Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018 Chanfaina Lab seleccionada no banco de boas prácticas da xestión cultural Chanfaina Lab, XI Premio José Sellier

documentos

Ademais das imaxes, tamén a prensa e os documentos históricos fálannos de San Sadurniño no decurso do tempo: Podes velos en orde cronolóxico aquí , ou consultar algúns datos estatísticos

Os Lanzós recuperan San Sadurniño

San Sadurniño, 1489

Unha das incógnitas da historia do noso concello é a orixe do patrimonio fundacional do Señorío de San Sadurniño. É un relato curioso -por veces sorprendente- co que se podería escribir unha melodramática historia que ilustraría perfectamente o acontecido no turbulento século XV galego
Arredor de 1418 o cabaleiro Xoan Freire de Lanzós era un encomendeiro mais dos cabaleiros prestameiros que "protexen e rouban" os mosteiros de Martín de Xuvia ou Pedroso, formando parte do cortexo expoliador do poderoso e brutal Nuno Freire de Andrade, “con 20 homes de cabalo, 400 vasalos y moitas behetrías. Representa perfectamente o espírito dos pequenos cabaleiros ao servizo da cobizosa nobreza ascendente. Mais morrerá repentinamente en 1421, deixando un fillo menor de idade, Alonso de Lanzós, ao cargo da súa nai Isabel de Castro; Alonso Lanzós posiblemente nacera arredor de 1420. Axiña, o voraz Nuno Freire de Andrade, "apropiouse" do patrimonio familiar dos Lanzós aproveitándose da minoría de idade do neno Alonso.
O adolescente Alonso de Lanzós comezou ao servizo dos Andrade, ”el que más poco con él vivió”, porque cando acadou a maioría de idade reclamou ao novo Señor Fernán Pérez de Andrade seu patrimonio familiar, que incluía entre outros os coutos de San Sadurniño, Ferreira, e San Martiño de Cerdido “con todos sus vasallos, señorío e jurisdiçión çevil e criminal”. Mais houbo un desencontro con Diego de Andrade. E de supoñer que o cobizoso e ruín Andrade non quixera soltar o botín que usurpara o seu pai. De feito, en 1446 o propio rei Juan II ordena a Pedro Álvarez de Osorio que procure a devolución a Alonso de Lanzós dos bens que lle tiña retidos Andrade aproveitando a súa minoría de idade “porque vos ruego e mando que qualquier cosa que sea del dicho Alfonso de Lençoós e le sea tomado e ocupado por fuerça le sea tornado e restituydo”. Porén, a loita permanente polos "bens da familia" semella unha constante na axitada vida de Alonso de Lanzós. En 1465, viaxará a Castela para solicitar a protección do rei Enrique IV. Posiblemente casara arredor de 1450 con Constanza, mais ficou viúvo e casou de novo con María de Castro e Fontaos coa que tivo catro fillas e que deberon vivir con desesperación a impotencia do seu pai por recuperar a honra da casa Lanzós-Castro.
En 1467 participa activamente na revolta Irmandiña, como un dos seus capitáns mais sobranceiros e carismáticos. Unha vez derrotado o exército irmandiño pola coalición de nobres, o valente Alfonso será entregado e preso por un esbirro dos Andrade, Fernán Pérez Parragués. O conde de Lemos e Diego de Andrade en vinganza volven a quitarlle todos os seus títulos e posesións: a casa forte de Lanzós, e outras (Villalba); os coutos de San Sadurniño, Ferreira, e San Martiño de Cerdido; os padroados e beneficios de Lanzós, San Sadurniño, O Deveso,(As Pontes) San Cristovo de Ferreira, San Xiao de Ferrol, San Xurxo da Mariña, San Xoán de Esmelle, Santa Uxía de Mandiá (Ferrol) e San Mateo (actual Narón).
Nese mesmo ano da derrota irmandiña, a gran dama Beatriz de Castro, tía de Alonso de Lanzós, nomea ao seu sobriño herdeiro universal dos seus bens en Ourense.
Esta incerteza polo futuro da familia e as súas fillas está presente no seu testamento, que outorgou en maio de 1480 na casa do mercader Xoán de Dios en Coruña, cidade onde se atopaba recollido e postrado de enfermidade. Deixa todas as súas posesións usurpadas ás fillas. Anos mais tarde, a súa viúva Dª. María de Castro, seguía a reclamar os bens do seu marido que aínda permanecían secuestrados polo Conde de Lemos e Diego de Andrade. Acusa directamente a Diego de Andrade por fuerça e violenta mano armada le despojó e desamparó de las dichas posesiones. Ao fin en 1489, unha provisión dos Reis Católicos ordena que sexan retornados os ben aos herdeiros de Alonso de Lanzós a favor de María de Lançoos y de sus hijas doña Inés, doña María, doña Isabel y doña Leonor, hijas también de Alonso de Lançoos, difunto, vecinos del reino de Galicia, y en su virtud Diego de Andrade les devuelva los cotos de San Sadornino, Ferreira y otros bienes que se mencionan.

A viúva de Alonso de Lanzós xa pode morrer tranquila en Pontevedra, testando en 1500 á favor das súas fillas, tras dunha vida enteira loitando polo que era seu e do marido. Inés de Castro e Lanzós convértese desta volta na propietaria de numerosas terras e posesións en San Sadurniño e Ferreira cos que se creará o morgado de San Sadurniño en 1526. E foi así como o patrimonio do líder irmandiño serviu para crear un señorío feudal que se prolongaría ata ben entrado o século XX. Non deixa de seren un paradoxo que a herdanza de quen aparece nos libros de historia como líder dunha das primeiras revolucións antiseñoriais de Europa, sexa a base principal sobre a que se levantará unha liñaxe feudal que chega practicamente ata os nosos días.
Na ilustración executoria de 18 de agosto de 1489, Real de Baza que ordea a devolución dos bens de Alonso de Lanzós aos seus herdeiros

Os Lanzós recuperan San Sadurniño

Documentos:

Testamento de Alonso de Lanzós (1480)
Orde Real para que lle devolvan a Alonso de Lanzós os bens usurpados polos Andrade (1446)

Comentarios

Máis imaxes

Temas: Señores de San Sadurniño, conflitos, Pazo da Marquesa

Autor/a: Manuel González Álvarez

Compartir en: