Olladas das xentes que visitaron San Sadurniño e deixaron testemuñas en forma de textos, imaxes, pinturas ou filmes: visitantes senlleiros,
San Sadurniño, 2015
Chanfaina'Lab (11) Estrea sábado, 4 de abril do 2015
Título: Cartas de Conquista
Director: Xurxo Chirro
Interpretaciòn: Bárbara Primo
Produción: Beatriz Lema
Duración: 4' 49"
Sinopse: "Unha investigadora visita un espazo histórico interesándose pola súa antiga moradora. No percurso le unhas "cartas de conquista" que reflicten os ángulos da mentira"
Gravado no Pazo do Concello o día 6 de setembro de 2014 dentro do programa da Chanfaina' Lab
Volve o crítico e director Xurxo Chirro do que xa presentamos hai pouco "Ao patadón" e "Teleclube", volve a sorprendernos cunha reflexión ficcionada sobre outro espazo emblemático da memoria de San Sadurniño. Nesta ocasión será o Pazo da Marquesa onde homenaxea a Jean-Marie Straub mais tamén ao recentemente finado Manoel de Oliveira. Xurxo Chirro é un dos máximos especialistas en España da obra do inmortal director portugués. De xeito similar a “Amor de perdição”, as cartas que le a investigadora serán o recurso narrativo que sosteña a narración. Cartas que se len "desdramatizadas, de xeito frontal, hierático, monocorde e teatral".
En "Cartas de Conquista" Xurxo xoga coa historia e o dominio case feudal dos marqueses de San Sadurniño, recuperando "o valor do texto e a palabra, mais tamén da palabra como creadora da manipulación histórica".
“Conquista” ten un dobre significado, pois era o título nobiliario principal de Natividad Quindós, mas ao tempo expresa o dominio da Marquesa sobre a súa contorna: a conquista territorial do seu inmenso patrimonio; a conquista económica, controlando os impostos aos colonos; e a conquista do prestixio social pola súa proximidade á monarquía borbónica; en definitiva unha reflexión histórica sobre o poder alcanzado pola marquesa no devalar do tempo.
Mais a actriz le os “aparentes” documentos nun antigo espazo privado de poder que hoxe é patrimonio social da veciñanza. Por elo “Cartas de conquista” é unha lúcida reflexión sobre as sinapses do pasado e o presente, o territorio e a memoria, como ven facendo en moitos dos seus filmes Xurxo Chirro.
Temas: Chanfaina'Lab, cinema, patrimonios, Pazo da Marquesa, San Sadurniño (Concello), Señores de San Sadurniño, vídeos, visitantes
Autor/a: Xurxo Chirro