Olladas das xentes que visitaron San Sadurniño e deixaron testemuñas en forma de textos, imaxes, pinturas ou filmes: visitantes senlleiros,
San Sadurniño e Naraio, 2026
10ª Chanfaina Lab (13). Estrea: 8 de maio do 2026
Directora: Irene Pin
Duración: 5' 45"
Sinopse: Na aldea do Pico, na parroquia de Naraío, vive Alicia. Entre os veciños, ten sona de cantar ben porque é unha das voces da misa. Pero Alicia fai moito máis ca iso. Aos seus 90 anos, decidiu anotar decenas de coplas tradicionais, por medo a esquecelas. Algunhas tenas plastificadas, mentres que outras están escritas á man. Vainas apuntando cando lle acordan. As melodías xa lle custa lembralas, a cabeza xa non é o que era. Alicia no país do esquecemento reconstrúe, a través da súa historia e da paisaxe, unha melodía da desaparición, que reflexiona sobre a fraxilidade da memoria e a vontade de transmitila, de deixar un testamento inmaterial que alguén poida recoller.
Equipo artístico: Alicia de Casal, Basilio Dopico, Mariluz de Vicenta
Equipo técnico: J. Marinho - Produción, Irene Pin - Realización
Música: Iria Iglesias
Gravado na parroquia de San Sadurniño e Naraio dentro do programa da 10ª Chanfainalab
Máis información sobre esta peza en: Chanfainalab
IRENE PIN (Lugo, 1995) é directora e guionista. É creadora da serie “Lume”, unha coprodución galego-portuguesa de Setemedia e Coral que acaba de ver a luz en HBO Max, RTP e TVG. Este eco-thriller foi un dos nove seleccionados polo Consello de Europa para o seu novo Programa Piloto de Coproducións de Series. Entre as súas curtametraxes destaca “Somos cárcere” (2021), cunha axuda ao talento de AGADIC. Tamén escribiu e dirixiu as series web “Amnesia 3.0” (2020), mellor piloto de ficción no Festival de Cine Español Emergente e mellor serie galega no Carballo Interplay; e “Rent-a-pal”, producida para Agalega.gal, mellor dirección no Carballo Interplay. Este ano estrea “Non canto por cantare”, un documental seriado sobre a transmisión da música popular galega, con motivo das Letras Galegas. Paralelamente traballa no desenvolvemento de “Terás que saltar”, a súa opera prima, con Cósmica Producións.
A nivel persoal, interésame a música de tradición oral. Preparándome para o Chanfaina, busquei San Sadurniño do APOI (Arquivo do Patrimonio Oral Inmaterial) do Museo do Pobo Galego. Non atopei nada e chamoume a atención. Por iso decidín intentar atopar algún testemuño que lembrase se se cantaba facendo os labores, se se lembraban de festas de pandeireta... Pensando que sería moi complexo, e que seguramente teriamos que contar, dalgún xeito, o fracaso. Pero a sorte sorriunos e, preguntando por Naraío, axiña demos con Alicia. A través das súas lembranzas, retrátase un proceso de substitución cultural que ten que ver coas transformacións sociais, pero tamén coa colonización, polo que esa cultura popular quedou soterrada.
Temas: cancións, Chanfaina'Lab, creador@s, festas e romarías, lecer, muller, música, músicos, Naraío
Autor/a: Irene Pin