Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018 Chanfaina Lab seleccionada no banco de boas prácticas da xestión cultural Chanfaina Lab, XI Premio José Sellier

xentes

Historias de vida de familias , homes e mulleres das parroquias de San Sadurniño: Bardaos, Ferreira, Igrexafeita, Lamas, Naraio, San Sadurniño, Santa Mariña do Monte así como doutros concellos veciños, algúns moi preto como Moeche, A Capela, Neda, Valdoviño, As Pontes, Narón, As Somozas ou Ferrol; mais tamén hai fotos en Santiago, Ourense, Argentina ou Asturias.

Emiliano Calvo Couce, alcalde

Marques de Figueroa, San Sadurniño, 1949

Alcalde de San Sadurniño 1949-1951
Emiliano Calvo Couce naceu en San Sadurniño o 2 de febreiro do 1904. Era fillo de Manuel Calvo Meizoso (1861-1931) e Asunción Couce López. Sendo mozo probou fortuna na emigración en Cuba como fixeron tantos homes e mulleres de San Sadurniño no primeiro terzo do século XX. Casou con Josefa Romero Rey coa que terá catro fillos.
Aos 26 anos obtén acta como concelleiro nas derradeiras corporacións municipais da Monarquía de Alfonso XIII de Faustino Loureiro Couce (1930) e Manuel Dopico Díaz (1931).
Mais a sona de Emiliano medrou ao comezo da 2ª República co gallo da creación da agrupación local do PSOE e a "Sociedad Agraria Socialista" da UGT en San Sadurniño. De feito, Emiliano Calvo foi o creador e primeiro presidente do socialismo en San Sadurniño. O xornal “El obrero“ considérao como un dos "impulsores do socialismo" na contorna. Para gañarse a vida, Emiliano Calvo tiña un camión co que transportaba materiais de construción para obras, nomeadamente en Ferrol. Por subministrar materiais a unha obra boicoteada pola CNT puxéronlle unha bomba na casa en abril de 1933. O lector interesado pode coñecer aquí a historia completa.
Despois do atentado, Emiliano Calvo trasládase a Ferrol, inscribíndose no padrón municipal. Un mes mais tarde o Concello ferrolán, presidido polo alcalde socialista Xaime Quintanilla Martínez, outorgoulle un posto de traballo como “chofer municipal”. Xunto cos seus compañeiros do PSOE e UGT participa activamente na revolución do 34 en Ferrol, sendo detido o 17 de outubro dese ano. Mais en marzo de 1936, tras do trunfo electoral da Fronte Popular recupera o seu posto no Concello. Días despois da insurrección militar de xullo do 36 foron a buscalo a casa para detelo. Emiliano non o pensou dous veces e "presentouse" voluntariamente. Ao parecer salvou a vida pola intercesión do coronel Lobo Montero, co que manterá unha fonda amizade persoal que perdurará no tempo.
Participará na Guerra Civil no Reximiento de Automóviles de baterías antiaéreas. A comezos de 1940 monta un serradoiro en San Sadurniño -con Parrado de Lamas- que será o negocio que traballará durante toda a súa vida.
En febreiro de 1949 Emiliano Calvo incorpórase como concelleiro na remudada Corporación Municipal na que tamén están: Juan Pena Bouza, Medardo Mera Anidos, José Castro Lamas, Manuel Campos Díaz, José Formoso Sedes, José Peña Graña, Andrés Saavedra Romero e Antonio Carregado Soto. Deseguida Emiliano será escollido como tenente de alcalde, -substituíndo as habituais ausencias do alcalde Perfecto Calvo Fernández-, compromisario polo concello na elección de deputados provinciais e candidato para as eleccións a procuradores en cortes en 1949. O gobernador civil de Coruña nomeouno alcalde, presidindo o seu primeiro pleno o 3 de agosto de 1949. Manterá o bastón municipal durante dous anos.
