Ademais das imaxes, tamén a prensa e os documentos históricos fálannos de San Sadurniño no decurso do tempo: Podes velos en orde cronolóxico aquí , ou consultar algúns datos estatísticos
Naraio, 1431
Os Andrade, novos señores feudais das terras do Val do Xubia, gobernan de xeito brutal e incontrolable dende que se “apoderaron" en 1364 da súa xurisdición. A súa cobiza prenderá o malestar crecente entre os seus servos, mesmo entre pequenos fidalgos e priores de Xuvia e Pedroso, que xa en 1394 denunciaran ante o rei á Nuno Freire de Andrade, "o Mao" por seren: “O indutor de males, e roubos, e danos, e espechamentos, e prisiones de omes e mujeres, e fuerzas e desaguisados”.
En 1407 unha delegación de San Sadurniño participa nunha xuntanza de “indignados” en Xubia para protestar ante o rei polos abusos dos Andrade. Un exemplo: a prematura morte dun dos seus cabaleiros, Freire de Lanzós, foi a "excusa" para apoderarse dos bens da súa familia, argumentando a minoría de idade do seu herdeiro legal Alonso de Lanzós.
Mais a chispa que prenderá a rebelión será en 1428, cando Nuno Freire de Andrade paga xenerosamente a viaxe por Galicia do infante Henrique, e logo decide participar nunha Guerra en Aragón. Para costear ambos feitos precisou subir os impostos, tasas e rendas que lle cobraba aos seus servos de Villalba, Pontedeume, Moeche, o Couto do Pedroso e por suposto, Naraio e Ferreira.
Mais os labregos e pequenos fidalgos das terras de Ferroltera, fartos da inxustiza e crueldade dos seus amos, conseguen recrutar un numero considerable de xentes, mais de 10.000 homes, abandeirados por un fidalgo chamado Roi Xordo. Non hai datos precisos, mais podémonos imaxinar a participación activa dos labregos e labregas de Naraio, Ferreira, Couto do Pedroso e San Sadurniño nesta revolta antifeudal. O exército irmandiño chegará a derrubar parcialmente o castelo de Moeche, mais Nuno Freire de Andrade consegue fuxir a Compostela, onde grazas ao apoio do seu bispo derrotarán aos irmandiños. A represión será terrible, mais trinta anos despois intentarano de novo en 1466.
Baixa a historia completa escrita por Andrés Pena Graña. Na ilustración, Roi Xordo por Luis Seoane
Temas: castelo de Naraio, labregos e labregas, conflitos
Autor/a: Manuel González Álvarez