Olladas das xentes que visitaron San Sadurniño e deixaron testemuñas en forma de textos, imaxes, pinturas ou filmes: visitantes senlleiros,
San Sadurniño, 2019
6ª Chanfaina Lab (16). Estrea: luns 30 de marzo do 2020
Directora: Sara Alonso
Sinopse:"Representación da cólera, unha emoción que nos provoca respiración e pulso acelerado, rancor e agresividade mentres buscamos unha saída"
Duración: 1' 33''
Gravada dentro do programa da 6ª Chanfainalab.
Sara Alonso (Ferrol, 2002). Sara Alonso é unha inqueda artista integral a pesares de contar só con 17 anos. Afeccionada a ler, debuxar e devorar series e películas de todo tipo e nomeadamente do cinema experimental. Estudou Bacharelato de artes en Ferrol, onde desenvolveu un blog de textos e curtas: "Desastre controlado". Actualmente está a rematar 1º curso na Facultade de Belas Artes en Pontevedra..
Sara achegouse ata San Sadurniño xa cunha idea determinada e contactou con Cruz Piñón, quen lle deu facilidades para gravar durante a fin de semana: “Eu xa comezara a cavilar nas sensacións que quería transmitir coa miña peza e cando chegou o día, tiña un propósito definido sobre o que quería facer. Cruz deixoume gravar na casa onde vivira o seu sogro. Nun primeiro momento quería representar cómo sería a sensación do desexo de saír ao exterior mais ao mesmo tempo ter medo del. Posteriormente mentres gravaba os planos, a idea inicial foi evolucionando para amosar a soidade e o deterioro que sufrimos cando perdemos a alguén moi importante para nos. Pero todo isto rematou cando ao chegar a miña casa comecei a editar. Dinme conta que o resultado non me permitía construír un resultado coherente. Intenteino durante varios días e non o conseguín. Así foi cómo o cinema experimental veu na miña axuda, nomeadamente Norman McLaren, Marcel Duchamp e "Procrastinatus"de Emili Bardh, Olof Schröder, Emmanuel e Jonatan Moreno. Na curta quixen representar a frustración e o enfado, cando todo na túa vida parece ir na túa contra e o único que podes ver son os erros e inexperiencia de todo canto fixeches ata agora" .
“Cólera" utiliza a abstracción experimental, o xogo de formas libres, a montaxe e a música para expresar un sentimento, como si puideramos transcribir en imaxes unha sensación persoal, neste caso a cólera; a peza é, pois a visualización dunha crise creativa, mais tamén o resultado da procura dunha cineasta moi nova que se deixa levar pola voz propia: "Eu recomendaría aos espectadores que a viran co mente moi aberta; a peza é un retrato dun sentimento interior, non hai que entender nada, porque a única intención e amosar o que sinto a través das imaxes". Esta novísima cineasta ferrolán con mirada propia e sen prexuízo algún, sorpréndenos coa volta que lle deu a súa propia frustración, que nada ten que envexar a moitas das grandes pezas do cinema experimental.
Fotografías de Cesar Galdo
Temas: creador@s, conflitos, vídeos, visitantes, Chanfaina'Lab
Autor/a: Sara Alonso
Vídeos:
En mi mente