Historias de vida de familias , homes e mulleres das parroquias de San Sadurniño: Bardaos, Ferreira, Igrexafeita, Lamas, Naraio, San Sadurniño, Santa Mariña do Monte así como doutros concellos veciños, algúns moi preto como Moeche, A Capela, Neda, Valdoviño, As Pontes, Narón, As Somozas ou Ferrol; mais tamén hai fotos en Santiago, Ourense, Argentina ou Asturias.
Naraío, 2015
2ª Chanfaina'Lab (12). Estrea venres, 6 de maio do 2016
Director: Carlos A. Quirós
Actriz: Vicenta Rego Bouza (Vicenta do Castelo)
Posprodución e montaxe: Cristina Esteiro e Carlos A. Quirós:
Posprodución de Son: Gabriel Prada
Sinopse: "Tras sufrir un roubo na súa casa, Vicenta do Castelo botou en falta un colar e uns poucos cartos que deixara quedar nela. Ao revisaren a mesa da cociña descubriu que os asaltadores levaran algunha outra cousa inesperada.".
Duración: 11' 30"
Gravada nos días 5 e 6 de setembro do 2015 en Naraío dentro do programa da Chanfainalab. A peza andivo de rolda por varios festivais e mostras.
Aínda que naceu en Ferrol, Carlos A. Quirós pasou longas temporadas na casa da avoa Vicenta en Naraío. Carlos lémbrase "dos xantares familiares polo patrón, as andainas en bicicleta, os baños no río Castro, mais tamén de buscar o leite á tenda ou recoller patacas e mazás na horta da avoa". Titulado en realización pola EIS de Coruña e Produción polo MPXA , Carlos foi alternando traballos industriais como realizador de videoclips, publicidade ou a serie infantil "Os bolechas". Actualmente está a finalizar un docurreality para TVG, "Feito con Cabeza", sobre persoas inxeniosas e inventores de Galicia. Dende a súa produtora Cuerda floja produce pezas máis persoais de indubidable repercusión mediática, mesmo en festivais nacionais e internacionais como o xa clásico viral Ferrol Mola. Tamén ultima a curtametraxe "Servizo Social" que rodará en exteriores de Naraío, ademais dun feixe de ideas e proxectos que bulen polos miolos deste creativo cineasta con raíces en San Sadurniño.
O tema de "A bizcochada" xurdiu da súa relación coa avoa de Naraío "Cando escoitei a historia da man da miña avoa Vicenta decateime que había algo máis que unha simple rabecha cara as persoas que asaltaron a súa casa. Nin sequera o desacougo cara o medo a poder ser atacada nalgunha outra ocasión era importante. Pareceume que había un enorme sentimento de rancor cara esas persoas por un motivo que vai alén do material: o menosprezo ao sagrado, ao máis persoal e íntimo. Caín na conta entón que había unha pequena historia que merecía ser contada. Fuxía da cotidianeidade dun furto miúdo nunha aldea e ademais restáballe dramatismo á situación porque o que para nós non deixaría de ser anecdótico: o roubo dun anaco de biscoito; para ela remataba por ser o máis importante converténdose nunha teima persoal".
Por sorprendente que pareza, ningunha das, case surrealistas, situacións que aparecen no filme foi guionizada, nin forzada, nin sequera plantexada. O cineasta limitouse a facerlle preguntas a súa avoa e gravar as respostas. Vicenta fixo todo o que se pode ver na película e tamén o que nunca se chegará a ver. Así pois, "A bizcochada" é un sorprendente e divertido bocado de realidade, no que imos coñecer unha muller inigualábel, unha brava muller da parroquia de Naraío. A súa enerxía e humanidade desbórdanse polos marxes do encadre ata chegar ao corazón de calquera espectador.
Temas: labregos e labregas, muller, lendas, Naraío, Chanfaina'Lab, cinema, conflitos, creador@s, vídeos, visitantes
Autor/a: Carlos A Quirós
Vídeos:
"Ferrol mola"
Servicio social (teaser)
Pantano Blues
"Un novo amencer" - Os John Deeres
Os "pioghosos"