Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018 Chanfaina Lab seleccionada no banco de boas prácticas da xestión cultural Chanfaina Lab, XI Premio José Sellier

xentes

Historias de vida de familias , homes e mulleres das parroquias de San Sadurniño: Bardaos, Ferreira, Igrexafeita, Lamas, Naraio, San Sadurniño, Santa Mariña do Monte así como doutros concellos veciños, algúns moi preto como Moeche, A Capela, Neda, Valdoviño, As Pontes, Narón, As Somozas ou Ferrol; mais tamén hai fotos en Santiago, Ourense, Argentina ou Asturias.

Antonio López Rodríguez, alcalde

Ferreira, 1894

Alcalde de San Sadurniño (1894-1897)
Antonio López Rodríguez naceu en Ferreira en 1855. Fillo de Francisco López e María Rodríguez. Casou con Juana Rodríguez coa que terá dous fillos: Enrique e Consuelo López Rodríguez.
Tras dez anos ininterrompidos no poder municipal de Tomás Rico Martínez, os ánimos da veciñanza andan exaltados. Nos xornais fálase do "derrumbe" do concello de San Sadurniño A débeda do Concello non deixa de medrar e ao fin hai unha remuda "forzosa" da corporación. O gobernador civil, Lorenzo Moncada Guillén, destitúe a todos os concelleiros no mes de xuño de 1894 e nomea novo goberno municipal poñendo á fronte provisoriamente ao alcalde accidental Juan García Varela. Ademais, o alcalde Tomás Rico está enfermo. Durante o mes de xullo celebraranse seis plenos, ata que o 8 de agosto de 1894 toma posesión o novo alcalde Antonio López Rodríguez. Os seus compañeiros serán: José María Díaz Rodríguez, (1º tte alcalde) Lamas; Juan García Varela (2 tte alcalde) Igrexafeita; Antonio Cibreiro Pérez (síndico) Bardaos; Domingo Soto Seijas (suplente síndico); José López Romero; Bardaos; Tomas Vellón Fernández (Lamas), Manuel Romero Mera, Blas Soto Prieto (Naraío), Santiago Calvo Ramos (SS), Antonio Castro Varela (Ferreira) e Francisco Sande.

Si tiveramos que identificar os anos mais conflitivos da historia recente de San Sadurniño, cabería respostar que quizais foran son os catro que durou a alcaldía de López Rodríguez. 1894, o primeiro do seu mandato, será un ano moi axitado para a veciñanza de San Sadurniño. En outubro estoura unha bomba e intentarán queimar a casa do practicante municipal- Serafín Alende, sinalado por moitos como o “muñidor” e besta negra do concello, xunto co efémero secretario municipal, o conservador Eugenio Bañobre. A gobernanza de López Rodríguez, comeza levantando as alfombras "ante el lamentable estado en que se halla la administración municipal tanto en lo relativo a los servicios o trabajos de la secretaría como a la hacienda municipal": destitúe cargos municipais, entre eles ao secretario López Torrens, ordena un arqueo de fondos e revisa os orzamentos dos últimos anos, responsabilizando aos membros da anterior Corporación do déficit municipal galopante: . Lembremos que o Concello arrastraba unha débeda dende mediados do século XIX, por mor non só da mala xestión, mais tamén polos “escasos” contribuíntes nun concello tan pobre, ruralizado e disperso, nomeadamente en anos de malas colleitas. Poucos labregos son propietarios das terras que traballan, moita emigración e case inexistentes os comerciantes ou industriais, o que complica a recaudación esixida polo goberno e o sostemento das arcas municipais. Dende 1890, o secretario López Torrens e o alcalde Tomás Rico propuxeran unha suba proporcional nos impostos e arbitrios para paliar o deficit histórico. Mais en 1894 o Concello xa manexa unha débeda coa Deputación de 27.640 ptas, outra polo impago das cuotas da cadea do partido de 2.500 ptas. O pleno de abril de 1894 acusa ao goberno anterior da "herencia recibida": “El ayuntamiento, vista la negligencia y abandono que se observan por la falta de cumplimiento de sus deberes, desde luego declaran responsables de las expresadas cantidades al alcalde y concejales de los últimos cinco anos”. Así pois confeccionan un cadro de morosos –alcaldes e concelleiros de anos anteriores- aos que pretenden cobrarlle o déficit municipal. Sen embargo o proceso non debeu ser legal, porque dous anos despois, en novembro de 1896, concedéuselle unha moratoria de oito anos e permisos para implementar impostos extraordinarios co fin de cubrir a débeda. De feito, o ex-secretario Antonio López Torrens escribirá en marzo de 1897 unha durísima carta aberta aos veciños de San Sadurniño denunciando a torpeza e caciquismo da corporación presidida por Antonio López Rodríguez e no que adiviñamos o mal ambiente que se vive no Concello neses anos.

Outros “inimigos” da nova corporación serán os comerciantes Luís Loureiro Pita e Víctor López de la Ballina, depositarios dos impostos de consumos nos tempos do alcalde anterior e substituídos por Gregorio Fernández Castrillón (do Concello das Somozas). A animadversión contra Loureiro Pita é moi evidente porque o Concello merca os subministros de material administrativo en Neda para non ter que facelo no comercio de Loureiro. O Concello tamén os denunciará, mais o gobernador Civil decláraos “exentos de responsabilidade”. Así e todo, o goberno municipal recorrerá a decisión do Gobernador ante a xustiza estatal. Porén o concello perderá tamén o recurso. Todas estas reclamacións legais inútiles consumen diñeiro público e quizais fora un dos motivos da dimisión do Secretario municipal Eugenio Bañobre no verán de 1886 .
A partires do 21 de setembro de 1896 o alcalde deixa de presidir os plenos “por catarro bronquial” e de feito morrerá en maio do ano seguinte “de tuberculoses”, sendo substituído polo tenente de alcalde José María Díaz Rodríguez.

Polo demais, apenas se moverá algo en San Sadurniño nestes 4 anos. A corporación segue a ser políticamente afín ao Partido conservador; hai un gasto de 150 pesetas da época para viaxar ata Pontedeume “para ofrecerle los respetos y la adhesión ao Marques de Figueroa, o "cacique en Madrid" de San Sadurniño. Tamén o vello Marqués ten ao seu home en San Sadurniño , o Administrador do pazo Antonio López Torrens. Ante a inestabilidade crecente e algúns roubos no seu Pazo, solicita “construír una verja con zócalo de mampostería paralela a la casa cochera” (27-8-1894). O ambiente labrego anda enrarecido e o Marqués - que ven pouco por San Sadurniño -agás no verán de 1896- preitea de contado con colonos e foreiros. O preito mais sonado desembocará nos violentos sucesos de Mugares (Ourense).
A obra mais destacable deste período é o comezo das obras da actual Avda Marqués de Figueroa en xaneiro de 1897.
Neses anos tamén houbo novas de sonadas broncas nas feiras locais, a mais famosa foi a de xuño de 1896 en Santa Mariña con cinco feridos graves ou a festa do Biscordel no mesmo ano, no que resultou ferido o alcalde de barrio. Quizais fosen os motivos inspiradores do poema que deu orixe a canción "Fun a feira de San Sadurniño". Hai un consenso xeralizado na necesidade urxente de establecer unha unidade da Garda Civil, o que se conseguirá en 1898.
Antonio López Rodríguez morre na súa casa da Seara -fronte a igrexa de Ferreira- o 4 de maio de 1897 aos 42 anos por unha tuberculose.

  • Antonio López Rodríguez, alcalde

  • "Listaxe de debedores do Concello"

  • Casa de Antonio López na Seara (1885)

  • Casa de Antonio López (1885)

  • Prazas libres en San Sadurniño en xullo de 1896

  • Comezo das obras da Avda do Marqués de Figueroa 7.1.1897

  • Derumbe do Concello. La voz de Galicia 30.8.1894

  • Derrumbe do Concello. La voz de Galicia 30.8.1894

  • "En defensa de los buenos". Desastre na xestión municipal 4.5.1895

  • Desastre no concello .La voz de Galicia, 5.9.1895

load

Documentos:

Carta abierta a los vecinos del distrito de San Saturnino. Antonio López, marzo 1897

Comentarios

Máis imaxes

Temas: Alcaldes de San Sadurniño, conflitos, Ferreira, San Sadurniño (Concello), xente

Compartir en: