Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018 Chanfaina Lab seleccionada no banco de boas prácticas da xestión cultural Chanfaina Lab, XI Premio José Sellier

mirada propia

Creacións audiovisuais, literarias ou artísticas realizadas por autores naturais ou residentes en San Sadurniño: creador@s, escultura, Revista Pumariño, músicos, pintura, poesía, teatro

"As vacas desaparecidas"

Bardaos, 2023

7ª Chanfaina Lab (4). Estrea: venres 10 de marzo do 2023
Realización: Bieito Beceiro
Reparto: Montse Fernández e Manuel Beceiro
Sinopse: “A desaparición recorrente de animais crea confusión nunha familia de gandeiros. Malia non seren capaces de atopar un motivo lóxico para as desaparicións, o día a día segue o seu curso”
Duración: 3' 56"
Feito en Bardaos dentro do programa da 7ª Chanfainalab



Bieito Beceiro (San Sadurniño, 1998) é un mozo da parroquia de Bardaos. Actualmente está a estudar un programa de doutoramento en informática na Universidade da Coruña, onde tamén realiza labores de investigación e docencia. Se ben é certo que para o seu desenvolvemento profesional escolleu o ámbito da informática, dende novo tamén amosou interese polo audiovisual coa realización de varios vídeos sobre a historia local para a materia de Historia durante os seus estudos de bacharelato. Por exemplo, a recreación da "Toma de posesión de Bernardino de Andrade". Ademais dos vídeos “para clase”, o cineasta local tamén realizou pezas como "Pregón do San Pipote", “A vista de cabalo do demo” e "Reparacións interdimensionais" . Estas dúas últimas para as 5ª e 6ª edicións do Chanfaina Lab, respectivamente. Na 5º chanfaina tamén acreditou as súas dotes de actor en "Breixo" de Javier Seoane. Por último, nesta sétima edición do Chanfaina Lab, ademais da realización da súa curta, Bieito colabora como co-director e actor na curta “Interxeneracional” de Xavier Villaverde.

Cando comezou a deseñar a peza, Bieito non tiña moi claro por onde tirar: "Lembrei que as vacas son uns animais moi particulares, polo que pensei gravar varias tomas do seu comportamento e seleccionar as partes máis interesantes case ao xeito dun documental de natureza. Mentres revisaba o material gravado acordeime de varios filmes nos que as vacas son abducidas pola noite nas granxas, e ocorréuseme facer algo parecido. Así, podería seguir gañando práctica co modelado 3D e a integración dos efectos especiais, ámbitos cos que me iniciara na anterior entrega do Chanfaina Lab con "Reparacións interdimensionais". A secuencia que me resultou máis difícil foi a escena da abdución, xa que nun principio quería animar toda a situación. É dicir, quería que se vise como a vaca era atraída polo OVNI e como despois, este fuxía cara ao espazo. Porén, a toma gravada non era o suficientemente longa e non fun capaz de modelalo todo ao tempo. Esta escena tamén prantexome dúbidas durante a montaxe, pois non sabía en que parte da peza podería encaixar mellor. Finalmente, decidín pospoñela para o derradeiro momento".

En "As vacas desaparecidas", Bieito segue a apostar polo relato breve, con ese punto de humor retranqueiro característico de Bardaos e que se agocha baixo a capa de boa xente moi apreciable na súa magnífica interpretación na curta de Xavier Villaverde "Interxeneracional". " A miña intención foi a de crear unha curta de suspense, aínda que non sei se o conseguín. Un dos seus defectos estaría relacionado co son, xa que ao realizar a peza decidín non elaborar unha banda sonora que acompañara á narración. Visto o resultado, considero que tería axudado a transmitir máis emocións. Mais en resumo, malia as complicacións mencionadas previamente, penso que o resultado foi moderadamente bo. Por suposto, Bieito, as persoas que visionen a peza van ficar cun sorriso de orella a orella.

  • "As vacas desaparecidas"

  • As vacas de Bieito en Bardaos

  • Foto de familia do 7ª Chanfaina Lab

  • Prantación da árbore na Cortiña de San Sadurniño

  • Bieito con Maruxa e Xavier Villaverde

  • Xantar da 7ª Chanfaina Lab

  • A chanfaina, o prato estrela do encontro

  • Despedida de cineastas en setembro

  • Bieito con Xavier Villaverde e Manolo Gómez na gala de febreiro

  • Gala da estrea das pezas da 7ª Chanfaina Lab

  • Bieito Beceiro recolle a Lola Chanfainera

  • Cineastas na gala da estrea das pezas en febreiro 2023

load

Comentarios

Máis imaxes

Temas: animais, Bardaos, Chanfaina'Lab, cinema, creador@s, labregos e labregas, vídeos

Autor/a: Bieito Beceiro

Compartir en: