Ademais das imaxes, tamén a prensa e os documentos históricos fálannos de San Sadurniño no decurso do tempo: Podes velos en orde cronolóxico aquí , ou consultar algúns datos estatísticos
San sadurniño, 1596
IV Señor de San Sadurniño (1596-1610)
Don Antonio Bermúdez de Lanzós, IV Señor de San Sadurniño, era fillo de Pedro de Andrade y Bermúdez de Castro, quen morreu arredor de 1596, despois dunha longa vida.
Mais o luxoso tren de vida do “rumboso” pai no seu prolongado tempo de Señorío, fai que D. Antonio teña que comezar a súa andaina de fidalgo rendista baixo mínimos económicos. O IV Señor de San Sadurniño herda un Señorío arruinado e endebedado. O morgado apenas ten liquidez e o patrimonio familiar moitas débedas acumuladas, que só poden pagarse coas rendas dos servos porque os "señores non traballan". Practicamente durante toda a súa vida viviu do patrimonio da súa muller “con cuyos bienes me ha sustentado mucho años”. Mais coma cabeza do señorío debe comezar en 1597 por dispoñer unha dotación económica para o seu irmán Diego- “ya hombre de edad”- cunha pensión de 600 ducados e algunhas terras do morgado no seu beneficio, como a xurisdición nas propiedades da familia en Santa Marta e as Enchousas (Somozas), en cuio pazo poderá vivir e de feito morrerá anos mais tarde, en 1612.
Ambos irmáns, Antonio e Diego, casaran con dúas irmáns da pequena nobreza ourensán, Francisca e Mariana de Arrojo y Valcarcel. Segundo se desprende da documentación da época, Don Antonio e Dona Francisca mantiveron unha boa relación, aínda que non tiveron fillos -unha traxedia para un morgado-; mais Antonio deixara un fillo natural cunha muller chamada María Preta. Seis meses antes de morrer outórgalle un poder a Luís Osorio, recoñecéndoo como fillo e herdeiro do morgado dos seus devanceiros; mais cando a morte se achega, no seu testamento racha coa palabra dada, renega do seu fillo natural e nomea como herdeiro ao seu irmán, Diego de Andrade Osorio e Castro, que será o V Señor de San Sadurniño. Esta renuncia semella escura e turbia. Podemos imaxinar un culebrón fidalgo coas presións familiares para desheredar a un fillo natural –posiblemente de nai plebea- e facer recaer o morgado no seu vello irmán de "sangue azul", Diego, que ademais, xa ten un herdeiro de 16 anos chamado Pedro de Andrade.
Tamén resulta un indicvador do seu caracter un trasacordo que tivo cos dominicos. Don Antonio cabreouse e tentou botalos do convento de San Sadurniño, mais aos quince días arrepentiuse e retornou a aceptalos.
A apurada economía na que vive Don Antonio e a súa debilidade de carácte resultan patentes no testamento que outorga en 1609, apenas 13 anos despois de morrer o seu pai. O IV Señor de San Sadurniño está arruinado. Nel podemos comprobar as numerosas débedas que deixa a propios e estranos, e mesmo que ten ao seu persoal de servizo sen pagarlle os xornais. Como se di nun documento posterior “por haberse falleçido el dicho don Antonio, su tío, muy pobre y cargado de deudas, de tal suerte que no hubo quien quisiese açeptar su herençia ni para pagar la dote de doña Françisca de Arroxo, su muger”.
Don Antonio decide soterrarse na igrexa do Convento do Rosario de San Sadurniño e debeu morrer a comezos de 1610. Aínda así quédanlle folgos de fidalgo fachendoso, pois manda “que lle se de de comer aos pobres que asistan ao meu enterro viño e carne”.
Na fotografía, capela dos Andrade-Lanzós onde se soterraron os restos do IV Señor de San Sadurniño
Temas: Pazo da Marquesa, San Sadurniño (Concello), Señores de San Sadurniño