6ª Chanfaina Lab (20). Estrea: venres 3 de abril do 2020
Directora: María Yáñez
Imaxe e son: Luís Avilés
Reparto: María Yáñez, Ivan Sanjurjo, Sabela Íñiguez .
Canción principal: "A pantasma Tom". Grupo Estreliñas, 1998
Sinopse:"A primeira vez que estiven en San Sadurniño foi no 1988, con case 10 anos, para participar no concurso de canción infantil en galego Cantareliña. O concurso, que organizaban membros do grupo musical Saraibas cando o cura Ramón Díaz Raña, foi todo un fenómeno sociocultural na Galicia dos anos 80 e o seu epicentro era San Sadurniño. Hoxe hai unha xeración de nenas e nenos que ou ben participaron, desde lugares de todo o país, ou escoitaron as cancións nos diferentes discos que se editaron. Antes da xeración Xabarín estaba a xeración Cantareliña. E aproveitei a miña visita a San Sadurniño participando no Chanfaina Lab para lembrar aqueles tempos con outros dous participantes, Iván e Sabela."
Duración: 11'.18"
Gravada en San Sadurniño durante a fin de semana do 6 ao 8 de setembro do 2019 dentro do programa da 6ª Chanfainalab
María Yáñez (Lugo 1978), é licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago. Desenvolveu moitos proxectos para cine e televisión coa produtora Continental, e anos máis tarde dirixiu para a TVG o documental "Linguas Cruzadas", o programa "O país dos ananos", así como varias galas e especiais da TVG. Leva dúas décadas traballando como xornalista en medios dixitais, desenvolvendo contidos audiovisuais para internet, deseñando estratexias de comunicación online (Bravu.net, Vieiros, etc) e comisariando diversos proxectos de cultura dixital como o festival Carballo Interplay ou o LAIC da Coruña. Asemade traballa como docente en numerosos masters sobre novas tecnoloxías. María está considerada como un referente e unha das profesionais máis sobranceiras da cultura dixital en Galicia. Na actualidade dirixe VINTE , unha revista online de sociedade, cultura e tendencias vinculada ao xornal Praza.gal.
María xa viñera a Sansa de cativa e traía unha bala na recámara ateigada de nostalxia; ela mesma relata con total precisión o proceso de cociña da súa idea: "Coma outra moita xente, abafada polos quefaceres do traballo diario, cheguei a San Sadurniño sen unha idea moi clara do que ía facer. Quería deixarme levar pola experiencia, explorar o lugar, aproveitar para escapar do barullo cotián para facer un exercicio de introspección e de experimentación coa cámara. Na recámara levaba a idea de facer algo sobre Cantareliña, pero tampouco tiña moi claro o qué. O caso é que as cousas saíron doutra maneira. En vez de ir eu soa por aí, nun momento dado decidín meterme nun coche con Luís Avilés, Ana Moreiras e Susana Diz, que tamén andaban chanfaineando e ían dar unha volta e localizar. Foi a mellor idea que puiden ter. Porque das conversas, dos vermús, das risas e das historias que nos contamos uns aos outros saíu o estímulo para facer algo sobre "Cantareliña". Esa tiña que ser a historia. Logo cadramos con Ivan Sanjurjo e Sabela Íñiguez, e cando empezamos a falar de Cantareliña saíunos espontaneamente aos tres cantar o himno. Aí foi onde atopei o fío condutor da película. Pedinlles que viñesen comigo ata o parque da Marquesa, onde se celebraba o festival, e aí tivemos unha conversa na que puiden participar grazas que a cámara a fixo o amigo Avilés.
