Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018

extramuros

Olladas das xentes que visitaron San Sadurniño e deixaron testemuñas en forma de textos, imaxes, pinturas ou filmes: visitantes senlleiros,

"Xente bonita #1: Pepe das Flores, Toni Colombo e Mar Catarina"

Lamas, 2018

5ª Chanfaina Lab (7). Estrea: venres 29 de marzo do 2019.
Dirección, cámara e montaxe: Cibrán Tenreiro
Colaboradores: Toni Colombo e Mar Catarina
Protagonistas José Horjales Couce, Toni Colombo e Mar Catarina.
Canción: "Xente bonita" de "Lamprea Explosiva"
Sinopse:" En imaxe, Xente bonita #1: Pepe das Flores, Toni Colombo e Mar Catarina son tres retratos filmados das persoas do título. No son, son fragmentos de varias conversas con eles arredor da relación entre as paixóns e o traballo."
Duración: 14' 04''
Gravada en San Sadurniño do 31 de agosto ao 2 de setembro do 2018 dentro do programa da 5ª Chanfainalab.


Cibrán Tenreiro, (Perillo, Oleiros, 1990), é doutor en Comunicación e Información Contemporánea pola Universidade de Santiago de Compostela cunha tese sobre o papel dos vídeos de fans na representación dos concertos. Cibrán escribe habitualmente sobre música e cine - ás veces sobre a relación entre as dúas - na revista especializada "A Cuarta Parede” “ou no seu blog “Bolsa de patacas” . No campo da música, Cibrán é voz e batería no grupo de pop Esposa. No 2017 gaña o premio María Luz Morales de ensaio por: “Equilibrios precarios. Unha aproximación aos vídeos dunha escena underground galega” . Dirixiu o documental “Entrar aos Vilares”, finalista na 12ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego. As súas últimas pezas son colaboracións co proxecto Prenom Arquivo. É membro do Cineclube de Compostela e traballa habitualmente na comunicación de eventos e festivais de cinema ou música

Cibrán non tiña unha idea preconcibida do que ía gravar na Chanfainalab, á que chegou acompañado por bos amigos cos que percorreu o territorio de San Sadurniño axudándose uns aos outros coas súas curtas: “Entre os meus amigos e amigas hai moita xente creativa: xente que fai música, xente que escribe, xente que debuxa, xente que fai cinema ou fotografía... ao mesmo tempo, hai moita xente no paro, ou nun traballo precario (sexa no ámbito cultural ou noutro), ou emigrada. Tiña ganas de facer algo no que poder falar disto e recoller as frustracións deste momento nas nosas vidas no que debíamos saber xa que é o que imos ser de maiores (porque xa somos maiores), e no que o contexto parece empuxarnos a renunciar ás paixóns. Ao mesmo tempo, tampouco quería ir á Chanfaina a facer algo que puidese facer noutro sitio: quería ter un vínculo real co lugar. Explorando a web de Fálame de San Sadurniño atopei unha foto fantástica da Orquesta Alegría de Lamas, cun audio no que Pepe dicía unha cousa que me chamou moito a atención, porque describía a música como unha experiencia negativa: "A música en principio era un medio de vida (...) pero logo a música non daba como un oficio, e a xente que se dedicou a estudar a música encontrouse alí aos 30 ou 40 anos con que nin música nin oficio". Pareceume interesante poñer a súa perspectiva ao lado da nosa, aproveitando que Toni viña comigo facer a peza e que Mar viña facer a súa, que ademais acabamos protagonizando non sei moi ben como. Quedei moi contento porque aprendín, porque me divertín, e porque teño a sensación de que a identidade deles tres, e a miña, está presente dunha forma sincera na película. Non quedei tan contento pola nosa propia torpeza á hora de gravar o son, pero bueno, vai con subtítulos para que se entenda todo.”

"Xente bonita #1" afonda na vida que temos e na que desexamos, tocando temas moi contemporáneos, coma o traballo, a realización persoal ou a necesidade de estabilidade laboral: "Cando estaba rematando a montaxe da película, morreu Jonas Mekas. Internet inundouse de frases xeniais súas e puxen unha que me fixo moita gracia ao principio da película: "A tomar polo cú a carreira!". Púxena como unha forma de tomar partido pola paixón (pola arte, pola vida) fronte ao inhumano do mercado e do traballo (iso mesmo é o que fai tamén a canción de "Lamprea Explosiva" que dá título á peza e que a pecha). Pero tamén porque unha parte do que me interesa facer vai na súa liña de traballar coa propia vida, cos amigos e amigas, de maneira que a peza sexa tamén unha especie de película doméstica que me apeteza ver nuns anos como quen mira unha foto (de feito, a idea é que sexa a primeira peza dunha serie traballando cun método parecido), e que transmita unha certa intimidade. En paralelo a iso, quería facer xusto o oposto ao que Toni e máis eu fixeramos coa cámara noutra película anterior, Entrar aos Vilares. Alí vagabamos coa mirada en todas direccións, e aquí opoñémonos a nós mesmos coa idea de situar as persoas diante da cámara e miralas durante moito rato, como se a través desa paciencia se puidese rascar algo máis de quen son. Só sabía que quería gravar a Toni co seu coche porque me parece precisamente unha especie de extensión da súa personalidade. Con Pepe aproveitamos para ubicalo co acordeón entre as flores, recollendo as dúas cousas ás que se dedicou. Co caso de Mar, vina moi abstraída gravándonos e quixen recoller ese momento, coa cámara do móbil (porque era a que tiña a man). Gústame tamén que haxa un certo equilibrio entre poñer en escena cousas e deixar que sucedan, entre buscalas e atopalas. O resultado final supoño que é unha cousa un pouco rara: na imaxe é bastante austera, con só tres ou catro planos, pero no son ten moitísimos cortes e falamos todo o rato. Hai algún detalle gracioso, bastante divagación, algo de aburrimento, algo de política, algo de xogo... parécese á vida dalgunha maneira, supoño." Aínda que a peza de Cibrán enténdese autonomamente, e moi recomendábel vela con “Nimbo” dos seus colegas Mar Catarina e Rubén Domínguez; ambas conforman algo similar a un díptico, ou mellor aínda, como se fosen dous espellos enfrontados que transpiran autenticidade e vida.
Fotografías de Cesar Galdo e Gabriel Tizón

  • "Xente bonita #1: Pepe das Flores, Toni Colombo e Mar Catarina"

  • Cibrán Tenreiro

  • Cibrán e Toni na sesión introductoria da Chanfainalab

  • Cibrán e Toni de paseo por Sansa con Goteira ao fondo

  • Toni facendo callo na prantación do castiñeiro da Chanfaina

  • Cibrán e Toni de "miranda"

  • Cibrán co sacho

  • Cibrán e Toni na foto oficial da 5ª chanfainalab

  • Cibrán e Toni localizando

  • Cibrán e Rubén na "Eira de cineastas"

  • Toni argallando coa cámara

  • No santa Sanctorum de Pepe das Flores

  • Toni e o seu coche

  • Mar e a súa cámara

  • Cibrán, Toni e Mar, amigos

  • Cibrán a remollo

  • Retrato de tres amigos

  • Cibrán, Mar e Rubén na fervenza de Naraío

  • O acougo d@s Chanfaineir@s

  • Cibrán entre o público da 5º chanfainalab

  • Catro amigos na premiere da Chanfainalab

  • Cibrán na estrea mundial de "Xente bonita #1: Pepe das Flores, Toni Colombo e Mar Catarina"

load

Comentarios

Máis imaxes

Temas: Lamas, música, visitantes, vídeos, Chanfaina'Lab

Autor/a: Cibrán Tenreiro

Vídeos:
Entrar aos Vilares (teaser)
Vou deixalo todo
Burela ela ela

Compartir en: