Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017

extramuros

Olladas das xentes que visitaron San Sadurniño e deixaron testemuñas en forma de textos, imaxes, pinturas ou filmes: visitantes senlleiros,

"Superficial"

San Sadurniño, 2016

3ª Chanfaina Lab (13). Estrea venres 12 de maio do 2017.
Director: Jorge Coira
Sinopse: "Superficial" é unha ollada que vaga polas formas que, de forma caprichosa, van xurdindo aló onde mires. É tamén un achegamento tanxencial a unha vila que transita o seu día a día por diante, por detrás, ou polos lados de todas esas liñas rectas, curvas, círculos, ángulos, triángulos e polígonos que compoñen, coma un puzzle caótico, a paisaxe cotiá das nosas vidas."
Participa: Cruz Piñón
Fotografía: Clara Coira
Música: Germán Díaz
Mestura de son: Diego S. Staub
Duración: 6' 40''
Gravada en San Sadurniño os días 3 e 4 de setembro dentro do programa da 3ª Chanfainalab


Nado en Rábade, Jorge Coira comezou a súa carreira profesional a finais dos 90 e hoxe está considerado como un dos cineastas galegos máis experimentados e polivalentes, pois ten feito cine, televisión, videocreación ou teatro e sempre con gran éxito. A súa formación, fundamentalmente autodidacta, complementouse coa asistencia a cursos e obradoiros con profesores como Michael Radford, Víctor Erice, Allan Starski, Béatrice Caufman, Robert Lovenheim, Víctor Duplá e Mariano Barroso. No eido do cine, tralos comezos en curtametraxes como "Mofa e Befa en Gran Liquidación" ou a multipremiada "O Matachín", estreou en 2004 a súa primeira longametraxe: "O ano da carracha". A súa seguinte película, "18 comidas" -estreada a finais de 2010 en varios países do mundo-, leva recibidos numerosos premios e seleccionada en máis de 30 festivais internacionais. En televisión, ademais do seu labor en publicidade e videoclips realiza series, como "Terra de Miranda", "As leis de Celavella", "Padre Casares" e, recentemente, "Luci"; así como a tv-movie "Entre bateas". Tamén, dirixe con frecuencia series de ámbito estatal como "El Comisario", RIS" ou "Pelotas". No eido do documental de creación realizou "¿Qué culpa tiene el tomate?" (estreado no MoMA en Nova York), ou "Días de reparto", ademais de docuseries para TVG como "Chunda Chunda". No 2016, gañou o Goya á mellor montaxe polo seu traballo en "El desconocido" de Dani de la Torre.

Como participante na Chanfainalab, Jorge aterrou en San Sadurniño sen unha idea definida do que ía gravar: " O certo é que non tiven tempo para, antes da fin de semana do Chanfaina, investigar e procurar un tema concreto que me inspirase unha peza. Así que, cando me decatei de que me ía ser imposible falar de San Sadurniño coa seguridade de quen coñece o corazón da vila, sentín que o mellor que podía facer era asumir esa eiva e traballar desde ela. E así, o que fixen foi aplicar a mirada real que eu vivín neses días -a de alguén que só ten acceso á superficie do lugar-, e confiar en que, desde esa superficie, aparecerían pegadas suxestivas do día a día dos seus habitantes, sombras que falasen dun espazo habitado e que funcionasen coma un espello que, revelando só unha pequena parte dunha vila, invitase ao ollo a lanzarse por máis. A partir de aí, quixen compartir o proceso coa miña sobriña Clara -a miña afillada-, unha rapaza que nos últimos anos comezou a desenvolver a súa paixón pola fotografía e que se apuntou a esta procura de elementos puramente formais -e de ecos entre eles- por unha boa parte das parroquias que conforman o concello. Por último, un tempo despois, coñecín un músico fascinante chamado Germán Díaz e, cando escoitei a súa música, sentín que había unha conexión clara coas emocións que eu sentía respecto ás imaxes rodadas e ao espírito que quería imprimir á peza; polo que falei con el para usar algúns dos seus temas na montaxe e, a partir desa conversa, naceu unha vontade de colaboración que ambos esperamos que poida continuar no futuro."

En "Superficial" prevalecen os planos curtos, na procura de formas xeométricas, liñas rectas, curvas, círculos, ángulos, triángulos e polígonos que están diariamente diante dos nosos ollos, mais que non somos quén de "ver" con facilidade. Á maneira dalgúns filmes de Norman Mclaren, a montaxe -arte na que Jorge é un reputado mestre- comporá o ritmo visual e sonoro e será o cemento que aporte a coherencia que enxergue o puzzle aparentemente caótico de formas, espazos e tempos de diferentes parroquias de San Sadurniño: "Aspiro a que, por unha banda, se produza un certo pracer puramente estético; e por outra, a que naza un relación interesante entre as expectativas do espectador que busca un relato -un significado- nas imaxes, e os distintos xogos de ecos visuais que propón a montaxe." Trátase, en definitiva, de aceptar o xogo que nos propón o cineasta, nesta viaxe impresionista, composta por pinceladas precisas da "paisaxe mirada" polos ollos de Jorge e Clara. Unha peza estimulante e singular que nos invita a observar de xeito creativo a beleza e a poesía que nos envolve todos os días e que tantas veces non valoramos doadamente.
Como non puido asistir á estrea da Chanfainalab na Casa de cultura de San Sadurniño, o cineasta enviounos este videosaúdo dende Berlín:

Fotografías de Cesar Galdo.

  • "Superficial"

  • Jorge Coira na Chanfainalab

  • Na presentacion de Eira de cineastas con Marta, Angeles, Sabela e Marcos

  • Jorge e Clara Coira na gravación de Superficial

  • Clara e Jorge na Chanfainalab

  • Clara e Jorge no xantar da Chanfaina

  • Imaxe de "Superficial"

  • Imaxe de "Superficial" de Jorge Coira

  • Superficial

  • Videosaúdo de Jorge na estrea mundial de "Superficial"

load

Comentarios

Máis imaxes

Temas: Chanfaina'Lab, cinema, naturezas, paseos, vídeos, visitantes

Autor/a: Jorge Coira Nieto

Vídeos:
Mofa e Befa "Gran Liquidación" (1996)
"O matachín" (1996)
O ano da carracha (trailer)
18 comidas

Compartir en: