Olladas das xentes que visitaron San Sadurniño e deixaron testemuñas en forma de textos, imaxes, pinturas ou filmes: visitantes senlleiros,
Naraío , 2019
6ª Chanfaina Lab (12). Estrea: xoves 26 de marzo do 2020
Directora e actriz: Aldara Pagán
Axudante dirección: Clara Coira
Cámara: Iria Loira
Montaxe: Adrián Canoura
Sinopse:"Alí, co corpo espido entre toda aquela vida colorida e natural, sentía a inmensidade. Alí sentíame eterna."
Duración: 6' 55''
Gravada en Naraío e Forgoselo durante a fin de semana do 6 ao 8 de setembro do 2019 dentro do programa da 6ª Chanfainalab.
A curta voltará a estar en aberto tras do seu paso por festivais..
Aldara Pagán (Ourense, 1997), graduouse en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Santiago de Compostela. Directora e protagonista da curtametraxe "O que precede a caída é branco" (2018), premiada no Festival de Cans polo xurado de veciñas e veciños como mellor obra de ficción e animación. Coorganizadora das Xornadas A outra mirada: cinema e muller. Redactora na revista online de crítica cinematográfica A Cuarta Parede . Formou parte do Xurado da Xuventude na 66ª edición do Festival de San Sebastián e do Xurado Novo na 32ª edición do Festival Cineuropa. Alumna da modalidade de Creación na Elías Querejeta Zine Eskola (curso 2019-2020).
Aldara chegou á San Sadurniño acompañada polas súas amigas Clara e Iria. Viña coa intención de deixarse levar, quería facer unha peza sen guión ou un formato de produción convencional, ao estilo de exploración libre do espírito da Chanfainalab: “Aqueles días andaba un tanto farta, en realidade quería estar ao meu rollo, camiñando en pelotas polas pedras do Forgoselo. Xa traía algunhas referencias de localizacións a través de "Fálame de San Sadurniño" e logo o gran Abel Vega axudounos moito. Foi unha oportunidade, unha escusa, para xogar, experimentar, e respirar...Con esta obra pretendía plasmar un momento de paz, de tranquilidade de liberación. Algo que necesitaba nese momento. Podería dicir que as miñas referencias baseáronse en artistas como Alberte Pagán, Ana Mendieta ou Maya Deren".
Como non puido asistir á estrea da Chanfainalab na Casa de Cultura de San Sadurniño, Aldara enviounos este videosaúdo:
“Alí sentíame eterna” é un poema visual conectado con "O que precede a caída é branco" -a curta anterior de Aldara- polo que ten de autorepresentación ou autobiografía. A nova cineasta ourensá utiliza as súas propias sensacións como materia prima ou eixe do relato vencellado coa natureza e o seu potencial catártico sobre a alma. Os ronseis do sol, a auga, o vento, as rochas ou as flores no corpo espido de Aldara impregnan de sentido case panteísta a toda a peza: "En realidade non hai que entender nada,non é unha curta que conteña unha historia tradicional, trátase só de sentir; sentir a fusión do corpo co entorno que me rodeaba en cada instante."
Así pois, deixémonos levar pola poesía visual de Aldara, quen demostra que é moito mais que unha promesa; pola madurez, beleza harmónica que debulla cada segundo desta fermosa curta, que ben poderíamos calificar como zen e moi beneficiosa para os días da corentena.
Fotografías de Cesar Galdo
Temas: Naraío, paseos, vídeos, visitantes, Chanfaina'Lab, Forgoselo
Autor/a: Aldara Pagán
Vídeos:
"O que precede á caída é branco"