontes, Narón, As Somozas ou Ferrol; mais tamén hai fotos en Santiago, Ourense, Argentina ou Asturias.

Francisco Dorado Victorio, alcalde

Casal, San Sadurniño, 1955

Alcalde de San Sadurniño 1955-1964.
Naceu en Viveiro en 1917. Aprobou as oposicións de Mestre Nacional en 1944, sendo destinado a Cerdeiras (Lugo) ata 1946, no que se trasladou a Ibias (Asturias). Chegou destinado como mestre titular da escola de Silvalonga a comezos de 1950. Casou con María Yañez Fernández, filla do tamén alcalde Segundo Yáñez Fernandez. No concurso de traslados de 1956 acada praza na Unitaria nº 3 de San Sadurniño, onde permanecerá ininterrompidamente ata o seu traslado a Ferrol en 1970.

A comezos de 1955 o gobernador provincial de Coruña nomeouno alcalde de San Sadurniño, substituíndo a Andrés Saavedra Romero, cesado dous meses e medio antes e substituído accidentalmente por Juan Pena Bouza. Tomou posesión o 2 de marzo de 1955 en presenza do Delegado Gubernativo Rodolfo Ucha Donate. Os concelleiros da primeira corporación foron: José Ramón Torrente Torrado; Raimundo López Castro, José Pérez Graña, Arturo Novo Castro, Juan Tembrás Pillo, Antonio Fernández Calvo, Manuel Rico López, Eliseo Cibreiro López e José Castro Lamas.
Nos seus nove anos como alcalde, Francisco Dorado Victorio fixo o que puido co cativo orzamento municipal de arredor de 500 000 pesetas de 1960. Mais se tiveramos que salientar algúns dos feitos máis relevantes do seu tempo como alcalde, lembraríamos o esforzo na creación e mellora das moitas escolas unitarias que salpicaban o municipio a finais dos anos 50: Escolas de nenas en Bardaos, mixtas de Entrambosríos (Lamas), Monte, Naraío, unitaria de nenos Nº3 e párvulos (San Sadurniño) e na construción de novas escolas como catro unidades en San Sadurniño, dúas en Igrexafeita e unha en Santa Mariña, ademáis das de Silvalonga, Vilarxá, Eirixado, Bardaos, Monte e Naraío, “construidas por el vecindario, pero impulsadas por el Ayuntamiento”. Un detalle anecdótico relacionado coa educación foi o patrocinio e orgaización de proxeccións cinematográficas para nenos no Cinema Avenida como "Argelia" no Día do mestre ou na festa escolar en 1960 có filme “Mi tío Jacinto”.
Outro eixe singular da acción municipal de Francisco Dorado foi a creación dunha rede de fontes e lavadoiros por todo o municipio comezada en 1956, entre elas Piñeiros, Camba, Corrás, Cornide, Esperanza, Outeiro, Chao, Lourido, Torre, Silvalonga, Albeiro, Naveiras e Loibas. Ademais, durante o seu mandato construiranse as pontes de Trabanca (Ferreira), Bañoca (Bardaos), Gulpilleira (Santa Mariña); Pumariño (1960) e Riveira sobre do río Xuvia,máis a intermunicipal do río Negro.
Tamén se amañou un pouco o campo da feira de San Sadurniño coa instalación de "postos de mercado" (1963) e un centro de inseminación artificial gandeiro. Rematouse a rede de sumidoiros da Avenida do Marqués de Figueroa e á fin, en 1962 chega o tren a San Sadurniño. O Concello sufragou un agasallo para a voda da filla do coronel Lobo Montero (12-2-1956). Tamén baixo o seu mandato trasladouse o cemiterio vello a un novo emprazamento (1959)
Cesa o 25 de agosto de 1964, traspasando o bastón de mando a Angel Gavín Porrás. O concello renderalle unha homenaxe o 29 de xuño de 1970 co gallo do seu traslado a Ferrol, cidade na que falecerá en 1987 aos 70 anos de idade.

  • Francisco Dorado Victorio, alcalde

  • Sinatura de Francisco Dorado

  • Casa familiar de Francisco Dorado

  • Matrícula municipal carros do pais 1956 (Fernando Campos)

  • Matrícula municipal carros do pais 1957 (Fernando Campos)

  • O mesrtre Francisco Dorado na escola de Silvalonga a mediados dos anos 50

load

Documentos:

Homenaxe a Francisco Dorado Victorio (1970)
Acta de toma de posesión do alcalde Francisco Dorado (1955)

Comentarios

Máis imaxes

Temas: Alcaldes de San Sadurniño, San Sadurniño (Concello), San Sadurniño (parroquia), xente

Fotógrafo/a: Bernardino González

Compartir en: