Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017

xentes

Historias de vida de familias , homes e mulleres das parroquias de San Sadurniño: Bardaos, Ferreira, Igrexafeita, Lamas, Naraio, San Sadurniño, Santa Mariña do Monte así como doutros concellos veciños, algúns moi preto como Moeche, A Capela, Neda, Valdoviño, As Pontes, Narón, As Somozas ou Ferrol; mais tamén hai fotos en Santiago, Ourense, Argentina ou Asturias.

Serafín Castrillón, o anarquista de Lamas

Lamas, 1911

Serafín Castrillón foi un destacado anarquista en Cuba, país do que foi expulsado por "extranjero pernicioso" en 1911, cando tiña 25 anos. A nova publicouse en moitos xornais tanto españois como galegos e por suposto deberon correr moitas historias polas tabernas de Lamas sobre o fillo anarquista dun home moi coñecido na parroquia, Antonio Castrillón, de profundas conviccións monárquicas e conservadoras. Qué lle acontecera a Serafín Castrillón?.

Serafín María Loureano Castrillón Mouriz naceu nunha boa casa en Chao de Lamas, o 2 de xullo de 1886, no seo dunha familia de próspera posición económica. José Castrillón, seu bisavó, fora un pequeno propietario de Lamas e participara activamente nas primeiras corporacións municipais da historia de San Sadurniño en 1838 e 1841. O seu avó paterno, José María Castrillón López (1820-1900), de profesión propietario e perito agrimensor, chegou a ser alcalde conservador de San Sadurniño ata a remuda da revolución liberal progresista de 1854, aínda que posteriormente participará activamente en moitas corporacións municipais case ata o final do século XIX. Morreu sendo o home mais rico da parroquia. O pai de Serafín, Antonio Castrillón Rodríguez (1854-1937), tamén de profesión perito, xa era o maior contribuínte de Lamas nos anos da 2ª República e coa sublevación militar será nomeado 2º tenente de alcalde da primeira corporación franquista con Pelayo Casal, manténdose no cargo ata que faleceu en 1937, xa co alcalde Segundo Yáñez.

Respecto da familia materna, a nai de Serafín, Juana Mouriz Picos (1868) tamén nacera en Lamas, aínda que os avós maternos, Pedro Mouriz Fernández (1814-1889) e Manuela Picos Díaz (1839-1901), prósperos propietarios e rentistas da parroquia xa vivían en Ferrol. En calquera caso, a familia materna era moi relixiosa, pois os seus nomes aparecen en repetidas ocasións aportando pequenas cantidades para o "Círculo de obreros católicos" ou para a Campaña contra as blasfemias de "Tierra gallega" (1909). Como pode apreciarse, un entorno familiar católico, conservador e "de orden", moi afastado e practicamente antagónico á ideoloxía anarquista que desenvolverá Serafín dende a mocidade.

Posiblemente arredor de 1900, tras da morte dos avós paternos, a familia Castrillón-Mouriz trasladouse á casa familiar en Ferrol, tanto para atender á Manuela, -a avoa viúva e velliña-, como para facilitar os estudos e o futuro da inxente prole de nove fillos que se amoreaban no vello caserón dos Castrillón en Lamas cun porvir incerto: Manuel Antonio (1885-1889); Serafín (1886-1919); María del Rosario (1887); María Manuela (1890); Aquilino María (1892-1962); Ramona (1893); Antonio (1894); Blandina (1897-1897); María de las Mercedes (1899) e María del Carmen (1900). Xa instalados en Ferrol, aínda nacería a derradeira filla do matrimonio, Claudina.
Cando en 1901 morre a avoa materna en Ferrol, Serafín, o protagonista desta historia é un adolescente de 15 anos e xa vive na cidade departamental con toda a súa familia. Supoñemos que para aqueles nenos e nenas de aldea foi un cambio espectacular: o paso da monotonía e silencio de Chao de Lamas á vibrante cidade ferrolá cos seus cafés, axitación, movemento permanente e horizontes abertos de futuro. De feito, as irmáns María, Manuela e logo Carmen matricúlanse axiña na Escola de Artes e Oficios de Ferrol. Co tempo, Carmen Castrillón Mouriz, sería mestra na Escola obreira.

A primeira vez que Serafín Castrillón aparece na prensa foi en outubro de 1903, con 17 anos; o seu nome figura nunha listaxe de aspirantes para ingresar como aprendices no Arsenal. Quizais foi alí onde aprendeu o oficio de químico que consta na súa ficha policial e posiblemente a forxa no que agromará o ronsel da militancia anarquista, en contacto cos círculos obreristas da cidade. Volvemos a ver o nome de Serafín catro anos máis tarde, en outubro de 1907, con 21 anos, oficialmente reclamado como recluta, paso previo antes de ser considerado prófugo. Segundo a ficha policial, nesa altura, Serafín frecuentaba a compañeiros anarquistas en Barcelona na vaga de atentados de finais do 1906 ata abril de 1907. Na ficha indicábase que chegara a estar na cadea por colaborar na colocación dunha bomba na rúa San Fernando ao carón do Concello barcelonés, ademais de mesturarse con anarquistas de referencia "como Enrique Grau y el renombrado Bernardino Perón?" (quizais refírase a Mauricio Bernardon ). En calquera caso, o xa prófugo Serafín consegue emigrar a Cuba e topámolo no 1908 na Habana, probablemente traballando como mozo de café, pois daquela xa é o secretario da "Asociación de obreros en general de los cafés de la Habana". A ese tempo corresponde o panfleto asinado por Serafín convocando a unha manifestación contra o persoeiro cubano Gonzalo de Quesada e denunciando o engano da emigración.
No ano seguinte, 1909, tivo unha relevante participación na insólita "folga das planchadoras da Habana", na que a meirande parte das protagonistas eran mulleres de raza negra "fartas de tanta miseria e explotación". Como consecuencia desta folga, ao presidir un mitin no Gran Teatro Martí que rematou con ataques a varios trens de lavado, Serafin Castrillón foi detido xunto con 22 mulleres e catro homes baixo acusación de "coaligación para alterar el precio del trabajo" . Tras dous meses de prisión, foi liberado sen chegar a ser condenado. Na ficha policial aparece descrito como "de pelo castaño, ojos pardos, nariz regular, barba escasa, estatura regular. Vive en concubinato con Rafaela Carrillo sin hijos". Mais Serafín continuará desenvolvendo actividades sindicais e políticas que as autoridades cubanas cualifican como subversivas: coaccións, escándalos e inxurias, polas que sufrirá outras tres estadías no cárcere.

O 25 de setembro de 1911 será expulsado de Cuba, xunto con outros nove correlixionarios aos que se acusa de "anarquistas perniciosos": Bartolomé Berenguer, carpinteiro de Barcelona; Francisco González, tipógrafo, natural de Granada; Juan Azcón, fundidor de Barcelona; Enrique Grau, albanel de Barcelona; Francisco Aznar, barbeiro de Valencia; Juan Casanova, albanel de Barcelona; Francisco Pérez Rodríguez, carpinteiro de Ferrol; Sebastián Aguilar Mateo e Venancio Saenz Ibáñez, todos eles foron detidos pola policía cubana e trasladados ao vapor alemán «Frankenwald» con destino a Vigo. Alí agardáballes a policía española que os encerrou inmediatamente no cárcere de Vigo.
Ao cabo de cinco días de reclusión, os anarquistas protestarán nunha carta dende o cárcere publicada en varios xornais, cando xa levaban cinco días detidos sen causa ou xustificación legal algunha.

Pouco máis sabemos da vida de Serafín, porque ao saír do cárcere, obtivo un pasaporte falso -lembremos que estaba declarado prófugo en plena Guerra de Marrocos- e consegue retornar á Habana onde traballará como dependente. En Cuba falece, solteiro, o 7 de febreiro de 1919, aos 32 anos, segundo o xornal "El sol" (18-3-1921).
Agradecemos as pistas e información aportada polo xeneroso historiador Eliseo Fernández, así como polo libro "A emigración galega e o sindicalismo cubano" escrito por José Rivero Muñiz e publicado polo Ateneo de Ferrol no 2015.

  • Serafín Castrillón, o anarquista de Lamas

  • Panfleto escrito por Serafín Castrillón na Habana en 1908

  • Expulsión de anarquistas perniciosos

  • Los expulsados de Cuba desde la cárcel. El país 10.10.1911

  • Listaxe de posibeis profugos 22 de outubro de1907 El correo gallego

  • Morte da avoa materna 25.6.1901

  • Listaxe de aprendices para o Arsenal. Correo 24-10-1903

  • 1911, anarquistas expulsados de Cuba

  • Manolito Castrillón Mouriz, morto aos catro anos. 28.6.1889

  • Esquela de Antonio Castrillón, pai de Serafín 3.11.1937

  • Casa familiar dos Castrillón en Chao de Lamas

  • Partida de nacemento de Serafín Castrillón Mouriz

  • Carmen Castrillón Mouriz, mestra da Escola obreira de Ferrol (1931)

  • A expulsión de Serafín Castrillón na Voz de Galicia de 22.10.1911

load

Comentarios

Máis imaxes

Temas: conflitos, emigración, Lamas, xente

Autor/a: Manolo González Álvarez

Compartir en: