Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018 Chanfaina Lab seleccionada no banco de boas prácticas da xestión cultural Chanfaina Lab, XI Premio José Sellier

natureza

San Sadurniño é un paraíso natural. Os miradoiros naturais da Serra de Forgoselo , brava área natural protexida pola Rede Natura 2000; A pena do Rei Mouro, un dos meirandes conglomerados de seixo de Galicia; O Coto Agudo cun absoluto control visual de toda a contorna; o Pico San Vicente, onde se mesturan lenda e historia; os paseos fluviais do Río Xuvia e o río Aceiteiro con máis de 4 km ás beiras do río; O río Castro que destaca polo seu valor natural, ecolóxico e paisaxístico considerado como Lugar de Interese Comunitario; As paisaxes megalíticas, as áreas recreativas das sete parroquias, as máis das 100 fontes do Concello, o arboreto ou a horta de conservación de froitas autóctonas conforman un Concello cun extraordinario patrimonio natural e paisaxístico.

A foto máis grande da historia de San Sadurniño

Pena do Trabuco, Naraío, 2013

Xoán Porto, documentalista e fotógrafo de paisaxe, fálanos dunha imaxe moi especial que tomou preto do Castelo de Naraío o 17 de abril do 2013.
Poderíamos considerala a foto máis grande feita nunca en San Sadurniño. Tomada cunha tecnoloxía desenvolta pola NASA para equipar os seus vehículos non tripulados en Marte.
Podes gozar de todo o detalle aplicando o zoom. Podes ver o val de Naraío, a Capela de Santa Mariña, a Igrexa de Santa María. Podes recrearte no trazado de pistas, estradas, cruces de camiños, na xente traballando na agricultura, na gandería...
A continuación podes reproducir e escoitar o audio, que está ao pé da foto, ao mesmo tempo que gozas da navegación pola fotografía.
Recoméndase ver a fotografía en pantalla completa (arriba á dereita da foto, pinchar nas dúas flechiñas). Se o ves no teléfono, pon o móbil en horizontal e poderás desprazarte cómodamente pola panorámica.



Aquí podes reproducir o audio coa historia da foto que nos conta Xoan.



Chámome Xoán Porto e son documentalista e fotógrafo de paisaxe. Vouvos falar dunha imaxe moi especial que tomei preto do Castelo de Naraío o 17 de abril do 2013.
A primeira imaxe consciente que teño do Castelo, é baixando desde a pista que vén de Racamonde no Forgoselo. Un túnel vexetal que leva até a beira mesma do río Castro. En chegando ao río ábrese de súpeto a visión magnífica, tamén na súa decadencia, desta impoñente construción medieval. Ese lugar é o miradoiro do Saíme. Ao pasear entre as ruínas do Castelo axiña notamos que o seu tamaño queda pequeno ante a paisaxe no que está inserido: a mole pétrea do Forgoselo ofrece un espectáculo natural, vista desde a fortificación, coa sucesión de penedos espidos que ascenden verticalmente sobre o monte como se foran os contrafortes dunha catedral.

Na época dos drones semella doado tomar unha imaxe aérea desde prácticamente calquera sitio. Mais o que segue a mover aos fotógrafos de paisaxe, ademais da curiosidade, é a teima por atopar o lugar e o momento no que é posible capturar a esencia dun lugar ou un punto de vista novidoso sobre paisaxes xa coñecidas, que sexan quen de sorprender mesmo aos habitantes deses espazos xeográficos, afeitos como están á velos todos os días.
Xa ás primeiras, vese que o sitio para fotografar o Castelo de Naraío desde unha posición natural vantaxosa é O Saíme. Alí fixen as primeiras probas, desandando sobre os pasos daquel primeiro contacto co Castelo. Mais axiña a aparición do eucalipto invalidou tamén este miradoiro natural.

Así e todo comecei a buscar camiños para subir ata os penedos máis expostos do lado do Forgoselo, tal como se aprecian desde o Castelo. Os primeiros intentos que fixen quedaron en nada: a vexetación tupe a cotío os camiños máis amplos, e agocha aqueles que non son tan evidentes a quen non coñeza ben o lugar. En 2013 os tractores abriron algunhas desas pistas para facer talas forestais nas parcelas desa zona, así que aproveitei a ocasión e probei sorte...Acompañado de meu amigo David, que fixo as veces de axudante, subimos cargando o material, cámara e obxectivo telefoto, unha pesada montura robotizada e un trípode para soportar todo o conxunto... non sería moi diferente a como subían os montes os fotógrafos románticos do século XIX, cargando cos pesados caixóns das súas cámaras de pracas para retratar as paisaxes.

