Historias de vida de familias , homes e mulleres das parroquias de San Sadurniño: Bardaos, Ferreira, Igrexafeita, Lamas, Naraio, San Sadurniño, Santa Mariña do Monte así como doutros concellos veciños, algúns moi preto como Moeche, A Capela, Neda, Valdoviño, As Pontes, Narón, As Somozas ou Ferrol; mais tamén hai fotos en Santiago, Ourense, Argentina ou Asturias.
Prospes, San Sadurniño, 1935
A mediados do século XIX o Marqués de San Sadurniño sae de Madrid camiño das súas posesións e trae consigo a parte dos seus serventes para traballar nas súas propiedades. Neste séquito é moi probable que viñera José Valcarcel Mejía (1790-1866) que se asentará no lugar de Prospes como arrendatario dos Marqueses. En 1862 José Valcarcel está a pagarlle "1460 reales por una casa nueva y quince partidas en el lugar de Prospes".
José Valcarcel contrae matrimonio coa moza Antonia Lago Lamas (1804-1891), coa que tera varios fillos, entre os que está Vicenta Valcarcel Lago (1838-1908), quen a súa vez casa con Tomás Romero Varela (1834-1907). Froito dese matrimonio será Manuel Romero Valcarcel (1864-1950) que da comezo a saga dos Romero Castrillón ao casar con María Teresa Rey González ou "María de Prospes" (1869-1946), coa que terá 14 fillos, dos que sobrevivirán nove.
Un dos fillos será Francisco Romero Rey, asentado como labrego arrendatario en Prospes (1904-1991), quen casará en 1930 con Mercedes Castrillón Orjales (1912-1991). Mercedes procedía dunha familia de certa posición económica. José Castrillón Fernández, seu bisavó, fora un pequeno propietario de Lamas e participara activamente nas primeiras corporacións municipais da historia de San Sadurniño en 1838 e 1841. O seu avó paterno, José María Castrillón López (1820-1900), de profesión propietario e perito agrimensor, chegou a ser alcalde conservador de San Sadurniño ata a remuda da revolución liberal progresista de 1854, aínda que posteriormente participará activamente en moitas corporacións municipais case ata o final do século XIX. Morreu sendo o home mais rico da parroquia. O pai de Mercedes pola contra, foi un emigrante que non fixo fortuna, Manuel Castrillón Rodríguez, casado con María Orjales Romeu (1893-1978). Un detalle curioso é que Mercedes é prima carnal do afamado anarquista de Lamas.
O matrimonio de Francisco Romero e Mercedes Castrillón terá catro fillos: María (1931), Amando (1935), Manuel (1943) e Mercedes (1954) Romero Castrillón,
Os catro fillos cursaron os estudos primarios entre as escolas de Lamas e San Sadurniño, mais agás Mercedes, ningún rematou estudos superiores. Como facían todos os fillos de labregos, unha vez rematada a escola puxéronse a traballar axudando nas tarefas agrarias e coidando do pouco gando que tiñan en Prospes. Amando, con 19 anos, dáse conta de que razas vacunas mais orientadas á explotación leiteira podían resultar rendíbeis e pouco a pouco, tenreira a tenreira, vanse facendo con novas cabezas. No ano 1954 mercan ás Fillas de Cristo Rey, herdeiras da Marquesa María de la Natividad Quindós, as terras de Prospes das que levaban sendo arrendatarios mais de cen anos.
A pesar de que este feito pode parecer banal, é dunha grande importancia debido ao contexto no que se produciu, xa que neses anos o resto de labregos de San Sadurniño está a loitar pola propiedade das terras das que foran arrendatarios dende tempo inmemorial.
A meirande parte destes labregos, apoiados polo cura local, reclamaban o acceso gratuíto á terra, mentres que Amando e un pequeno grupo de cinco labregos aproximadamente, optaban por mercarllas ás ordes relixiosas que herdaran o patrimonio da Marquesa.
Este grupo e pola mediación de Amando, conseguiron un prezo que rondaba as 250 ptas por ferrado, un diñeiral para a época, mais que non se comparará ás mais de 1.000 ptas por ferrado que terían que pagar os demais labregos cando perderon o xuízo que, mal asesorados, comezaran. O propio Amando Romero relátanos o proceso de adquisición das terras familiares.
Cinco anos despois Amando casa con Celina María Azucena Sanjurjo Sixto (1944), coa que ten tres fillos: Gelasio (1969), Amando Segundo (1967) e Celina María (1964) Romero Sanjurjo. No ano 1966 funda a primeira explotación de leite certificada de toda Galicia, a Granxa Romero que foi inaugurada en 1966 polo ministro de agricultura Adolfo Díaz-Ambrona Moreno e que producirá a coñecida marca de leite Bohal.
Na década dos setenta manterá un sonoro enfrontamento co alcalde falanxista Santiago Secada. Pola contra, apoiará ao párroco Ramón Díaz Raña.
Anos despois, Amando funda unha nova explotación desta vez ubicada nas Enchousas (As Somozas), onde repítese unha situación moi similar, ao acontecido nas terras de Prospes.Neste caso pertencían herdeiros da Marquesa de Cavalcanti e Pardo Bazán. Amando, unha vez mercadas as terras, ofreceulles aos seus antigos arrendatarios a opción de ocupar libremente unha parcela a cambio de poder traballar no resto dos terreos. De novo mal aconsellados, paradoxicamente polos mesmos que perderan o litixio polas terras de San Sadurniño, os arrendatarios resístense a abandoar as súas terras. Este feito provocará que se executen desafiuzamentos que acadaron sona en Galicia, inclusive na prensa estatal e provocaron unha manifestación en San Sadurniño..
Na actualidade encontrase xubilado, aínda que segue exercendo como conselleiro da empresa, da cal é presidenta a súa muller Celina e son socios os seus tres fillos: Celina, Amando e Gelasio.
Na fotografía Francisco Romero Rey e Mercedes Castrillón Orjales, pais de Amando Romero
Temas: animais, emprendedor@s, empresas agrogandeiras, familias, gandeiría, Sagas, San Sadurniño (parroquia), xente
Autor/a: Carlos Martínez Romero