Iniciativas e servizos promovidos polo Concello ou as asociacións culturais e veciñais de San Sadurniño.
Marqués de Figueroa, San Sadurniño, 1999
Nos anos setenta, o párroco de San Sadurniño, Ramón Díaz Raña proxectou a creación dun Fogar interparroquial nos terreos do antigo Igrexario ao carón do Convento do Rosario. O proxecto tiña como obxectivo crear un lugar de encontro da veciñanza para celebrar todo tipo de actividades culturais e sociais. Mais a idea non saíu adiante.
A creación dunha Casa da Cultura será unha reivindicación permanente de todas as corporacións municipais durante as décadas dos oitenta e noventa. Será co alcalde Lamas cando o O centro sociocultural comezou a tomar corpo mediante un Convenio co Bispado para a cesión de terreos o sete de xuño de mil novecentos oitenta e nove, diante do notario Fernando Máiz Cal.
Ao fin, nos tempos do alcalde Constantino Bedoya, comezaron as obras en xaneiro de 1995 a cargo da empresa Guillermo Sanmartin e tras varios retrasos, en maio de 1999, abriu as súas portas o Centro Socio Cultural de San Sadurniño. Nel está instalada a Biblioteca municipal, a Aula Cemit, salas de exposicións e xuntanzas e un completo salón de actos con capacidade para 250 persoas. Natalia Balseiro, primeira técnica de cultura do Concello, fálanos das diferentes actividades e espectáculos que se facían nos seis primeiros anos de funcionamento nos que a programación cultural da casa de Cultura de San Sadurniño se considerou un referente en Galicia.
Dende o ano 2006, a Casa da Cultura está xestionada polo técnico de cultura e deportes Agustín Pérez.