Xa tiña algo de material do que partir, e a posibilidade de entrevistar tamén a Martín e Miguel Sanjurjo, de Saraibas, dous dos impulsores do festival. Medio quedara con eles o domingo para gravalos, pero ese plan tamén se alterou por tres motivos: 1) Decatarme de que esa xente ten tanto que contar que excedería o límite de tempo e de produción da miña peciña para o Chanfaina. A súa testemuña merece mellor capacidade de escoita, de rexistro e de edición da que eu tería eses días. Convén gardala para cando se faga un documental de verdade sobre Cantareliña, e está claro que hai que facelo. 2) Apetecíame facer algo máis persoal, partindo da miña xeración e da miña propia experiencia, e non tanto un traballo xornalístico. 3) O San Pipote de Bardaos. Acabamos Iván, Ana, Susana e mais eu collendo de noite un taxi a Bardaos para asistir á verbena e procesión de San Pipote. Tiñamos moitas ganas de festa e estivemos bailando ata preto das 6 da mañá. Debían ser as 7:30 cando me deitei, daquela maneira. E ás 9:15 acordei toda agobiada. E a miña película? Só gravara aquela entrevista e algúns recursos. Que máis podía facer?. Apenas quedaba un día de gravación e nin tiña moita idea de que gravar nin, por suposto tiña corpo ou a cabeza despexada. Púxenme a escribir daquela un guión para unha posible voz en off que contase, case a tempo real, a miña experiencia no chanfaina e as miñas dificultades para atopar a película. Inspireime nas películas de Elías León Siminiani, que case se van facendo a si mesmas de xeito autobiográfico, con moitos detalles que parece que non importan pero si que importan: a verbena, o kalimotxo, as gravacións dos meus compañeiros, as conversas con outros chanfaineiros aqueles días, a morte de Camilo Sesto, que acababan de anunciala esa mesma mañá… ben, escribín 5 folios de voz en off coa inxenuidade de que algún día tería tempo para montar toda aquela historia. E de que sería de interese para alguén. Ao final a intuición (e a resaca) levoume a buscar a esencia do que quería contar. Para iso só precisaba silencio, un lugar e unha frauta. E un operador de cámara e son, de novo Luis Avilés. E despois de almorzar regresamos ao Parque da Marquesa, onde me puxen a tocar a frauta que me prestara Sabela intentando sacar a melodía de "A pantasma Tom", a canción coa que concursamos en Cantareliña. Se non fose polos kalimotxos da noite anterior nunca tería o valor para pórme diante da cámara a facer iso. Véxome e saio horrible, pero fágome gracia. Vese que fun quen de entrar nun nirvana que me retrotraeu a aquela primeira viaxe a San Sadurniño. E compadezo a Luís, que tivo que aturar 25 repeticións da melodía na frauta. Por chamarlle algo a aquel tocar cheo de erros e para o que me faltaba o alento."
En "Apuntamentos para un filme sobre Cantareliña" intégranse de marabilla os dous niveis que caracterizan os bos documentais: por unha banda a mirada propia e o pouso persoal que converte en único un filme, e pola outra o rexistro da memoria colectiva ou experiencia humana a través de testemuñas directas ou material de arquivo."E o resultado o proceso foi esta peli. Unha humilde homenaxe, a Cantareliña e un pouco tamén a Agnès Varda, que disque ten algo do seu estilo. Pero eu prefiro chamarlle Agnès Bardaos. Intento que estean presentes ambos aspectos: a testemuña do “nós” (os nenos que fomos a Cantareliña) e a performance do “eu". As imaxes do arquivo fixeron o resto. Tamén como homenaxe á memoria colectiva que se comparte espontaneamente en internet e pola que tanto fan proxectos como Fálame de San Sadurniño." Moitas grazas María por esta delicatessen requintada e por manter viva unha lembranza que rende xustiza a un esforzo colectivo realizado hai anos por veciñas e veciños, nenos e nenas de toda Galicia.
Fotografías de Cesar Galdo
"Apuntamentos para un filme sobre Cantareliña"
María Yáñez na 6ª Chanfainalab
María Yáñez na sesión preparatoria da 6ª Chanfainalab
María prantando o castiñero da 6ª Chanfainalab
María e @s cineastas da 6º Chanfainalab
María na prantación do castiñeiro da 6ª Chanfainalab
María facendo unha fotolembanza do novo castiñeiro
María na "Eira de cineastas"
María na foto oficial da 6º Chanfainalab
María de marcha polo San Pipote de Bardaos xa de madrugada
María de resaca pola mañá
Luis, Sabela, Maria e Iván
Comezando a gravar a historia de Cantareliña
Iván e María en espello coa cámara
Na gravación de "Apuntamentos para un filme sobre Cantaleriña"
María, Luis, Susana e Ana Moreiras.
Martín Sanjurjo e María.
Sabela, Maria e Iván Sanjurjo
María no set de rodaxe de "Casa Torina"
María no xantar da Chanfaina
María e Cruz Piñón no fotocall da 6º Chanfainalab
María c@s cineastas da 6º Chanfainalab
María recollendo a "Lola chanfaineira"
María Yáñez na estrea mundial de "Apuntamentos para un filme sobre Cantaleriña"
Ola María. Moi ben todo. Grazas polo recordo. Ánimo
María Yáñez
2020-04-06 12:16:48
Moitas grazas a ti pola mensaxe, Ramón. Alégrome de que che gustase. A moita xente lle fixo recordar Cantareliña, é impresionante a pegada que deixou en moitas de nós. Unha aperta grande.