8ª Chanfaina Lab (8). Estrea: venres, 22 de marzo do 2024
Guión e dirección: Tono Mejuto
Sinopse: “Un campo de vacas pintas semellan a mítica Illa de Helios do canto XII da Odisea. A Illa de Helios é un breve ensaio acerca do proceso fílmico nos campos de San Sadurniño”
Duración: 3' 21"
Gravado na parroquias de Monte e Ferreira dentro do programa da 8ª Chanfainalab
Tono Mejuto (A Coruña, 1983) é arquitecto, fotógrafo e cineasta, formado como arquitecto nas escolas da Coruña, Graz e Santiago de Chile. Posteriormente realizou o Máster en fotografía documental e de autor na escola Blank Paper de Madrid, e asiste a diversos cursos e obradoiros impartidos por recoñecidos cineastas e fotógrafos como Paulino Viota, Isaki Lacuesta, Xavier Ribas ou Jorge Ribalta, entre outros. No 2015, publicou o seu primeiro fotolibro “Unidade Veciñal” coa editorial galega Fabulatorio, exposto dentro da exposición colectiva edita/secuencia no CGAC. É premiado no festival de fotografía de Deauville, Planche(s) Contacts, e recibe diversas bolsas e residencias no ámbito das artes visuais, como a residencia Baicc no Lift de Toronto en 2018. É membro fundador de FFoco, Festival de Fotografía Coruña, creador da editorial de arte Estraperlo e colabora habitualmente con outros festivais de cinema como o (S8) Mostra de cinema periférico da Coruña. Unha das súas pezas de referencia máis sobranceiras é Quiasma.
Iconauta e militante do cinema experimental, Tono achegouse á Chanfainalab coa cámara de cine en 16 mm coa intención de procurar imaxes fílmicas de animais de todo tipo, alí por onde caeran: "Comezou como unha pequena fábula con animais, e adiquei o tempo en San Sadurniño a filmar vacas, porcos, cabalos, galiñas… Empreguei unha cámara Bolex de 16mm e metraxe para copia en branco e negro de alto contraste. Xa na casa revelei e puiden ver todo o filmado na fin de semana. O propio revelado foi nunha cuba e cunha mestura de reveladores caducados que xa tiña. O resultado non foi sempre o esperado pero tamén sorprendente en canto a textura e residuo xerado no proceso. De aí, a rumiación, para atoparlle a forma a aquel conxunto de vacas filmadas. Apoiándome nos textos da Odisea e unha conferencia de José Luís Sampedro onde comparaba ao escritor cunha vaca, foron as claves para pechar a peza final".
"A illa de Helios" é unha peza retranqueira que utiliza un texto clásico da Odisea de Homero para cementar e darlle sentido ás imaxes pantasmagóricas do mítico gando de San Sadurniño, pero que tamén ilumina os procesos implicados en calquera creación audiovisual: "A peza resultou nun moi breve ensaio acerca do proceso de filmar e revelar, e como isto tiña que ver tamén coa rumiación, e a vaca. Os textos da Odisea, o son do vento daquel día e uns fragmentos dos nocturnos de Debussy armaron o conto final. De factura sinxela e primitiva, a peza xoga coa idea de ver/filmar, rumiar e transformar". En definitiva, unha suxerente e divertida oda de amor ao cinema, -e tamén ás vacas de Sansa- que acredita o inmenso talento de Tono Mejuto.
Fotografías de César Galdo
"A illa de Helios"
Tono Mejuto ao fondo na plantación da árbore conmemorativa da VIII Chanfainalab
Tono na foto oficial da plantación da árbore
Tono coñecendo a historia xeolóxica de Sansa da man de Fran Canosa
Tono Mejuto na foto ofical da VIII Chanfainalab
Tono na "Eira de cineastas"
Tono Mejuto na "Eira de cineastas"
Tono observando a exposición da Chanfainalab
Tono e Ignacio Vilar
Tono Mejuto e a súa Bolex 16 mm
Tono Mejuto e Cruz Piñón
Tono na procura das galiñas de Cruz
Tono gravando "na illa de Helios"
Tono recolle a lola chanfaineira
Público na gala da 8º Chanfainalab na Casa de Cultura