En San Sadurniño existe unha longa tradición en numerosas actividades deportivas organizadas por Asociacións ou polo Concello. Nomeadamente pola historia futbolística do CF San Sadurniño ou UDC Narahío que leva xa mais de 40 anos en funcionamento e os actuais equipos de fútbol masculino e feminino. Mais tamén noutros deportes como o equipo de voleibol "Aldebarán Intasa" que xoga na Super liga da Real Federación Española de Voleibol; o clube ciclista Biela e Chaveta e o clube de danza e bale moderno "Brío". O campo de tenis do Pazo da Marquesa probablemente sexa un dos mais antigos de Galicia
Currás, San Sadurniño, 1998
A área recreativa de Currás está situada ao pé do Campo de fútbol e a Piscina Municipal de San Sadurniño. A área recreativa naceu oficialmente na década de 1990, nos tempos do alcalde Constantino Bedoya, como espazo de lecer e esparcemento da veciñanza.
Mais o espazo de lecer mais importante do Concello ten unha historia accidentada que comeza coa doazón da Marquesa dunhas terras na Bidueda en 1946. Á altura de 1985 o párroco de San Sadurniño, Ramón Díaz Raña, inicia as xestións para agrupar varios ferrados de terra na área de Currás. Tras múltiples xestións e problemas de todo tipo, ao fin en 1989, o Bispado cédelle ao Concello, presidido polo socialista Manuel José Lamas, os terreos sobre os que se vai construir a Área Recreativa.
A piscina inaugurouse no 1998 e o campo de fútbol no 1999. Co tempo fóronselle engadindo melloras, como o céspede artificial (2016), e a remuda completa das instalacións (finais de 2016 e inicios de 2017), co obxectivo de dotalas de máis equipamento, mellorar a súa accesibilidade e potenciar o seu uso como espazo de lecer durante todo o ano. Unha cancha multixogos, un pequeno campo para botar pachangas a fútbol ou a volei, a redistribución das barbacoas e a rehabilitación dos vestiarios da piscina, compoñen a maior parte das actuacións dun proxecto co que se persegue converter a área de Currás nun lugar que se poida usar durante todo o ano e, especialmente, na primavera e mailo verán.
Asemade o gran artista local Carlos García Romero realizou un gran mural -30 metros de longo por 6 de alto- na parede do campo de fútbol.