Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018

mirada propia

Creacións audiovisuais, literarias ou artísticas realizadas por autores naturais ou residentes en San Sadurniño: creador@s, escultura, Revista Pumariño, músicos, pintura, poesía, teatro

"Trae !"

A Lobeira (Santa Mariña do Monte), 2019

6ª Chanfaina'Lab (3). Estrea venres, 6 de marzo do 2020
Dirección, guión, cámara, montaxe e son: Fran Bermúdez
Equipo de traballo (con Lina): Ana B. Gundín, Ángela Arnosa, Eloy Arnosa, Kevin Lorenzo, Carla Lago, Rubén Lago e Cesar Galdo .
Música:Ivan Fernández Coba, Bensound e Librería de Audio de YouTube.
Actores: Lina, Carlos Cobelo e Daniel Fernández.
Sinopse: “Lina ten tal obsesión coa súa pelota de plástico que é quen de chegar ata o máis alto e lonxe da Lobeira”.
Duración: 6' 13”
Filmada nas sete parroquias de San Sadurniño durante a fin de semana do 6 ao 8 de setembro do 2019 dentro do programa da 6ª Chanfainalab.


Francisco Bermúdez (Ferrol 1978) é músico, debuxante esporádico, videoblogueiro, ideólogo e creador da canle “A Lobeira today”, un auténtico home-orquestra. Fascinado por viaxar, ingresou na Armada, onde chegou a cumprir o seu sono, pois –tras máis de 2.000 días de mar - visitou máis de 45 países e 100 cidades. Casou e foise a vivir ao lugar de A Lobeira, na parroquia de Santa Mariña do Monte. Alí comezou a escrita do blog persoal “Vivo na Lobeira”. Boa proba da súa teima cinéfila foron as pezas realizadas nas anteriores Chanfainalab: "Quixera" (2015), "Sentimentos" (2016), "O enxerto, a bicicleta e o helicóptero" (2017) e “E fíxose a Luz” (2018). No 2016 foi trasladado á cidade holandesa de Brunssum, onde traballou no Mando Aliado das Forzas Conxuntas da OTAN; aínda que moi cedo comezou a manifestárselle a grave enfermidade da morriña, polo que tamén rexentou e atendeu a “Embaixada da Lobeira nos Países Baixos” ata o verán do 2019, no que retornou definitivamente cando foi destinado en Madrid. Tamén por mor daquela morriña, Fran decidiu hai dous anos gravar un vídeo diario durante un ano con experiencias cotiáns, ideas e sensacións sempre dende o humor retranqueiro e a creatividade. Na súa canle de Instagram: A Lobeira Today podemos seguir de preto a súa incesante actividade. Asemade na “A Lobeira today”, publica vídeos semanalmente -sempre que pode-, chegando a ser finalista en dúas categorías do certame Youtubeir@s e convertendo a San Sadurniño no 3º Concello con mais vídeos presentados (43 pezas inscritas).

Coma noutras edicións, a xenerosidade e a bonhomía de Fran fixéronse presentes durante os días da Chanfaina: participou no obradoiro de Sandra Sánchez sobre montaxe, axudou no que puido ao resto dos participantes e colaborou na edición da peza de Ana Lamas "As landras” e no reparto de "Qué pasou?". Mentres, a "cabeciña que ferve" de Fran ultimaba unha idea que lle roldaba dende que comezou a adestrar a Lina, a súa preciosa cadela mestura de labrador negro e Braco de pelo corto. "A idea agromou nun deses vídeos do reto de Instagram no que facía unha proba de montaxe coa cadela. Nesta peza, decidime a escribir un guión e saír dos límites da miña parroquia, utilizar máis medios e localizacións ou contar con colaboradores na rodaxe. Como dificultades atopeime cara a cara co dito de Hitchcock de “De nenos e animais, nin me fales”, descubrindo que ata a cadela máis obediente, a veces non fai todo o caso que un quere, como se pode ver nas primeiras tomas falsas dos créditos; tamén con que Lina tenlle medo aos ruídos fortes, coma por exemplo os fogos de artificio, e este ano parte da rodaxe coincidiu co San Pipote de Bardaos e tamén que non se pode fiar da meteoroloxía cando a rodaxe acontece en Galicia, xa que algunhas tomas -que por seren sinxelas deixei para o final-, tiveron que agardar ata ben pasado xaneiro para ser filmadas"

En "Trae !", Fran muda os rexistros aos que nos tiña acostumados para pasar ao que el mesmo denomina “cine entretemento” ou “cine de flocos de millo” e reafirma: "o único obxectivo desta curta é que os espectadores pasen un rato ben divertido" e abofé que o consegue. Neste caso, o marco ou xénero de referencia ven a ser o slapstick, unha comedia física como nos primeiros anos de cinematógrafo, onde a acción é o movemento son predominantes. A teima dunha cadela pola súa pelota é o sinxelo fío argumental que nos permitirá percorrer as sete parroquias do Concello a un ritmo vertixinoso. A esmagadora experiencia adquirida nos últimos anos pola práctica constante fican patentes neste arriscado exercicio de continuidade e movemento, onde Fran aplicou a máxima de Godard de que nunha rodaxe hai que “pensar, rodar e montar ao tempo”.
Xa avisamos no seu momento que o mellor cineasta da Lobeira habería de sorprendernos -e moito- no futuro. Con esta peza acredita xa a súa madurez, calidade técnica e sentido do ritmo. A veciñanza de Monte segue a agardar máis filmes de Fran Bermúdez e na cociña da Chanfainab sentímonos orgullosos da súa implicación persoal non só polas súas pezas, senón tamén polo seu teimudo compromiso en participar e crear comunidade.
Fotografías de Cesar Galdo

  • "Trae !"

  • Fran Bermúdez na 6º Chanfainalab

  • Lina, a protagonista

  • Fran na recepción do Concello de San Sadurniño

  • Na presentación da 6º chanfainalab

  • Fran botándolle terra ao castiñeiro da 6º Chanfainalab

  • Fran na prantación da 6º Chanfainalab

  • Fran na ribeira do Xuvia c@s cineastas da Chanfainalab

  • Dous grandes: Fran e Abel

  • Fran na foto oficial da 6º Chanfainalab

  • Fran no obradoiro de Sandra Sánchez

  • Fran e Abel na "Eira de cineastas"

  • Fran, Lina e Angela Arnosa

  • O grande Fran da Lobeira

  • Ana Lamas e Fran

  • Fran Bermúdez e Miguel de Lira

  • Fran na estrea mundial de "Trae!"

  • Guión de "Trae"

load

Comentarios

Máis imaxes

Temas: animais, creador@s, paseos, San Sadurniño (Concello), vídeos, Santa Mariña do Monte, Chanfaina'Lab

Autor/a: Fran Bermúdez

Vídeos:
"Quixera" (2015)
"O inxerto, a bicicleta e o helicóptero" (2017)
"E fíxose a luz" (2018)

Compartir en: