Forgoselo, 2024
8ª Chanfaina Lab (13). Estrea: venres, 12 de abril do 2024
Guión, cámara, dirección e montaxe: Aroa Calvo
Sinopse: "As veces unha catarse ven no momento e na maneira que menos o esperas"
Reparto: Pablo Martínez
Duración: 3’ 38’’
Gravado na Serra do Forgoselo dentro do programa da 8ª Chanfainalab
Aroa Calvo (As Pontes, 2004).
Tras estudar o bacharelato artístico no IES Concepción Arenal de Ferrol ingresa na Facultade de Belas Artes de Pontevedra onde actualmente cursa segundo curso. Dende pequena a Aroa interesoulle o mundo audiovisual e nesta edición atreveuse a facer a súa primeira peza. Tamén é a primeira vez que participa na Chanfainalab.
Aroa animouse a participar na Chanfainalab motivada polas súas inquedanzas artísticas e o seu interese polas artes de todo tipo. Colaborou xenerosamente nas pezas doutros cineastas como en "Xangal, detective paranormal" de Xoán R. Caridad e "A miña cor preferida é o verde" do seu amigo Pablo Rodríguez, mentres identificaba un fío do que tirar: "Ata uns días antes de poñerme a gravar non tiña moi claro que ía facer, as ideas que manexaba nunca chegaron a desenvolverse máis alá. Dúas semanas antes do encontro comecei a atoparme de maneira repetida coa palabra catarse, aparecía en películas e lecturas que consumía. Esta palabra e o seu significado sempre resultáronme moi interesantes e tomeino como un sinal para facer a curta sobre isto. Dende o primeiro momento souben que quería transmitir a miña visión persoal do concepto de sufrir unha catarse. Ao meu parecer as persoas sufrimos catarses moito máis a miúdo e con moita máis facilidade da que pensamos e isto mesmo quixen reflectir".
"Catarse" é unha curta singular e que representa o nacemento dunha nova cineasta con mirada propia na nosa contorna: "Para min a peza é unha limpeza interior e as metáforas visuais que decidín utilizar para transmitir esta idea foron a auga e o vento. Tamén quixen que o resultado permitira unha interpretación moi libre para que cada espectador a levara ao seu significado persoal. Penso que a peza pode considerarse como cine experimental. En xeral o resultado final é o que tiña en mente dende o principio e aínda que melloraría algo a montaxe, en xeral estou contenta co resultado final para ser o meu primeiro traballo audiovisual". Aos seus 19 anos, Aroa tenta transformar as súas sensacións no Forgoselo ou no Xuvia en imaxes visuais ou sonoras, unha proposta aparentemente sinxela, mais cos recursos expresivos e achados propios dunha obra madura. Así é como nace unha cineasta que -sen dúbida algunha- terá un longo percorrido. Parabéns Aroa.
Fotografías de César Galdo
Temas: Forgoselo, naturezas, creador@s, ríos, Chanfaina'Lab, vídeos
Autor/a: Aroa Calvo