Historias de vida de familias , homes e mulleres das parroquias de San Sadurniño: Bardaos, Ferreira, Igrexafeita, Lamas, Naraio, San Sadurniño, Santa Mariña do Monte así como doutros concellos veciños, algúns moi preto como Moeche, A Capela, Neda, Valdoviño, As Pontes, Narón, As Somozas ou Ferrol; mais tamén hai fotos en Santiago, Ourense, Argentina ou Asturias.
Agra, San Sadurniño, 1987
María Sanjurjo Gil naceu en novembro de 1898 -ao finalizar a Guerra de Cuba- e morreu no ano 1987. Filla do ebanista Ricardo Sanjurjo Piñon (de aí venlle o alcume polo que era coñecida, María de Piñón) e de María Gil Senra. O pai e algúns irmáns de María militaban no PSOE nos tempos da 2º República.
O mozo -estudante de 2º de Bac- Carlos Martínez Romero escribiu esta sentida semblanza da súa tía-bisavoa :
"María era pequena pero non cativa, o que lle faltaba de tamaño o compensaba coa súa personalidade forte, que a piques estivo de custarlle algún que outro desgusto. Amante e amada dos mais pequenos, foi a encargada de coidar dos rapaces mais novos da familia e a pesar da fame que se pasaba naqueles anos, sempre conseguía aforrar para terlles preparado algún doce co que contentalos. Estudou na escola pública de San Sadurniño.
Aquí podes escoitar a María Piñón lembrando os anos na escola nunha conversa con Ramón Díaz Raña e Olga López gravada a comezos dos anos oitenta;
.
Nin casou nin tivo fillos, o cal encaixaba perfectamente coa súa idea de muller moderna, ela repetíalle á miña nai que non tiña que vivir ao servizo dos homes, ao contrario da mentalidade do resto de mulleres da época. Traballaba como costureira e recibía dende París revistas especializadas. "Roxa" de corazón, non aturaba nin a curas nin a monxas dende que a súa irmá Mercedes probara a experiencia nun convento de clausura. Todo iso era María, pero se algo destacaba por encima de todo era a súa faceta de contacontos. Gran afeccionada á lectura, acaparaba as miradas de todos nesas típicas noites galegas arredor da lareira nas que, a falta de televisión, María era a encargada de representar historias que se alongaban en ocasións ata a madrugada. Na lembranza dos seus testigos directos quedan algúns dos contos nos que mesturaba a súa magnifica imaxinación, derivada da súa adición á lectura, coa propia historia que non vivira, pero si chegara aos seus ouvidos.
Un exemplo da súa imaxinación podes escoitalo nesta "historia do carneiro e o demo" gravada a comezos dos anos oitenta con Ramón Díaz Raña e Olga López :
.
A pesares desa mentalidade aberta e máis propia dunha persoa cosmopolita, e malia que moitos dos seus parentes emigraran cara Cuba ou Uruguay, ela viviu toda a súa vida na aldea, nun recuncho de Agra de Abaixo, San Sadurniño. Vivía nunha especie de caserío con outras dúas veciñas, Estrela de Sixto e Clotilde. Malia non chegar a coñecela, tivo unha grande repercusión indirecta na miña formación como persoa, xa que foi ela quen se encargou en gran parte da educación da miña nai na súa infancia, inculcándolle un amor pola lectura e uns valores, que mais tarde me foron transmitidos".
ANECDOTAS
Miña tia avoa Ángeles contaba entre risas a seguinte historia que ilustra o amor de María polos mais pequenos:
"Diante da nosa casa, vivía unha familia e tiñan un fillo. O rapaz baixaba moitas tardes lanzado coa súa bicicleta armando barullo. Un día María díxome que ese rapaz pasaba diante de Óscar (o fillo maior de Angeles) coa bicicleta pra darlle envexa, porque se quixese podía saír pola outra entrada. Meu fillo non lle daba tanta importancia, nin o rapaz o facía con esa intención tampouco creo eu, pero ese mesmo ano, o día de reis, mandou a o meu irmán Martín a mercar unha bicicleta. Moito nos durou.... Ela era así. Morría polos pequenos."
Pero o seu carácter forte tróuxolle algunha que outra vez situación de perigo. Miña nai contaba que súa avoa lle tiña narrado unha historia que María calaba por vergoña:
"Mi abuela me decía que un día iban las dos caminando por la carretera y María, que tenía esa mala costumbre, empezó a hacer ademanes recriminatorios a un camión que pasaba a toda velocidad. Normalmente pasaban de largo, pero esa vez el camionero, que debía de ser un poco bestia, bajo la ventanilla y le dijo que si hacía falta bajaba ahi a junto de ella. María se quedo callada y mi abuela, que iba con ella, tambien. Nunca habló de ese tema, solo Amelia (a avoa da miña nai) lo contaba."
AS HISTORIAS DE MARÍA
Como xa dixen antes, María era unha gran contacontos, que conseguía converter historias que unha persoa normal remataría en 45 min, en longas narracións de mais de dúas horas. Esa capacidade, unida á imaxinación e ao coñecemento de historias transmitidas oralmente, deu lugar a diversos tipos de historias.
Miña nai, testemuña directa delas é unha das fontes mais importantes a través da cal recollín información sobre María, contoume algunhas que vou expor de maneira resumida a continuación.
Os franceses na Ponte da Lousa
Durante a guerra de independencia, un grupo disperso de soldados do exercito francés dispúñase a atravesar Agra de abaixo, pasando pola Ponte da Lousa.Sen embargo un grupo de mulleres do lugar, fixéronse fortes nesa posición e servíndose de pedras, atacaron o exército invasor ao seu paso.
A coitadiña das paredes da igrexa
Existen testemuñas visuais dunha maquina de tortura presente na Igrexa de San Sadurniño, que foi retirada xa fai tempo.Esto fai crecer a sospeita dunha posible relación desta igrexa co antigo tribunal da Inquisición. Froito de esta suposta relación, naceron lendas como unha que di que no muro interior do ábside, encóntrase emparedada unha moza que morreu torturada polo método da gota, debido á súa negativa a manter relacións co párroco. María facía fincapé nesta historia debido ao seu manifesto rexeitamento a todo o relacionado coa xerarquía eclesiástica.
Aquí podes escoitar a María Piñón contando esa historia a Ramón Díaz Raña e Olga López a comezos dos anos oitenta:
.
Foi precisamente un conto de María o punto de partida da canción "Rosiña e o trasno" do mítico grupo Saraibas, coa divertida historia dun trasno que vive agochado nalgún dos muiños do río Aceiteiro, ao carón das Agras de San Sadurniño. Anos despois, Oscar Fernández xa no grupo "Os Cempés" deulle o seu "toque" có título "Muiñeiras de Agra".
2016-02-08 22:57:21
O segundo pola esquerda e meu tio abuelo Manuel Castro Martinez, de Prospes.
2016-02-08 22:58:15
Refirome a quinta fotografia
Temas: Convento do Rosario, familias, muller, San Sadurniño (parroquia), xente
Autor/a: Carlos Martínez Romero