Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018

documentos

Ademais das imaxes, tamén a prensa e os documentos históricos fálannos de San Sadurniño no decurso do tempo: Podes velos en orde cronolóxico aquí , ou consultar algúns datos estatísticos

Os carboeiros da Ciénaga de Zapata

Alacranes, Matanzas, Cuba, 1924

A Ciénaga de Zapata é un territorio de 300 000 hectáreas da provincia de Matanzas, na zona occidental de Cuba. O 75% da súa superficie é pantanosa. A abundancia de turba e carbón vexetal fixo que algúns homes puxeran os seus ollos nesta desolada e inhóspita rexión a comezos do século XX, a meirande parte eran galegos, e algúns deles, oriundos de San Sadurniño.
Todo comezou tras dun decreto firmado en 1912 polo daquela Presidente da República Cubana, José Miguel Gómez. Segundo a lei, dábaselle a concesión para a explotación da ciénaga á Compañía Agricultora de Zapata, mais a ningunha empresa estranxeira ou nacional lle interesou esta “oferta” polo custoso da inversión precisa para poñer en marcha as explotacións.
Tratábase basicamente de construír gabias en inmensos terreos pantanosos para poder extraer ou tronzar madeira e “fabricar” carbón que se vendía en Matanzas ou na Habana. Un labor ben coñecido polos labregos e labregas de San Sadurniño que “redondeaban” os seus cativos ingresos vendendo carbón vexetal polo Ferrol na primeira metade do século XX.

Así foi como algúns emigrantes galegos da Habana entenderon que “aquilo” era unha oportunidade; nomeadamente para os avispados empresarios viveirenses Jesús Rivera Cociña e os irmáns Sinecio e Ciro Mora. Os tres socios organizaron unha estrutura da explotación da ciénaga coa “Bodega de los gallegos”. Alí vivían contratados preto dun centenar de emigrantes galegos, fartos de buscarse a vida polas rúas da Habana, explotados polos empresarios galegos do carbón. Mais as condicións do traballo na ciénaga eran infames; auga, lama, cocodrilos, os mosquitos e a insalubridade dos pantanos mantiñan a aqueles indómitos galegos preto das portas da morte. Por riba, a bestialidade do traballo, tronzar a leña, carrexar e preparar o carbón vexetal durante varios días facían extenuante calquera actividade humana ante un clima adverso húmido e caloroso. O lector interesado pode ver aquí a curtametraxe “El megano” (Julio García Espinosa 1955) para quedar sen palabras. Moitos dos que saen nese filme son os galegos da Ciénaga de Zapata.
Entre os mais de cen galegos da Ciénaga atopamos a catro veciños de San Sadurniño: os irmáns Marcelino Vigo Díaz e José Vigo Díaz (de Ferreira); Manuel Cabeiro Canido e Antonio Redondo Sedes. Os catro coincidiron na "Bodega de los Gallegos" arredor de 1924. Outros homes que traballaron nas ciénagas foron José Soto e o seu fillo Manuel Soto Meizoso de Naraío. Poucos deles retornarán á patria da infancia e os seus restos aínda están alá, na Ciénaga de Zapata, hoxe "Reserva da biosfera". Descarga o documento para coñecer algo mais das súas vidas.
Documentado no libro "Del misterio a la realidad. Gallegos carboneros en la Ciénaga de Zapata” por Henry García González. Editado por Galicia en el mundo.Vigo 2011. Na fotografía Marcelino Vigo Díaz, (1899-1946), natural de Ferreira.

  • Os carboeiros da Ciénaga de Zapata

  • DNI Marcelino Diaz Vigo

  • Identificación en Batabanó

  • Manuel Cabeiro Gonzalez, fillo do emigrante Manuel Cabeiro Canido

  • Carboneros gallegos en Cuba

load

Documentos:

Carboeiros de San Sadurniño na Ciénaga de Zapata

Comentarios

Consuelo

2014-07-03 17:34:58

Bufff , quedan unha morea deles sin poñerlles nome, que foron de San Sadurniño, en concreto outros tres hirmans de Ferreira__ Anxel ,Miguel, e Andrés, Picos Cendán, Bueno non sei si me trabuco nos nomes ) Habia varios de Naraío, e varios de Igrexafeita, entre eles estaba Vicente Prieto, e Leocadio Yáñez, agora as familias de estes homes viven en Jagúey Grande. Eu xa estiven alí duas veces, sei moita historia deles, pois Vicente Prieto era meu tio, alí tivo 10 fillos e criounos en Corte el Binco, península de Zapata ( chamada así pola sua forma de zapato?, Na actualidade dous dos seus fillos viven en Ferrol, alguns familia dos Picos Cendán andan por Madrid. etc etc etc ..................

Fálame

2014-07-04 12:09:50

Graciñas Consuelo, gustaríanos moito que nos falaras dalgunha desas historias que sabes. Un saúdo.

noel

2015-07-29 14:53:47

otro carbonero de san sadurniño asentado en cienaga de zapata del poblado de palpite es jose rodriguez quintela hijo de carmen y gervasio que por cierto estoy buscando informacion si me podrian ayudar se lo agradeceria necesito la inscripcion de nacimiento, un saludo

falame

2015-07-30 10:39:05

Para axudalo, precisamos algún datos. Por favor envíenos un correo a falamedesansadurnino@gmail.com. Un saúdo

Máis imaxes

Temas: emigración, Ferreira, outros lugares, vídeos

Autor/a: Manuel González Álvarez

Vídeos:
"El Megano". Ciénaga de Zapata.1955

Compartir en: