A Esperanza, Santa Mariña, 1
Dende o principio dos tempos existiu unha fonte no lugar que hoxe coñecemos como "A Esperanza" na parroquia de Santa Mariña. A relixión dos nosos devanceiros era animista. Si a auga agromaba nun lugar concreto da terra era "por algo" e polo tanto tiña un significado relixioso para quen vivira preto. O mesmo acontecía con determinados outeiros ou penedos singulares como "Pico Ferreira", a "Pena do Rei Mouro" ou espazos similares como capela de Amido ou o San Cristovo da Portela e o San Cristovo de Ferreira
Así pois, poderíamos supoñer que hai mais de dous mil anos, as primeiras sociedades agrarias, construtoras das mámoas de Moimentos ou os habitantes dos castros veciños da "Escoitadoira" e "Castrelo" na meseta de Santa Mariña, bebían a auga desa fonte situada no centro neurálxico da parroquia e que emerxía do mais profundo da terra. Posiblemente tivera o poder da fertilidade e proporcionara un feliz embarazo ás mulleres que consumiran a súa auga máxica. Porque á chegada da cristianismo -séculos V- VII- moitos destes "santuarios paganos" cristianizáronse, adoptando unha función similar á que tiñan dende tempo inmemorial. É o que se coñece como sincretismo. Neste caso, ao carón da fonte - deusa Navia?- erixiuse a Capela da "Esperanza", que seguiu a protexer a fertilidade e os embarazos das mulleres, agora baixo a nova advocación cristiá e o patrocinio de Santa Mariña. Fonte e capela viviron profundamente enxergadas dende os tempos mais remotos e de seguro relacionadas coa Virxe da O do Pedroso..
Ramón Díaz Raña, párroco de Santa Mariña de 1971 a 1990, describe á perfección a maxia da fonte da Esperanza:
"Pero o que non vos contei é que case pegada á capela hai unha fonte que marabilla a quen teña un pouquiño de sentido contemplativo. Eu teño pasado tempo admirando o que vían os meus ollos. A auga brota alí como non vin en ningún outro sitio. Ven a borbollóns. Parece que debaixo hai alguén empuxándoa. Descansa un pouquiño e volve. Admirable. Cóntovos isto porque nada me estrañaría que os primeiros humanos que asentaron por alí -que dígase o que se diga eran tan intelixentes coma nós- tiveran naquel recuncho un lugar de culto a ese espírito que facía que a auga saíra desa maneira".
Escoitamos aquí o bulebule da fonte da Esperanza:
Irece Beceiro escribiu "A lenda do cego castrexo", un fermoso relato ambientado nas remotas orixes da fonte. Na 5º chanfainalab a cineasta Margarita ledo evoca a maxia deste lugar en "A auga branca"
Tampouco coñecemos a data de construción da Capela, feita e refeita moitas veces ao longo da historia, que imaxinamos foi edificada sobre dun santuario precristián. E como todo lugar máxico ou capela que se prece, non pode faltar unha festa anual neste espazo, que tamén debe celebrarse dende a orixe dos tempos.
No verán -15 de agosto- coincidindo co final do ciclo agrario e a recolleita, celébrase unha romaría de gran tradición na contorna, unha festa de fondo alento popular e onde teñen acontecido tamén episodios menos edificantes. Deixamos aquí referenza a festa de 1979, publicada na revista Pumariño. Unha mágoa o horrendo palco de cemento -feísmo anos 70 por iniciativa do concelleiro Eliseo Cibreiro- que agocha a fonte abandoada, e algunha outra desafortunada construción que deterioran un dos espazos mais fermosos e máxicos do concello de San Sadurniño.
Temas: festas e romarías, Capelas, Santa Mariña do Monte, patrimonios, fontes, sons, castros, megalitismo, lendas