Despois de subir un bo treito, e era un día de moita calor para ser primavera, chegamos á zona dos "contrafortes" que comentei antes. Se coinciden cos datos do nomenclátor de microtopónimos e a información que me facilitou Cruz Piñón, debíamos estar preto da pena do Trabuco. Tivemos sorte e atopamos o penedo saínte, preto duns camiños xa de baixada... A rocha está sobre un cantil, e a vista está libre de eucaliptos, polo que o ángulo de visión era óptimo para tentar un panorama.
A vista do Castelo é sinxelamente espectacular nesta posición: practicamente un picado, unha vista de paxaro, co Castelo lixeiramente cara a nosa dereita, amosando en toda a súa extensión os diferentes estratos da fortificación, que é moito máis ampla do que parece. O punto de vista resultoume inédito, non teño visto fotografías, na bibliografía que consultei, tiradas desde este lugar. Entón xorde a pregunta entre nós: é que ninguén subiu nunca até aquí cunha cámara fotográfica?. Ao contemplar esta paisaxe non me cabe dúbida que si, porque a visión que temos ante os ollos é realmente formidable.

É o momento de poñer mans ao traballo. David vai sacando o material das mochilas mentres eu vou nivelando o trípode sobre a rocha, despois acoplo a cámara á montura e axusto as regraxes para facer unha toma panorámica, como veredes, moi especial. A montura robotizada que empregarei é unha versión comercial da tecnoloxía que desenvolveu a NASA, a axencia espacial norteamericana, para equipar os seus vehículos non tripulados sobre a superficie de Marte. Dá algo de vertixe pensar que as panorámicas da superficie marciana que tiraron os Rover Spirit e Rover Opportunity son primas-curmás deste panorama -neste caso terrestre- aquí en Naraío, onde hoxe imos tirar -que teñamos noticia- a foto máis grande feita nunca en San Sadurniño.

Serán en total 820 imaxes individuais, formando unha retícula 20 filas horizontais e 41 columnas verticais, que darán lugar a un composite, isto é, unha imaxe composta, de máis de 3 gigapíxeles.A singularidade deste tipo de fotografía é que, aínda que o que estades a ver semella apenas unha instantánea dunha fracción de segundo, en realidade é unha peculiar longa exposición, pois desde que comeza o proceso de captura ata que se toma a última foto trancorreu máis de media hora. Máis concretamente, hai 35 minutos de diferenza entre unha esquina da imaxe e a súa oposta.

Xa rematamos. Agora toca recoller as cousas. Tomamos tamén un tempo para contemplar e comentar a paisaxe que se abre diante nós, e que chega practicamente até os confíns do Ortegal neste día no que temos boa visibilidade. Aínda toca baixar de volta ao Castelo, e posteriormente todo o traballo de procesado no computador. Utilizarei un software que aínda tardará dúas horas en procesar o mosaico de 820 imaxes para compoñer unha vista única que se estende máis de 180 graos no eixo horizontal, e que abrangue 60 graos de visión vertical.

Agora so falta subir a imaxe ao servidor. É esta mesma que estás a ver e pola que podes navegar, aquí en Fálame de San Sadurniño. Podes gozar de todo o detalle aplicando o zoom. Podes ver o val de Naraío, modelado polo río Castro, que ás veces visible, e ás veces intúese serpenteante... Podes ver desde a Capela de Santa Mariña, arriba á dereita, até a Igrexa de Santa María, no Eirexado, á esquerda do panorama.
Podes recrearte no trazado de pistas, estradas e cruces de camiños; nos tendidos enerxéticos, nas árbores e nos montes, nas edificacións e vivendas, coas súas diferentes tipoloxías e materiais característicos, podes ver a división da terra, e tamén o seu emprego... podes ver a xente traballando na agricultura, na gandería... e podes ver o verde monocorde e expansivo do eucalipto que domina a paisaxe. ...porque, e xa o dicía Manuel María... "a paisaxe é fermosa, si, mais..."
Quero rematar esta falada co recordo a unha amiga e fotógrafa, Aroa F Carballo, que amaba esta terra de Naraío, e que está xa para sempre nela.


  • A foto máis grande da historia de San Sadurniño

  • Xoan Porto tomando a panorámica

  • David con todo preparado para realizar as fotografías

load

Comentarios

Máis imaxes

Temas: castelo de Naraio, Naraío, naturezas, paseos, tecnoloxía

Autor/a: Xoán Porto

Compartir en: