Historias de vida de familias , homes e mulleres das parroquias de San Sadurniño: Bardaos, Ferreira, Igrexafeita, Lamas, Naraio, San Sadurniño, Santa Mariña do Monte así como doutros concellos veciños, algúns moi preto como Moeche, A Capela, Neda, Valdoviño, As Pontes, Narón, As Somozas ou Ferrol; mais tamén hai fotos en Santiago, Ourense, Argentina ou Asturias.
Agra de abaixo, San Sadurniño, 1944
Alcalde de San Sadurniño (1944-1945)
Naceu o 21 de abril de 1905 en Agra de Abaixo. Era fillo do carpinteiro Manuel Vigo Rivera e Vicenta Couce Vigo. Igual que o seu pai, traballou no oficio da carpintería. O seu taller ocupaba un baixo do Convento do Rosario -onde logo de ubicaría o salón parroquial- . Ramón Díaz Raña evoca nas súas lembranzas a súa bonhomía Ademais era o carpinteiro "oficial" do Pazo da Marquesa. En 1935 presidía “Juventud Católica” de San Sadurniño, participando no grupo teatral que daquela representaba pezas clásicas como “El médico a palos” ou “El tío gaviota”. Ao comezar a sublevación militar en 1936 afiliouse a Falange española. Non chegou a casar.
Emilio Vigo entrara como concelleiro na remuda que fixo o Gobernador civil en 1942. Mais o 6 de abril de 1944, aos 39 anos, substitúe a Emilio Morandeyra co gallo do seu traslado familiar a Betanzos. Os seus compañeiros de corporación non mudan: Lino Mera Campos (Cornide), Pedro Álvarez Romero (Bardaos), José Sanjurjo Casal (Bardaos), José Soto Piñón (Igrexafeita), Evaristo Cibreiro Pantin, (Monte), Luciano Paz Pena, (Naraío), Aquilino Montero Fojo (Ferreira), Arturo Novo Castro (Ferreira) e Manuel Castro Lamas (Igrexafeita).
O seu escaso tempo de xestión da alcaldía –apenas un ano- estivo ateigado de dificultades de toda índole pola coincidencia cos últimos meses da 2º Guerra mundial, o inicio do aillamento internacional, p incremento da actividade guerrilleira antifranquista dende o Forgoselo e os anos da fame para a meirande parte da poboación. Ademais, hai problemas na vida cotián polo desabastemento de alimentos do racionamento. A emigración, saída natural e tradicional da veciñanza de San Sadurniño está paralizada..Para paliar o grave problema do "paro obrero" na comarca de Ferrolterra, proponse o arranxo dos “intransitábeis camiños”. A situación das escolas era tan lamentable que a de Naraío fora clausurada en xuño de 1945 por non “reunir condiciones higiénicas”. O orzamento de 1944 foi de 110 000 ptas. Mais o Concello limítase a resolver asuntos de trámite. O 31 de xullo de 1945, coincidindo co remate da 2ª guerra mundial, o gobernador acepta a dimisión de Emilio Vigo porque “Su profesión no le permite el tiempo que necesita la alcaldía” e nomea como novo alcalde a Perfecto Calvo.
Nestes anos prodúcese a xubilación do médico municipal Enrique Fentanes Portela.
Emilio Vigo Couce vivirá en Agra de Abaixo, traballando como carpinteiro toda a vida.Falece o 11 de abril de 1991 aos 86 anos nunha residencia de Betanzos.