Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017

mirada propia

Creacións audiovisuais, literarias ou artísticas realizadas por autores naturais ou residentes en San Sadurniño: creador@s, Revista Pumariño, músicos, pintura, poesía, teatro

"Sentimentos"

A Lobeira, San Sadurniño, 2016

3ª Chanfaina Lab (9). Estrea venres 14 de abril do 2017.
Director: Fran Bermúdez
Sinopse: "Sentimentos expresa o que sinto cando vivo determinados momentos, medo a escuridade, tranquilidade no paseo das mañás… de feito o sentimento que subtitula cada fragmento e o primeiro sentimento que me veu a cabeza ao gravar ou montar as pezas deste pequeno puzle sentimental, e como non, có refacho final da morriña, un sentimento que ultimamente teño a flor de pel."
Duración: 2' 10''
Gravada na parroquia de Santa Mariña do Monte dentro do programa da 3ª Chanfainalab


Nado en Ferrol en 1978, Francisco Bermúdez é músico esporádico, debuxante afeccionado de cómics, compositor, gravador e montador de vídeo vocacional. Fascinado por viaxar, ingresou na Armada onde chegou a cumprir o seu sono, pois –despois de 2000 días de mar- visitou 40 países e 86 cidades. Casou e foise a vivir ao lugar de A Lobeira, na parroquia de Santa Mariña do Monte. Alí comezou a escrita dun blog persoal de referencia en San Sadurniño “Vivo na Lobeira”. Dende fai un tempo, Fran decidiu gravar en vídeo experiencias cotiáns, ideas e sensacións. Boa proba da súa teima cinéfila foi a súa peza participante na anterior Chanfainalab "Quixera". No 2016 foi trasladado á cidade holandesa de Brunssum onde traballa no Mando Aliado das Forzas Conxuntas da OTAN; aínda que moi cedo comezou a manifestárselle a grave enfermidade da morriña, polo que tamén rexenta e atende a “Embaixada da Lobeira nos Paises Baixos”.

Por motivos laborais, Fran non puido estar nos días de gravación da Chanfainalab, mais o seu espírito inquedo e xeneroso "obrigouno" a participar nesta edición. Tiña moi encarreirada a súa peza documental sobre unha veciña da Lobeira: "A miña idea orixinal era facer unha curta monográfica sobre "Inolita da Lobeira". Mais coma sempre, pasada a “festa” acontecéronme cousas mais ou menos importantes: mudanza ao estranxeiro, arranxar papeis, procurar casa, desenferruxar o meu inglés, traducir facturas do holandés, visitas turísticas, visitas mesmo ao veterinario con Lina, a “starring” da miña curta, e un longuísimo etc. O caso é que fun deixando a curta ata Nadal, primeiro, e tras o batacazo que supuxo que Inolita non quixese colaborar comigo, cousa que me dixo a una semana de retornar a Brunssum, non me quedou outra que tirar de maxín e cos poucos vídeos que tiña gravados co móbil na casa -na miña casa de verdade, non a de aquí- para meterlle polo medio ao “monográfico” citado, comecei a montar a peza, que si é verdade que quedou "curta", pero bueno, para o ano máis e mellor, espero."
Dende Brunssum enviounos este videosaúdo co galo da estrea da Chanfainalab:



En "Sentimentos" seguimos asistindo ao proceso de crecemento dun cineasta na procura da súa mirada propia, poñendo o foco diante do que lle acontece, sinte e vive. Un puzle de emocións e sentimentos agromados da experiencia migratoria no latexar dun recuncho a outro da Unión Europea. Nesta peza minimalista –que dende a Chanfainalab agradecemos de corazón, polos problemas de toda índole que tivo nesta edición- , Fran Bermúdez pretende tan só que cada espectador/a se interrogue polos seus propios sentimentos: : "Posiblemente, case seguro, que non sintan o mesmo ca min, i ese é en efecto, o que busca o “¿e ti que sentes?” do final; a verdade que non espero que ninguén coincida comigo en todos os sentimentos que se amosan, mais si que agardo que entendan a miña percepción e a comparen coa deles". A chanfainalab e a veciñanza da Lobeira seguen a agardar máis filmes de Fran Bermúdez nas vindeiras edicións desta experiencia colectiva que procura implicar a veciños e veciñas de San Sadurniño na creación audiovisual.

  • "Sentimentos"

  • Fran dende Brunssum no día da estrea de "Sentimentos"

load

Comentarios

Máis imaxes

Temas: emigración, creador@s, Chanfaina'Lab, Santa Mariña do Monte, vídeos

Autor/a: Fran Bermúdez

Vídeos:
"Quixera"

Compartir en: