Historias de vida de familias , homes e mulleres das parroquias de San Sadurniño: Bardaos, Ferreira, Igrexafeita, Lamas, Naraio, San Sadurniño, Santa Mariña do Monte así como doutros concellos veciños, algúns moi preto como Moeche, A Capela, Neda, Valdoviño, As Pontes, Narón, As Somozas ou Ferrol; mais tamén hai fotos en Santiago, Ourense, Argentina ou Asturias.
Agra de abaixo, San Sadurniño, 1838
Alcalde de San Sadurniño (1838); (1844-1845)
O segundo alcalde de San Sadurniño foi o veciño da parroquia de San Sadurniño Antonio Sisto, quen era caseiro do Marqués. Casara con Berta Romero e conformaron a rama materna da saga dos López Sisto. Don Antonio comeza a exercer a alcaldía o 28 de maio de 1838, substituíndo a Miguel Bastida coa constatación de que “no hay fondos algunos en la depositaría de fondos para atender las cargos de esta corporación”. O orzamento daquela era de 3.000 reais. Só estivo na alcaldía seis meses.
Os concelleiros son pequenos propietarios labregos das sete parroquias que saben ler e escribir. Nomes e familias que repetirán no poder municipal durante o século XIX: Domingo Vicente Rivera, 1º tte alcalde, (Lamas); Pedro Couce, síndico (Monte); José Castrillón, (Lamas); Gregorio Pita, (SS); Alejandro Meizoso (Naraío), Juan Pillo (SS), Domingo Antonio Durán (Ferreira) e Francisco Seijas (Igrexafeita).
A Guerra civil Carlista, que está desangrando as arcas do estado, "obriga" a creación da Milicia Nacional, formada por unidades de 30 homes por cada 1.300 habitantes para garantir a seguridade no distrito. Mais en San Sadurniño semella que non hai individuos libres para formar a milicia “excepto los criados de servicio y pobres de solemnidad”. O goberno liberal instaura un novo imposto de "contribución extraordinaria de guerra". Tamén chama a atención o gran peso da parroquia de Lamas na recadación das contribucións.
Antonio Sisto entrega o bastón da alcaldía a Manuel Azcona en decembro de 1838, mais aínda accederá a un segundo mandato no bienio 1844-1845
Na ilustración, sinaturas da corporación municipal de 1838.