Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017

documentos

Ademais das imaxes, tamén a prensa e os documentos históricos fálannos de San Sadurniño no decurso do tempo: Podes velos en orde cronolóxico aquí , ou consultar algúns datos estatísticos

O verán do 37 da Marquesa

San Sadurniño, 1937

Cando se produce a sublevación militar do 18 de xullo de 1936 contra o goberno da República, Natividad Quindós, Marquesa de San Sadurniño non está no seu domicilio habitual en Madrid. Algunhas fontes sitúana en Suiza, quizais convenientemente avisada do que se aveciñaba coa Guerra Civil española.
A finais de primaveira de 1937, con Guipúzcua xa “liberada” polo Xeneral Mola, o 11 de xuño de 1937 chega a Coruña atravesando a península pola zona franquista “de paso para Ferrol y su palacio de San Saturnino. Fue muy saludada aquí por sus extensas relaciones con la alta sociedad coruñesa” (El correo gallego 12 de xuño de 1937). Ao día seguinte o mesmo xornal informa que chegará a Ferrol “donde fue acompañada por el contraalmirante de la Armada José María Franco de Villalobos, (primo segundo e gran amigo do Xeneral Franco). Este mesmo militar acompañará á Marquesa no seu Pazo o 6 de xullo.

A Marquesa – que cumple en agosto 76 anos- volve a sentirse a salvo na vella casona familiar, arroupada polos seus servos e caseiros, mentres a guerra civil desangra ao país e os seus ecos chegaban ata San Sadurniño. Conta ademais coa complicidade e o respecto do novo poder local nomeado pola autoridade militar. O alcalde é o seu vello amigo, o comerciante Pelayo Casal.

O día 2 de agosto de 1937 organiza unha solemne función relixiosa “en acción de gracias por la bondad de Dios al haber liberado a Galicia de los horribles estragos y terrible opresión comunista”. Nese día recupérase a tradicional procesión que ía da Igrexa de San Sadurniño ata o xardín da Marquesa e a estatua do Sagrado Corazón de Jesús. Entre os asistentes figuraban, ademáis, o novo e flamante alcalde Segundo Yañez e os principais persoeiros locais leais a Franco. “El correo gallego” informa que asistiron ao almorzo privado no pazo da Marquesa, Antonio Goicoechea y Cosculluela, monárquico convencido, home de Musollini en España, amigo de Primo de Rivera e líder do partido de Renovación española (Calvo Sotelo); José de Yanguas Messia, activo político durante a Ditadura de Primo de Rivera e futuro embaixador franquista ante a Santa Sede; Antonio de la Cierva y Lewita, Duque de Terranova, e Fernando Gallego de Chaves y Calleja, Marqués de Quintanar y otras personalidades, todas elas de profundas conviccións monárquicas e fieis defensores do retorno de Alfonso XIII. Aquela foi unha tarde que de seguro agradaría moito á Marquesa, porque dalgún xeito evocaba os tempos de esplendor do Pazo de San Sadurniño e que todo ía volver á "normalidade".

En outubro de 1937 a Marquesa trasládase á Coruña para pasar alí o inverno, na confianza en que a victoria do exército franquista lle permita retornar ao seu gran Pazo en Madrid. Mais aínda terá que agardar. No verán de 1938 Natividad Quindós voltará a San Sadurniño ata outubro de 1938, no que regresa á Coruña. Coa entrada das tropas de Franco en Madrid, en abril de 1939, a Marquesa poderá recuperar definitivamente o domicilio no que nacera hai case 78 anos. Comeza a Ditadura militar, mais o sono monárquico esvaécese e tamén esmorece definitivamente o esplendor aristocrático do Pazo de San Sadurniño.

  • O verán do 37 da Marquesa

  • Almorzo coa marquesa . El correo gallego 3-8-1937

  • O acto patriótico na Voz de Galicia

load

Comentarios

Máis imaxes

Temas: Señores de San Sadurniño, San Sadurniño (Concello), visitantes, Pazo da Marquesa, guerra

Compartir en: