Olladas das xentes que visitaron San Sadurniño e deixaron testemuñas en forma de textos, imaxes, pinturas ou filmes: visitantes senlleiros,
O Forgoselo, 2024
8ª Chanfaina Lab (4). Estrea: venres 8 de marzo do 2024
Guión e dirección: Félix Brixel
Reparto: Aldara Bellón, Lola Naveiras, Nerea García.
Sinopse: “Desde a fiestra dunha taberna, Lola olla unha billeteira a punto de caerse do peto dun cliente. A súa man non se resiste a collela e escapa. Cando se encontra coas súas amigas, o pánico e o medo apodérase delas. Foxen ata o lugar más recóndito ao que poden ir tres nenas”.
Duración: 4' 02"
Gravado no Forgoselo , parroquia de Igrexafeita, dentro do programa da 8ª Chanfainalab
Félix Brixel (Rianxo, 1981)
Iniciou a súa andaina no teatro universitario coa creación do grupo teatral Krilajo en 2013, compañía para a que traballou como guionista e director en obras como “Entrevista a unha actriz” (2014), “Estás ahí?” (2015), “Raíz” (2016), “La voluntad del pueblo” (2017) e “Club de lectura” (2018).
Nos últimos anos centrou a súa actividade máis no audiovisual, sendo guionista e director de “Picnic” (2017), “A Cat in the Window” (2018) -mención do xurado no Festival de Cans-, “A chamada” (2019), “Maipy Kanki” (2020) e “Courel” (2021), premiada no II certame videocreación Concello de Lugo. “Ulises” foi a súa primeira curtametraxe totalmente profesional, estreada no Festival de Málaga, obtivo varios galardóns en diferentes festivais. A curta é candidata á mellor curtametraxe nos Mestre Mateo 2024. Actualmente desenvolve os guións de longametraxe “Os nenos perdidos” e “Pandoc”.
Desde a organización da Chanfainalab queremos manifestar o noso especial agradecemento a Felix Brixel, porque malia numerosas dificultades -totalmente alleas a súa vontade- foi quen de manter o seu compromiso e finalizar a peza. De primeiras, xa viña coa idea de traballar con cativas: “Apetecíame realizar unha curta con nenos. A visita ao Xeoparque do Ortegal e a explicación do xeólogo Fran Canosa, foi moi inspiradora. Se a terra tivese un ano de vida, o ser humano só estivo nela uns 30 minutos. É estimulante pensar nesas rochas que nos contemplaban como recén chegados, con tódalas nosas preocupacións relacionadas con ser membros dunha comunidade política, cultural, dunha familia, de facer ou tratar de facer arte. As preocupacións de existir. Son preocupación que nos parecen moi grandes, transcendentais. Os nenos tamén tenden a magnificar calquera preocupación que xorde do contacto coa vida. E ninguén nos ensina nunca que a terra é vella. Nós marcharemos, e ela quedará, facéndose máis vella".
"A Terra é vella" é unha delicatessen realizada, sobre todo, co corazón a partir dunha metáfora visual: "Non sabería explicar ben cal é o xénero ao que pertence. Non tiña un obxectivo claro, só gravar ás nenas entre aqueles impresionantes penedos graníticos. O desencadeante é bastante trivial. Quería simplemente procurar unha desculpa para empuxar ás cativas cara unha paisaxe á que non están habituadas. Estou contento co resultado final porque conseguimos captar na cámara algúns momentos de comuñón das nenas entre elas. Hai algo fermoso e esperanzador nesas mans que se axudan entre elas a descender por entre uns penedos. Hai algo nesas mans que nos recordan os momentos máis puros da infancia, a dunha amizade gratuíta e infinita". Só por eses instantes de fusión e complicidade entre o vello ou inerte e os novísimos seres vivos, xa paga a pena a viaxe cinematográfica que nos propón o cineasta rianxeiro polo eterno Forgoselo. Que a desfruten...
Fotografías de César Galdo
Temas: Chanfaina'Lab, visitantes, vídeos, naturezas, Igrexafeita, nenos e nenas, Forgoselo
Autor/a: Félix Brixel