Hai que salientar que naquel tempo San Sadurniño acada o pico de poboación mais alto da súa historia: 6.740 habitantes e Emiliano atopouse cunha “precaria situación presupuestaria que apenas alcanza para sufragar los gastos ordinarios y forzosos”. Baseándose na experiencia empresarial, deseguida deseñará a reestruturación da administración municipal mediante a aplicación de arbitrios e taxas para incrementar os ingresos -orzamento de 199.601 ptas en 1950- e reducir gastos. Un dos establecementos afectados será o Cinema Avenida que pasará de pagar 500 pesetas como taxa de espectáculos a “2.000 pesetas anuais ou o 30% do importe das entradas”. Mesmo atrévese a interpoñer un recurso administrativo ante o Tribunal Central de Madrid pola resolución da Dirección General de Propiedades y Contribución territorial (BOP 22-1-1950), por non estar dacordo coa “participación extraordinaria en las cuentas del tesoro por la contribución rústica y pecuaria de San Sadurniño".
Tamén en 1950 a Marquesa agasalla un solar de 16 áreas e 10 centiáreas para o proxecto de construción dun grupo escolar con dúas escolas unitarias de nenos e unha de nenas que atendera dignamente aos 280 estudantes da parroquia de San Sadurniño. Como agradecemento nomearase a Natividad Quindós "filla adoptiva do concello" nun pleno municipal extraordinario, colocando permanentemente os retratos da Duquesa e o Duque no salón de sesións. A mesma distinción foille outorgada ao Ministro de Traballo, o falanxista Girón de Velasco. Esta última medida foi revogada polo pleno municipal do 4 de setembro do 2015, sendo alcalde Secundino García Casal en cumprimento da Lei da memoria histórica..
Entre outras ponse en marcha a iluminación nocturna nas dúas Avenidas de San Sadurniño e arránxase o camiño a Rivoira. En decembro de 1950 case arde por enteiro o edificio do concello por un descuido da inquilina Josefa Sánchez Castro
Outra das súas decisións políticas será o nomeamento do Gobernador militar de Ferrol, Constantino Lobo Montero, "Alcalde de honor por su compromiso con los intereses de San Saturnino". Concederá unha subvención anual de 500 pesetas- vixente ata 1977- para o Centro Galego de Madrid, máis 100 pesetas como socio de número. Un dos últimos actos como alcalde será a creación dun palco de música no campo da feira en xullo de 1951. Cara o final do verán de 1951, o Concello concédelle tres meses de licenza por enfermidade, sendo substituído definitivamente por Andrés Saavedra Romero o 7 de outubro de 1951. O pleno municipal “le agradece el celo y efectividad demostrada por el saliente alcalde Emiliano Calvo durante el período de desempeño de dicho cargo”. Mais aínda participará como concelleiro na corporación municipal ata o 6 de febreiro de 1955; porén a Corporación presidida polo seu sucesor reclamaralle 27.218 pesetas "por libramiento expedido de manera indebida en 1951".
Emiliano Calvo finou en San Sadurniño o 30 de xullo de 1961 aos 57 anos.

  • Emiliano Calvo Couce, alcalde

  • Emiliano Calvo co xeneral Lobo Montero en Casa Germán

  • Emiliano Calvo e o PSOE en San Sadurniño (El obrero, 18-2-1933)

  • Sinatura de Emiliano Calvo

  • Emiliano Calvo en San Sadurniño

  • Emiliano Calvo, emigrante na Habana a mediados dos anos 20

  • Resolución para construir o palco no campo da feira (xullo de 1951)

  • Cesión de solar para Escolas de San Sadurniño

  • Aserradeiro de Emiliano Calvo

  • Emiliano Calvo, primeiro presidente da Asociación socialista de San Sadurniño (1931)

load

Documentos:

Bomba en San Sadurniño (1933)
Sesión extraordinaria do concello de San Sadurniño de 2 de setembro de 1950

Comentarios

Máis imaxes

Temas: Alcaldes de San Sadurniño, emigración, San Sadurniño (Concello), San Sadurniño (parroquia), xente

Compartir en: