San Sadurniño é un paraíso natural. Os miradoiros naturais da Serra de Forgoselo , brava área natural protexida pola Rede Natura 2000; A pena do Rei Mouro, un dos meirandes conglomerados de seixo de Galicia; O Coto Agudo cun absoluto control visual de toda a contorna; o Pico San Vicente, onde se mesturan lenda e historia; os paseos fluviais do Río Xuvia e o río Aceiteiro con máis de 4 km ás beiras do río; O río Castro que destaca polo seu valor natural, ecolóxico e paisaxístico considerado como Lugar de Interese Comunitario; As paisaxes megalíticas, as áreas recreativas das sete parroquias, as máis das 100 fontes do Concello, o arboreto ou a horta de conservación de froitas autóctonas conforman un Concello cun extraordinario patrimonio natural e paisaxístico.
San Sadurniño, 2017
4ª Chanfaina Lab (11). Estrea: venres 20 de abril do 2018.
Directoras: The sungirls (Graciela Galdo, Mónica Cibreiro e Olga Vigo)
Música: Marco Martini. (Lands of hope)
Sinopse:"San Sadurniño en movemento, amósanos hipnóticas paisaxes con todas as súas cores."
Duración: 3' 33"
Gravada en diferentes localizacións de San Sadurniño dentro do programa da 4ª Chanfainalab.
Graciela Galdo, Mónica Cibreiro e Olga Vigo son tres amigas que teñen en común a paixón pola música e o cinema. Olga e Graciela son primas e naturais de Ferrol. Ambas licenciadas en música e piano, traballan como profesoras de música e audiovisual no mesmo instituto, o IES Trasancos de Narón. Graciela especializouse en música de cámara e dirixe a Coral de Valdoviño; Olga en linguaxe musical e tamén dirixe a Coral Endesa de As Pontes. Mónica Cibreiro é veciña de Santa Mariña do Monte, traballa no Concello de San Sadurniño e tamén desenvolve o seu lado artístico con manualidades diversas e técnicas de decoracións de repostería, afección que a levou a realizar obradoiros para a veciñanza do concello en "Tempos para compartir". No verán de 2017 as tres amigas decidiron crear un grupo de creación audiovisual co obxectivo explícito de "pasar o rato e divertirnos". O grupo denomínase "The sungirls" e o seu lema, «Somos chicas buenas, a veces». O seu primeiro vídeo "El taquillazo" tivo un éxito inesperado nas redes sociais e animounas a seguir nunha aventura creativa, na que pensan continuar "ata que deixe de ser divertida".
As mozas de "The sungirls" decidiron participar na Chanfainalab por vez primeira. Asistiron como alumnas aplicadas aos obradoiros de María Yáñez e no de edición co móbil de Belén Montero e Juan Lesta. Neses días debullaron un bo feixe de ideas de partida. Contaban coa vantaxe de coñecer ben o territorio. Así que, apostaron por amosar imaxes inéditas do concello, distanciándose do estilo e formato doutras creacións anteriores que se poden ver na súa canle de youtube. Como expresa Olga: "Cando nos xuntamos traballamos cunha morea de ideas diferentes. Imos enlazando unha idea coa outra ata que damos coa que queremos facer as tres. Neste caso pareceunos que tiñamos que falar de San Sadurniño nun día, da mañá ao solpor en 360º. Unha idea de partida na que insiste Mónica:"A primeira idea que tiñamos en mente non a puidemos desenvolver, así que, como dixemos na estrea, San Sadurniño ten unha paisaxe hipnótica. Quixemos ademais darlle movemento e sobre todo cor, para amosar unha perspectiva diferente das fermosas paisaxes que ten este Concello. E Graciela revela un aspecto técnico: "como coñeciamos o espazo dende pequenas, utilizamos filtros de cor para resaltar as cores especiais que ten San Sadurniño"
“360º en cores" é unha fermosa proposta visual que pon en valor o territorio do concello. A peza foi realizada a base de panorámicas circulares ou na procura do movemento circular na paisaxe, enlazando espazos e descubrindo novos puntos de vista de lugares sobradamente recoñecibles na procura da beleza. Na súa realización deixase entrever a influencia visual das redes e da linguaxe audiovisual contemporánea. O obxectivo de The Sungirl como cineastas é:"propor novos puntos de vista sobre unha realidade "vista" pola veciñanza, mais non “recoñecida”, para introducila nese mundo máxico que é o concello de Sansa e poda pensar ao remate do visionado: "qué fermoso é o meu pobo", para que a xente colla agarimo pola terra e a natureza". Así pois, déixense levar polo movemento, as cores e a música, e gocen desta fermosísima viaxe. Dende a Chanfainalab animamos a estas tres mozas creativas a seguir dándolle ao miolos. De seguro que nos sorprenderán coa peza da vindeira edición.
Fotografías de Cesar Galdo e Gabriel Tizón.
Temas: creador@s, Chanfaina'Lab, naturezas, San Sadurniño (Concello), vídeos, videocartografías, Forgoselo
Autor/a: The Sungirls
Vídeos:
El taquillazo