8ª Chanfaina Lab (5). Estrea: venres, 15 de marzo do 2024
Guión e dirección: Abel Vega
Sinopse: “ Vicente Penabade Lage naceu en 1950 na Toca (As Somozas) e faleceu en Neda no 2021 aos 71 anos. Pasou a adolescencia en Racamonde de Abaixo, logo traballou como taxista durante moitos anos e ao cabo, decidiu vivir para sempre no Forgoselo”.
Duración: 5' 39"
Gravado na Pena dos bois, Forgoselo, parroquia de Igrexafeita, dentro do programa da 8ª Chanfainalab
Abel Vega (Igrexafeita, 1958).
Abel traballou arreo durante toda a vida como albanel, mais unha enfermidade laboral apartouno do seu oficio. Inquedo e activo, cunha curiosidade sen límite, foi durante varios anos o presidente da Asociación Veciñal “Adiante Igrexafeita”. Abel tamén é acordeonista ocasional, gran cociñeiro e experto en manualidades de todo tipo. Aos seus 60 anos e pico, segue a vivir unha segunda xuventude ao gravar vídeos con vocación didáctica, nos que "mira" coa cámara todo o que lle resulta familiar, en definitiva, todo canto o envolve. É un cineasta afeccionado que está a videocartografar a súa parroquia, sorprendendo coas súas creacións audiovisuais e recibindo ao tempo numerosos eloxios dos cineastas asistentes á Chanfainalab. Aprendemos xa a facer pan, descubrimos os muíños de Igrexafeita, as pedras do Forgoselo, as fervenzas do Río Castro, a feroz vida salvaxe no interior dun formigueiro, un avespeiro, ou como eran as "casas de antes". Imaxes e sons que perpetúan a memoria local tanto a nivel patrimonial como etnográfico. Podes ver algúns dos seus filmes en Fálame de San Sadurniño para comprobar o seu amor polos fermosos recunchos da paisaxe humana e natural da súa patria da infancia, a querida parroquia de Igrexafeita e tamén da Serra do Forgoselo da que é un auténtico erudito.
Abel Vega é unha institución da Chanfainalab, o noso chanfaineiro máis veterano e prolífico. Un home imprescindible pola súa bonhomía, retranca e sabedoría; diante de calquera dificultade ou incidencia, todo vaise resolvendo co enxeño de Abel. Como en edicións anteriores, está en todas partes, axudando a quen o precise. Para el non existe a palabra non. Podémolo ver nas pezas dos compañeiros como "O pano de seda" de Kevin Lorenzo ou en "Pedro Chosco" de NaraíoMedia. Nesta edición Abel recupera a súa peculiar e orixinalísima mirada documental: o estilo "abeliano". A espoleta da peza agromou nunha viaxe ao Forgoselo para botar unha man a Felix Brixel en "A Terra é vella". Unhas flores frescas na Pena dos Bois alertaron o seu instinto de que alí había unha historia: "Cando fomos alí picoume a curiosidade, que facían alí aquelas flores entre os penedos? Primeiro fun a preguntar a Racamonde de Abaixo e deseguida púxenme a indagar sobre Vicente Penabade. Localicei aos seus fillos que me deron todo tipo de facilidades para documentarme. Iso si, a gravación estivo ateigada de incidencias técnicas que me obrigaron a ir ata o cumio do Forgoselo varios días, mais ao cabo puiden rematar a peza".
"A pena de Vicente" é unha sentida lembranza da pegada no territorio dun home que xa é parte do patrimonio inmaterial do Forgoselo. Se en traballos anteriores, a retranca de Abel provocaba a risa dos espectadores, neste pretende transmitir a emoción polo recordo de quen foi - e é- habitante do Forgoselo: "Eu síntome orgulloso e moi contento de facer esta peza. Coido que é un xeito de manter viva a memoria dun home. Ademais é un bo agasallo para os netos e os fillos de Vicente Penabade. Mesmo considero que é un xeito de renomear un fito da paisaxe do Forgoselo que ben podería chamarse tamén a "Pena de Vicente". Así pois, fagamos caso da recomendación de Abel. Na Chanfainalab estamos fachendosos da consolidación do cineasta de Igrexafeita e que, edición tras edición, nos faga sorrir e tamén conmover como con esta historia dun veciño que decidiu vivir para sempre entre nós.
Fotografías de César Galdo.
"A pena de Vicente"
Abel Vega no paseo da Cortiña
Abel Vega na plantación da árbore da VIII Chanfainalab
Abel Vega na foto conmemorativa da plantación da árbore
Abel Vega na foto oficial da VIII Chanfainalab
Abel Vega e varios imprescindibeis da Chanfainalab
Abel Vega na "Eira de cineastas" da 8º chanfainalab
Abel Vega na xuntanza preparatoria da 8º Chanfainalab
A pena dos bois, mais tamén a pena de Vicente.
Público na gala da 8º Chanfainalab na casa da cultura
Abel Vega recollendo a lola chanfaineira por "a pena de Vicente"
Abel Vega no esceario da Gala da 8º Chanfainalab
Abel Vega na foto oficial da Gala da 8º chanfainalab