Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018 Chanfaina Lab seleccionada no banco de boas prácticas da xestión cultural Chanfaina Lab, XI Premio José Sellier

xentes

Historias de vida de familias , homes e mulleres das parroquias de San Sadurniño: Bardaos, Ferreira, Igrexafeita, Lamas, Naraio, San Sadurniño, Santa Mariña do Monte así como doutros concellos veciños, algúns moi preto como Moeche, A Capela, Neda, Valdoviño, As Pontes, Narón, As Somozas ou Ferrol; mais tamén hai fotos en Santiago, Ourense, Argentina ou Asturias.

"Carta aos veciños de San Sadurniño"

Agra de abaixo, San Sadurniño, 1897

Antonio López Torrens era fillo do secretario municipal Justo María López, quen comezara a traballar no concello en 1856, nos tempos de Justo Álvarez Sierra. A súa nai era Carmen Torrent Borrell (1819-1883) natural de Viveiro e vivían en Agra de abaixo. Xa en 1868 traballaba como escribinte auxiliar nas oficinas municipais tras da morte do seu pai en 1867. Axiña será nomeado secretario interino do Concello, substituíndo a Antonio Culebras por enfermidade. Comezou xusto no ano inaugural da "restauración borbónica" de Alfonso XII, tras do revolto Sexenio democrático (1868-1874), bruscamente abortado polo golpe de estado do Xeneral Martínez Campos. O alcalde daquela, Nicolás Redondo Lago, noméao “escribiente auxiliar de esta oficina por su fama de honrado”, (14-2-1874). Casou co Secundina Fraguela familiar do Secretario municipal de Cerdido, Marcos García Somoza e con varios familiares en Cuba, conformando unha familia de respectable posición social en San Sadurniño
Dende o seu posto privilexiado de observación puido analizar detidamente os avatares dos sucesivos alcaldes Vicente Gonzalez, José Díaz Aneiros ou Manuel Couce, ata a toma de posesión de Tomás Rico Martínez (1885-1894), no que a súa influencia será determiñante. Precisamente no ano da súa toma de posesión foi nomeado xuiz municipal.
Asemade as boas maneiras de Antonio foron chamando a atención do vello Marqués, quen o nomeou Administrador dos seus intereses en San Sadurniño dende 1889 ata 1894 no que foi destituído fulminantemente.

O Secretario e o alcalde pretenden resolver o déficit crónico que arrastra a corporación municipal dende mediados do XIX. Para elo establecen un plan anual de orzamentos municipais que equilibre gastos e ingresos mediante arbitrios especiais aos propietarios e así deixar atrás a histórica débeda do Concello coa Administración. Nalgunhas parroquias de San Sadurniño non hai moitos “propietarios”, pois terras e casais pertencen dende a Idade Media ao Marqués, quen -residente en Madrid- ven a pasar parte dos veráns no remozado caserón familiar. A emigración está a ser a válvula de escape dos mozos, algúns con pequenas estadías, outros có asentamento definitivo alén do mar. Aqueles foron anos de malas colleitas e a terra non pode soster as familias labregas numerosas . Dende o goberno municipal constátase unha e outra vez a dificultade para cobrar os tributos ao estado “ante la imposibilidad de hacer efectivos que se hallan en poder de los contribuyentes quienes se encuentran agobiadísimos por los muchos impuestos”. Ademáis as malas comunicacións internas ou externas e a dispersión entre os numerosos núcleos de poboación do concello dificultan extraordinariamente a recadación. O secretario pretende organizar ao contribuíntes cargando especialmente nos “propietarios” e comerciantes. Mais moitos labregos, nomeadamente os que teñen terras propias das parroquias de Igrexafeita, Lamas e Ferreira non están de acordo e organizan unha rebelión contra as propostas fiscais de Tomás Rico e López Torrens. Mais o problema da desastrosa xestión do Concello de San Sadurniño saltou á prensa coruñesa e axiña agravado por unha durísima campaña de descalificacións políticas e persoais.
O gobernador civil tomará a insólita decisión de cesar a todos os compoñentes da corporación municipal en 1894, nomeando como novo alcalde, Antonio López Rodríguez, natural de Ferreira. Ese mesmo día, López Torrens dimite como secretario e case ao mesmo tempo o marqués retíralle a súa confianza como Administrador.

Mais Lopez Torrens conta co apoio da prensa conservadora e sobre todo recupera a confianza do novo gobernador dende marzo de 1895, o conservador Silverio Moreda Alvariño, quen o comisionará para "inspeccionar" concellos liberais como Somozas ou Moeche, o que provocará a indignación de xornais como o La voz de Galicia, quen o denomina "Antoñito, el fachado" en artigos como "Atropellos administrativos" ou "Las hazañas de un polizonte".


Ese é o contexto preciso para entender este documento do século XIX escrito e pagado polo propio López Torrens para limpar a súa “honra”. Non é doado descubrir -dende o século XXI- quen está baixo dos alcumes que tan sarcasticamente critica, mais podemos aventurar algunha hipótese. Os citados deben corresponder coa equipa de goberno de Antonio López. Nese senso cabe aventurar que o “zorro” é José María Díaz Rodríguez (Lamas); a “marta” ,Juan García Varela (Igrexafeita), que o avestruz correspondese a Antonio Cibreiro Pérez (Bardaos) e o serafín, ao praticante e xuíz municipal Serafín Alende, xenro do home máis poderoso de San sadurniño no século XIX Justo Álvarez Sierra; mais quén é o “lobo", considerado como o "xefe intelectual" da banda de ladróns do concello?. Pois o mais probable é que fora o novo alcalde Antonio López Rodríguez, mais o panfleto publicaríase dous meses antes de que falecera pola tuberculose que padecía (morre en maio de 1897); tamén podería ser o novo secretario municipal Eugenio Bañobre, quen tiña sona de mal encarado. En calquera caso, este curioso documento permítenos atisbar o inframundo e as "augas turbias" da tranquila vila de San Sadurniño a finais do século XIX. Moitas grazas a Vitucho por enviármonos este valioso documento.
López Torrens trasladouse a Neda, onde traballará como xuíz municipal, onde falecerá en xuño de 1912.

  • "Carta aos veciños de San Sadurniño"

  • Secundina García de Somoza, esposa de Antonio López Torrens

  • Antonio López Torrens, secretario do Concello de San Sadurniño (1875-1894)

  • O mozo Antonio López Torrens

  • Desastre de administrativo no Concello. LVG 30.8.1894

  • "Atropellos gubernativos" La voz de Galicia 15.1.1896

  • "Las hazañas de un polizonte".La voz de Galicia 11.1.1896

load

Documentos:

Carta abierta a los vecinos del distrito de San Saturnino. Antonio López, marzo 1897

Comentarios

Máis imaxes

Temas: conflitos, San Sadurniño (Concello), xente

Compartir en: