Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018

mirada propia

Creacións audiovisuais, literarias ou artísticas realizadas por autores naturais ou residentes en San Sadurniño: creador@s, escultura, Revista Pumariño, músicos, pintura, poesía, teatro

"Unha casa de aldea"

Igrexafeita, 2018

5ª Chanfaina'Lab (18). Estrea venres, 14 de xuño do 2019
Director: Abel Vega.
Sinopse: "Cómo era unha casa de aldea na parroquia de Igrexafeita".
Duración: 7' 14”
Gravada en Igrexafeita do 31 de agosto ao 2 de setembro do 2018 dentro do programa da 5ª Chanfainalab

O veciño de Igrexafeita Abel Vega foinos sorprendendo nos últimos anos coas súas creacións audiovisuais, recibindo ao tempo numerosas louvanzas dos cineastas asistentes á Chanfainalab. Abel traballou arreo durante toda a vida como albanel, mais unha enfermidade laboral apartouno do seu oficio. Inquedo e activo, cunha curiosidade sen límite, aos seus 60 anos, segue a vivir unha segunda xuventude. Como él mesmo afirma con humor, agora dispón de tempo para atender ás catro galiñas da casa, colaborar no que poida coa Asociación veciñal Adiante Igrexafeita, tocar o acordeón e gravar vídeos con vocación didáctica, nos que mira coa cámara todo o que lle resulta familiar, en definitiva, todo canto o envolve. Aprendemos xa a facer pan, descubrimos os muíños de Igrexafeita, as pedras do Forgoselo, as fervenzas do Río Castro ou a feroz vida salvaxe no interior dun formigueiro; imaxes e sons que perpetúan a memoria local tanto a nivel patrimonial como etnográfico. Podes ver algúns dos seus filmes en Fálame de San Sadurniño para comprobar o seu amor polos fermosos recunchos da paisaxe humana e natural da súa patria da infancia, a querida parroquia de Igrexafeita e tamén da Serra do Forgoselo da que é un auténtico erudito.

Nesta edición colaborou -como todos os anos- na organización da Chanfainalab, axudando aos cineastas no que podía, dende a localización e produción, ata o reparto e interpretación noutras pezas como en "Breixo" de Javier Seoane. Tamén asistiu ao curso de iluminación básica impartido por Alberte Branco e ao de gravación de son de Carlos Suárez. Mais nesta edición, en lugar de facer as xa clásicas videocartografías da paisaxe ás que nos ten acostumados, apostou por adentrarse no interior dunha casa: "Eu quería contar cómo era unha casa como as de antes e cómo se vivía alí. De feito, eu de pequeno coñecín moi ben esa forma de vida. Vivín nuha casa moi similar: unha cociña co chan de terra que se varría cunha xesta. Co lume da lareira e o teito afumado. As vacas comían xunto a min doutro lado da mesa. Tiña unha bombilla e unha radio na cociña e pouco máis. Non había auga corrente, nin cuarto de baño. E así vivín ata os 20 anos. Andiven na procura de casas similares, pero que non estiveran en ruínas, mais xa quedan moi poucas. Ao final topei unha que me podía valer dun familiar, que por certo estivo habitada ata hai ben pouco e ademais coñecía dende neno, dende que teño sentido e memoria."

"Unha casa de aldea" é outra videocartografía gravada ao estilo "abeliano" no que a cámara percorre un espazo con valor emocional para o veterano cineasta, mentres grava sincronicamente a súa propia voz describindo o que o espectador está a ver -e as veces con comentarios moi ocorrentes-.O cineasta de Igrexafeita válese da súa espontaneidade cunha cámara "mercada en Alcampo que lle custou 99 euros” converténdose literalmente nos ollos do espectador; cunha mirada limpa e plena, ateigada do “amor co que describe praceres e vivencias de forma inocente e fascinante”, tal e como dixo del o director Óliver Laxe, admirador declarado da obra e do propio Vega. Este veciño bo e xeneroso, comprometido coa memoria e transmisión cultural do seu xeito de vida, insiste en que vexamos o seu documental como achega á memoria colectiva e ás xeracións máis novas: "Tiña a idea de amosar aos máis novos cómo era a vida antes. Porque moita xente de hoxe non sabe ben o que era unha casa de aldea e cómo se vivía nela." Reflectir a autenticidade e a verdade: este segue a ser o obxectivo deste veterano sen complexos e decidido a participar na Chanfainalab ata que o corpo aguante.
Fotografías de Cesar Galdo e Gabriel Tizón

  • "Unha casa de aldea"

  • Abel e Lucia Estévez na 5º chanfainalab

  • Abel no curso de son de Carlos Suarez

  • Abel no curso de son de Carlos Suarez (2)

  • Abel no curso de Iluminación de Alberte Branco

  • Abel con Manolo Varela e Gabriel Tizón

  • Abel co resto de actores e actrices de "Breixo"

  • Abel no público asistente a premiere mundial da Chanfainalab

  • Abel Vega presentando "Unha casa de aldea"

load

Comentarios

Máis imaxes

Última imaxe

Temas: creador@s, Igrexafeita, labregos e labregas, videocartografías, vídeos, Chanfaina'Lab

Autor/a: Abel Vega Vega

Vídeos:
"Cando ruxe o formigueiro"
"Mañá cocemos"

Compartir en: