Ademais das imaxes, tamén a prensa e os documentos históricos fálannos de San Sadurniño no decurso do tempo: Podes velos en orde cronolóxico aquí , ou consultar algúns datos estatísticos
As Somozas, 1610
V Señor de San Sadurniño (1610-1612).
O IV Señor de San Sadurniño deixara escrito no seu testamento en 1610, que legaba o Señorío de San Sadurniño ao seu irmán Diego de Andrade Osorio e Castro. Don Diego, tamén era fillo de Pedro de Andrade, mais era un fidalgo arruinado e non debía ter medio algún de vida, pois xa en 1597, o seu irmán concedéralle unha pensión económica anual de 600 ducados por “ser ya hombre de edad y para que pueda pasar la vida con más comodidad” , así como as rendas dalgunhas terras do morgado de San Sadurniño en Santa Marta e as Enchousas (Somozas).
Agora Don Diego é o V Señor de San Sadurniño, ainda que terá que pleitear no 1611 contra Luis de Osorio, un fillo natural do seu irmán que tamén reclama o señorío. O preito tardará anos en resolverse á favor de Don Diego.
Mais Don Diego non deixa moita pegada na historia: vivirá apenas dous anos como V Señor de San Sadurniño, falecendo no Pazo das Somozas -no que vivía- en xuño de 1612. Casara con Dª Mariana de Arroxo e Valcarcel, dama da pequena fidalguía ourensá. Un mes despois do falecemento do seu home, compareceu Dª Mariana o 7 de xullo de 1612 nos mesmos “palacios de Las Somozas” e dixo que “pudía aver veinte dias que el dicho D. Diego Osorio, su marido, se había falleçido y en su testamento la había nombrado tutora y curadora dos seus fillos menores que lle quedaran". Foi enterradona igrexa de San Sadurniño cos seus devanceiros.
Os fillos de D. Diego e Dª Mariana foron:
1- D. Pedro de Andrade e Castro, VI Señor de San Sadurniño, nacido arredor de 1596.
2- Dª María Osorio e Andrade, que casou con D. Pedro de Neira, señor de Pazos (Lugo)
Dª Mariana sobreviviría ao seu marido bastantes anos xestionando eficazmente os intereses do Señorío, nomeadamente mentres Pedro foi menor de idade. No seu testamento fica patente os resultados da súa xestión cun aparador de prata e numerosas xoias e obxectos preciosos. Finou en San Sadurniño o 5 de abril de 1643 onde previamente outorgara testamento.
Na ilustración, igrexa de Santiago das Somozas moi preto do lugar onde faleceu o V Señor de San Sadurniño