San Sadurniño, 2023
7ª Chanfaina Lab (e 22). Estrea: venres 14 de xullo do 2023
Dirección:"The sungirls" (Graciela Galdo, Mónica Cibreiro e Olga Vigo)
Poema base: "A xustiza pola man" de Rosalía de Castro
Música: Big Beat V-zen
Sinopse: "Peza que reflicte a través dos rostros das mulleres de San Sadurniño, historias de loita, de dor, incomprensión, incerteza, valentía, coraxe..., e pasados, pero tamén presentes".
Duración: 4'
Gravado no concello de San Sadurniño dentro do programa da 7ª Chanfainalab
Mónica Cibreiro, Graciela Galdo e Olga Vigo son tres amigas que teñen en común a paixón pola música e o cinema. Olga e Graciela son primas e naturais de Ferrol. Ambas licenciadas en música e piano, traballan como profesoras de música e audiovisual no mesmo instituto, o IES Trasancos de Narón. Graciela especializouse en música de cámara e dirixe a Coral de Valdoviño; Olga en linguaxe musical e tamén dirixe a Coral Endesa de As Pontes. Mónica Cibreiro é veciña de Santa Mariña do Monte, traballa no Concello de San Sadurniño e tamén desenvolve o seu lado artístico con manualidades diversas e técnicas de decoracións de repostería, afección que a levou a realizar obradoiros para a veciñanza do concello en "Tempos para compartir". No verán de 2017 as tres amigas decidiron crear un grupo de creación audiovisual co obxectivo explícito de "pasar o rato e divertirnos". O grupo denomínase "The sungirls" e o seu lema, «Somos chicas buenas, a veces». O seu primeiro vídeo "El taquillazo" tivo un éxito inesperado nas redes sociais e animounas a seguir nunha aventura creativa, na que pensan continuar "ata que deixe de ser divertida". Na Chanfainalab 2017 sorprendéronos coa vitalista curta "360º en cores" e na do 2018 co videoclip coral “Non teño dono" e no 2019 "Qué pasou ?".
Xa coñecemos a bravura e creatividade destas tres mulleres nas pasadas edicións da Chanfainalab. Delas agardamos pezas que mesturan música e imaxe ao servizo dunha mensaxe feminista e progresista: "Nesta ocasión a idea de “Feminino”, xurde para poñer en valor as mulleres galegas e a súa valentía, neste caso, representadas polas marabillosas mulleres de San Sadurniño, que sempre se prestan voluntarias aos nosos experimentos. Queríamos empoderalas poñendo cara a tantas e tantas sen ela ao longo de anos de invisibilidade e inxustizas, da man dun poema da nosa extraordinaria Rosalía De Castro, recitada por unha de nós, Graciela, cunha base instrumental que mantén a tensión que se desprende dunha dura realidade que parecía que quedara atrás, pero desgraciadamente, é de total actualidade".
"Feminino", é un videopoema, un collage visual, case un videoclip coral onde agroman os rostros de preto de cen mulleres de San Sadurniño, sobre a base dun dos poemas máis enérxicos e reivindicativos da nosa poeta nacional. "A nosa intención era esa, emocionar a través das historias que poden avistarse dende cada rostro, cada sorriso, cada mirada...A nosa inspiración, Elas...". Pois coidamos que "Feminino" é un magnífico colofón da VII Chanfainalab. Os rostros empoderados das nosas mulleres e o poema da gran Rosalía reivindicando a igualdade real e a xustiza.
Fotografías César Galdo
Temas: cancións, Chanfaina'Lab, creador@s, muller, música, San Sadurniño (Concello), vídeos
Autor/a: The Sungirls