Olladas das xentes que visitaron San Sadurniño e deixaron testemuñas en forma de textos, imaxes, pinturas ou filmes: visitantes senlleiros,
San Sadurniño, 1901
O palentino Asterio Mañanós (1861-1937), pintor oficial do Senado, excelente retratista e pintor costumista, naceu en Palencia no seo dunha familia republicana e liberal. O seu pai, Juan Bautista Mañanós Vidal (Castellón 1835 - San Sadurniño 1908) nacera no País Valenciá, mais instalouse en Palencia, onde era propietario dun comercio en 1874. Daquela xa era un destacado militante do Partido Demócrata e concelleiro republicano na corporacion municipal palentina de 1869 a 1874. Casou coa palentina Francisca Martínez Ortega e tiveron tres fillos: Asterio, Balbino e Purificación. Esta última casará co avogado palentino e correlixionario político de Juan Bautista, José García de Quevedo, quen acadou a praza de notario de San Sadurniño en 1899.
Debido a súa avanzada idade, os pais de Asterio Mañanos decidiron trasladarse a San Sadurniño para vivir coa súa filla Purificación e o seu xenro; por esa razón o gran pintor visitará repetidas veces a familia en Galicia dende 1900 a 1912. Podemos velo participando activamente na procesión das festas de Santa Isabel de 1902. En setembro de 1905 morrerá a súa filla de quince meses, Purificación. A finais de agosto de 1908 falece o pai de Asterio en San Sadurniño aos 73 anos de idade.
Tras das estadías artísticas en Roma e París, Asterio Mañanos casou con Leonor López del Plano y Ramírez de Arellano e instálase en Madrid arredor de 1891. Mais todos os veráns achegábase ata San sadurniño para pasar algúns días cos seus pais que xa ían maiores. Por eso, gran parte dos cadros de "tema gallego" de Asterio como "El cuento", "Pobres ..y enfermos", "¡Coitadiños¡", "Interior de una casa de aldea", "Quien escucha, su mal oye" foron pintados en San Sadurniño entre 1900 e 1912. Un bó exemplo é o lenzo "El testamento de aldea" no que figura o seu cuñado, o notario-poeta José García de Quevedo.
A altura de 1908 -ano no que morre o seu pai- residiu unha longa temporada en San Sadurniño e mesmo participou activamente na axitada política local apoiando explicitamente á Asociación agraria "La Moralizadora" e asistindo aos seus mitins de xuño e agosto de 1908.
Mais a pesares do seu compromiso liberal e progresista, Asterio tamén é un vello coñecido dos moi conservadores marqueses de San Sadurniño aos que retratara no Senado en 1906. O pintor palentino vendeulle á Marquesa varias copias de mestres da pintura española -pintados no 1903- para colgar nas paredes do remudado Pazo de San Sadurniño. Algúns dos lenzos de gran formato expuxéronse no Convento do Rosario no 2012.
Na ilustración, o cadro "Cosecha perdida", pintado en San Sadurniño arredor de 1901 e que reflicte a desolación dunha familia labrega despois de que unha treboada de saraiba lle estragase a colleita. O carballo no centro do cadro é o mítico "roble de la marquesa", tamén pintado por Leyra Domíngues en 1949 como "O patriarca da Fraga"
2021-01-30 21:00:36
Hace años organicé en Palencia una exposición de Asterio Mañanós. Me encantaría comentar con ustedes respecto a la información que se recoge en esta página. Un saludo.
Temas: pintura, labregos e labregas, Pazo da Marquesa, San Sadurniño (Concello), visitantes
Autor/a: Manuel González Álvarez