Naraío, 2019
6ª Chanfaina'Lab (2). Estrea venres, 28 de febreiro do 2020
Dirección e guión: Eloy Arnosa
Cámara e montaxe: Ángela Arnosa
Son: Catalina Rodríguez .
Actores:Kevin Lorenzo , Eloy Arnosa, Carmen Bouza, Martín Prieto, Abel Vega e...Lina .
Sinopse: "Os xemelgos Rodeiro axudan á veciñanza na elección e transformación da casa dos seus soños. Parodia de “Property Brothers”
Duración: 10' 12”
Filmada en Naraío durante a fin de semana do 6 ao 8 de setembro do 2019 dentro do programa da 6ª Chanfainalab
Eloy Arnosa (Naraío, San Sadurniño 1999). Eloy é un mozo inquedo que está a estudar o segundo curso de Enxeñaría da Enerxía na Universidade de Vigo. Non ten ningunha peza realizada no eido audiovisual, mais manexa varias ideas que lle gustaría levar á práctica algún día. Esta é a primeira vez que participa na Chanfainalab e o seu obxectivo básico foi experimentar e probar si era capaz de levar adiante un proxecto audiovisual. De feito, a mente analítica deste mozo de 21 anos xa anda argallando o que vai facer na vindeira Chanfainalab.
A Eloy picoulle o interese pola Chanfainalab o ano pasado. Dubidaba si sería capaz de participar e gravar algunha peza como estaba a facer a súa irmá Ángela Arnosa. De modo que, despois de darlle moitas voltas á varias ideas, durante o verán en Naraío optou por facer unha parodia dun programa que vía de cando en vez nas tardes de lecer: "A idea era facer unha adaptación (con certo estilo absurdo) do programa “Property Brothers” en San Sadurniño, para mostrar, con humor, cómo sería ese programa levado ao noso territorio". Así chegou a idear unha versión moi persoal de "A Casa Soñada" que é "simplemente unha parodia sobre os docu-realitys na que se mostra unha versión que non coincide para nada cos luxos e grandes obras que fan orixinalmente na TV. Así, tamén se da a entender que a maioría da xente non ten suficientes recursos e cartos como para comprar grandes casas nin unha capacidade tan grande de inversión e que ten que ir ao “barato”.
Así pois en "A casa soñada" debemos deixarnos atrapar polo sentido do humor que debulla o guión, arroupado polas hilarantes interpretacións de actores profesionais como Kevin Lorenzo, mais tamén por grandes interpretes locais -moi coñecidos polo público de Sansa- como Carmen Bouza ou Abel Vega e os "actores revelación" Martín Prieto e o mesmísimo Eloy Arnosa que debuta con total solvencia. Do mesmo xeito o novel director acadou a colaboración técnica de chanfaineiros veteranos como a adolescente Catalina Rodríguez (sonidista) e Ángela Arnosa (cámara e montaxe). Como ben afirma o propio director e guionista: " O obxectivo inicial, máis que ningún outro, era o entretemento. Tan só pasalo ben e gozar durante dez minutos desta peza, que amosa momentos divertidos, pero que tamén pode facer pensar sobre o inalcanzable que son a compra e reforma de casas na realidade, aínda que o vexamos de maneira cotiá.".
Pois diso se trata hoxe, de pasar un rato divertido ateigado de retranca e coa presenza de xente moi querida en Sansa e tamén no equipo de cociña da Chanfainalab. Felicitamos a Eloy polo seu debut no que apunta maneiras para que na Chanfaina do ano que ven siga a demostrarnos que a expresión audiovisual é -sobre todo- a vontade de contar sen complexo algún o que bule na cabeza d@ creador/a. Agardamos xa con impaciencia a súa peza da 7º chanfainalab.
Fotografías de Cesar Galdo.