Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018

extramuros

Olladas das xentes que visitaron San Sadurniño e deixaron testemuñas en forma de textos, imaxes, pinturas ou filmes: visitantes senlleiros,

"O silencio dos eólicos"

Racamonde, 2018

5ª Chanfaina Lab (16). Estrea venres, 31 de maio do 2019.
Dirección: Aser Álvarez
Edición: Plácido Romero
Colaboradores: David Arnoso, Mónica Anca, Manuel Arnoso, Xoel Arnoso, María Antonia Gómez.
Sinopse:"O silencio dos éolicos é o froito da observación da actividade cotiá dun gandeiro mozo e da súa familia nunha facenda de vacún de leite na serra de Forgoselo, nas terras altas de San Sadurniño, durante unha mañá de verán."
Duración: 7' 37''
Gravado en Racamonde do 31 de agosto ao 2 de setembro do 2018 dentro do programa da 5ª Chanfainalab.


Aser Álvarez (Celanova, 1976). Licenciado en Ciencias Políticas e Xornalismo e especialista universitario en Comunicación Audiovisual, pasou a infancia vendo pelis de moca no cine de Celanova, na compaña do seu amigo Xesús, o derradeiro operador cinematográfico de sala da vila. Despois de facer un par de pelis de ninjas cunha vella cámara de super 8, traballou como redactor e guionista na TVG e na Cadena Ser, gañando o premio ao mellor documental radiofónico no I Open Radio do Centro de Cultura Contemporánea de Barcelona. Cineasta dinámico e polifacético fundou Arraianos Producións Multimedia, marca coa que realizará e producirá unha morea de proxectos audiovisuais. Director, guionista e produtor executivo de “100% CEF,” unha biografía de Celso Emilio Ferreiro que acadou o Mestre Mateo ao mellor documental e “Looking for Bill Viola“, videocreación para un proxecto pedagóxico de achegamento á arte contemporánea a través da linguaxe audiovisual. Tamén realizou traballos de publicidade cos que obtivo varios premios e recoñecementos. Produtor de "Fronteiras de enerxía animal" ou "O tempo na luparia" entre outros moitos. O seu traballo máis recente é “Sísifo Confuso. Traballos e días de Francisco Leiro” longametraxe documental rodado entre Cambados, Madrid e Nova Iorque durante case tres anos. Director, guionista e produtor executivo de “Anacos de Vida” un novo formato audiovisual desenvolvido para a CRTVG. Asemade é o impulsor e director do Festival Internacional de Cine Rural de Galicia “Carlos Velo” e da "Feira internacional de cultura rural FICRural".

A pesares de ter percorrido unha morea de corredoiras polo país adiante, o inquedo Aser, un verdadeiro fervello das máis diversas actividades, nunca aterrara por Sansa. E ao fin achegouse á Chanfainalab acompañado da súa familia, Carlos e Olivia: "Levaba anos querendo ir a San Sadurniño. Acababa de ver, na súa casa de Laraño, algúns dos fragmentos da peza que Óliver Laxe fixera o ano anterior na Chanfaina sobre os cabalos. Que carallo ía facer eu... Vacas?. Para un pobre arraiano coma min, todo o interesante sempre acontece na raia, na fronteira. Por iso, cando cheguei á terra prometida, despois de dous días case sen durmir, o primeiro que fixen foi madrugar moito para meditar ao amencer e facer contrabando audiovisual nos límites xeográficos de San Sadurniño, na Serra de Forgoselo , vixiado polos grandes muíños, nun lugar misterioso e bravo, onde o silencio só é tal cando os eólicos paran. Non sabía moi ben o que procuraba, mais algo me levou até alí para ver como era un día na vida dun gandeiro mozo. Ou mellor dito, quería ver dende os ollos dos seus fillos. Pero falloume a produción e os meus fillos, que ían interactuar con eles, pasaron de min con moi bo criterio e quedaron a durmir para ir á piscina pola mañá. Así que fixen o que puiden. Unha das miñas chanfainadas, feita a base leite con eólicos, vacas pintas e un tractor espichando un rolo de herba, o cheiro do silo e un tanque de frío, unha familia de gandeiros, o vento e o silencio."

"O silencio dos eólicos" e un breve percorrido polo xeito de vivir da única familia que vive no afastado lugar de Racamonde, no linde fronteirizo da parroquia de Naraío. A pesares do seu aparente illamento, a familia Arnoso-Anca vive feliz no rural, a base dunha explotación gandeira rodeada de aeroxeradores. A tranquilidade e beleza brava de Racamonde aparece retratada coa ameaza sonora, case perpetua, dos trebellos eólicos, metáfora da modernidade. Aser, militante e defensor a ultranza da revitalización dos espazos agrarios, móvese como peixe na auga por un mundo que coñece ben e, polo tanto, ama: “So o meu mestre, Plácido Romero, podía poñer orde naquel collage que gravei nas Terras Altas de Sansa. Así que todo o mérito que poida ter esta peza é seu. Seu e dos protagonistas. Só lamento que non poidades ver o meu combate coas formigas voadoras asasinas, nin a espectacular fuxida no Land Rover, unha secuencia prohibida coa que ía fundar o club de fans de Abel Vega, un dos grandes cineastas locais de San Sadurniño." O marabilloso plano secuencia que abre a peza, no que Xoel nomea a todas as "súas" vacas acredita ben a simbiose de Aser co rural. Dende a Chanfainalab estamos orgullosos de incorporar a mirada dun cineastas máis comprometidos coa cultura labrega do país. Viaxemos pois ata a fronteira Sur de San Sadurniño neste retrato humano, amable e agarimoso, dunha familia que aposta sen complexos por vivir o seu día a día no rural galego.

  • "O silencio dos eólicos"

  • Aser Álvarez na 5º chanfainalab

  • Aser gravando no Forgoselo

  • Xoel e David Arnoso e as súas vacas

  • Tizón e Aser en Racamonde

  • David Arnoso e as súas vacas

  • Xoel e Gabriel Tizón

  • Un dos guardianes de Racamonde

  • Os "homes" de Racamonde

  • Xoel e Aser

  • Carlos Alvarez en Racamonde

  • Xoel e as súas vacas

  • Xoel Arnoso

  • A familia Arnoso-Anca de Racamonde

  • Carlos e Olivia en Racamonde

  • Aser relaxándose

  • Olivia na piscina

  • Aser, Lucia e Ana

  • Aser e Tito

  • Aser, Carlos e Sabela

  • Carlos Alvarez en Sansa

  • Mónica Anca

  • Monica Anca e a súa vaca

  • A familia gandeira Arnoso-Anca

load

Comentarios

Máis imaxes

Temas: animais, empresas agrogandeiras, familias, gandeiría, labregos e labregas, Naraío, nenos e nenas, vídeos, visitantes, Chanfaina'Lab

Autor/a: Aser Álvarez

Vídeos:
"Looking for Bill Viola"
”Sísifo Confuso. Traballos e días de Francisco Leiro”

Compartir en: