TEÑO UNHA HORTA
O proxecto quere difundir e compartir o coñecemento e a experiencia das mulleres en relación cos traballos no campo.
A actividade ponse en marcha no ano 2015 desde a Aula Cemit do concello e une alfabetización dixital e audiovisual coa preservación dos saberes da agricultura tradicional. A través de videotutorias na súa canle de Youtube,"Teño unha horta en San Sadurniño" dan a coñecer as labores agrícolas ensinando trucos e tarefas tradicionais.
Neste proxecto participan Consuelo Picos, Cruz Piñón, Lucía Pita, Carmen Couce, Carmen Bouza e Carmen Suárez.
Visita as súas hortas:A horta de Consuelo; A horta de Cruz; A horta de Lucita; A horta de Carmiña; A horta de Maruxa
Ferreira, Lamas, Naraío e Igrexafeita, 2017
4ª Chanfaina Lab (19). Estrea: venres 15 de xuño do 2018.
Idea e dirección: Carmen Bouza, Carmen Couce, Consuelo Picos, Cruz Piñón e Lucita Pita
Cámara e edición: Carmen Suárez.
Música: Hikaru Hayashi da película "A illa núa"
Sinopse:"Os traballos de cinco labregas galegas que aman aos seus boniatos.Inspirada por Oliver Laxe e Kaneto Shindo"
Duración: 6' 12''
Gravada nas hortas das parroquias de Ferreira, Lamas, Naraío e Igrexafeita , dentro do programa da 4ª Chanfainalab.
Carmen Bouza (Lamas 1948), Carmen Couce (Lamas 1949), Consuelo Picos (Igrexafeita,1945), Cruz Piñón (Ferreira 1953) e Lucita Pita (Naraío, 1937), veteranas colaboradoras de "Fálame de San Sadurniño", crearon o proxecto "Teño unha horta en San Sadurniño" no ano 2015 co obxectivo de difundir e compartir o coñecemento e a experiencia das mulleres nos traballos do campo. Na súa canle de Youtube- arredor de 70 vídeos publicados- dan a coñecer as labores agrícolas ensinando trucos e tarefas tradicionais da agricultura galega. O proxecto acadou un grande éxito mediático con 413.205 visualizacións e 1.600 subscritores, e xa recibiu unha morea de premios e recoñecementos como o "mellor web serie en VO" no Carballo Interplay, "Mellor vídeo-opinarmos" en Youtubeir@s, ou o premio como "mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores", outorgado pola fundación DomusVi. de Madrid, entre outros moitos recoñecementos e considerado xa como un referente na rede.
As cinco mulleres de "Teño unha horta" participaron na 4º Chanfainalab coa peza "Historia do cisne, o atún e a troita". Ademais colaboraron en todas as edicións da Chanfainalab axudando aos cineastas no que podían, dende a localización e produción, ata o reparto e interpretación. No decurso desta edición asistiron á Masterclass de Oliver Laxe sobre o cinema rural, na que o cineasta utilizou fragmentos do filme “A illa núa” (Kaneto Shindo, 1960). O filme narra a sacrificada vida cotián dunha familia que habita un illote do Xapón sen auga doce, onde cousas tan sinxelas como cultivar boniatos ou simplemente dispor de auga para beber, supoñen un inmenso esforzo e un reto vital. As cinco mulleres toparon alí unha fonte de inspiración e animáronse a producir unha segunda peza:"Nós estabamos un pouco tristes porque este ano non nos deixaron plantar patacas e substituímolas por boniatos. Na película xaponesa que nos puxo Oliver -que durante Chanfaina foi moi amable connosco- non paraban de regar boniatos. Ademais víase ben que o traballo que tiñan no campo era o mesmo que o tivemos nós durante a nosa vida, aínda que agora non queda nin sombra do que foi. Tamén nos identificamos coa muller xaponesa, como sustento e base da economía rural, do mesmo xeito que moitos labores agrícolas que aínda hoxe se fan por Galicia adiante".
"Boniatos no país do sol poniente" é unha fermosísima homenaxe ao cinema e ás mulleres labregas. A música e coidada estética de “A illa núa” son o envoltorio perfecto do proceso da rega dos "seus boniatos" que agromaron en San Sadurniño por mor da prohibición das patacas. As veteranas cineastas -sen complexo algún- amosan talento, autenticidade e agarimo para reflectir que o apego á terra e o traballoso de soster un rural vivo non é algo exclusivo de lugares afastados, senón unha responsabilidade da que terman moitas mulleres e homes ben preto de nós. Nótase ademais que o pasaron moi ben facendo a curta: "Gustaríanos que a xente goce moito véndoa, como nos gozamos facéndoa; magoa que non poidan facelo coas riquísimas tortillas que fixemos cos boniatos".
Para a organización da Chanfainalab non nos cabe máis que reiterar que a participación destas cinco grandes mulleres enche de sentido á nosa actividade. Sentímonos profundamente orgullos@s e premiad@s pola súa xenerosidade e animámolas para que sigan a sorprendernos nas edicións vindeiras.
Fotografías de Cesar Galdo e Gabriel Tizón.
Temas: cinema, creador@s, Ferreira, Horta de Carmiña, Horta de Consuelo, Horta de Cruz, Horta de Lucita, Horta de Maruxa, Igrexafeita, labregos e labregas, Lamas, muller, Chanfaina'Lab, vídeos, Naraío
Autor/a: "Teño unha horta"
Vídeos:
"Historia do cisne, o atún e a troita"