Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018 Chanfaina Lab seleccionada no banco de boas prácticas da xestión cultural Chanfaina Lab, XI Premio José Sellier

documentos

Ademais das imaxes, tamén a prensa e os documentos históricos fálannos de San Sadurniño no decurso do tempo: Podes velos en orde cronolóxico aquí , ou consultar algúns datos estatísticos

O mosteiro abandoado

San Sadurniño, 1835

Despois de trescentos anos, o 27 de setembro de 1835 o convento do Rosario fica baleiro. Os derradeiros monxes dominicos abandonan San Sadurniño e deixan escrito no Libro de contas do Convento o seguinte texto:
“En últimos de este mes haciéndose cargo el crédito público de los papeles y enseres de esta comunidad, se dio por concluído este libro, y así lo firmamos a veinte y siete de septiembre de mil ochocientos treinta y cinco. Fr. Tomás Sieyra y Fr. Bartolomé Rodríguez Presidente"

Cómo se chegou a esa situación?
Temos que remontarnos dez anos no tempo. Coa restauración absolutista de Fernando VII en 1823, os poderes do Antigo Réxime, Igrexa e Nobreza recuperan a súa hexemonía política e social. As terras da península seguen a pertencer por enteiro á Igrexa e a Nobreza. A feroz represión contra os liberais deixará unha profunda pegada na xeración de intelectuais que pretenden modernizar España para homologala ás correntes trunfantes en Europa. A guerra civil carlista comeza á morte de Fernando VII e unha gran parte da Igrexa apoia o bando carlista. Pola contra, a raíña rexente María Cristina verase obrigada a apoiarse nos liberais para garantir o trono da súa filla Isabel II que só ten tres anos de idade. Os gobernos liberais moderados de Martínez de la Rosa e o Conde de Toreno lexislan unha tímida desamortización dos bens da Igrexa en 1835. Xa o Concilio de Trento ditaminara en 1563 que eran precisos 12 monxes “para establecer unha comunidade formada”. Os dominicos prometeran en repetidas ocasións aos patróns do convento, nomeadamente ao III Señor de San Sadurniño, acadar ese número de monxes, mais nunca pasaron de oito relixiosos. Precisamente ese será o principal argumento empregado polo goberno moderado para promulgar un Real Decreto o 25 de xullo de 1835, que suprime os mosteiros e conventos "que no tengan doce individuos profesos". Arredor de 900 mosteiros de España, -dos que 234 eran dominicos-, tiveron que pechar as súas portas no verán de 1835, entre eles os oito monxes residentes en San Sadurniño. Así pois, 5.381 monxes- dos 31.000 censados- terán que abandonar os conventos e partir cara novos destinos noutros mosteiros de España. Un informe publicado o 9 de xaneiro de 1836 conclúe:"el de san Saturnino no tiene más aplicación que su demolición y venta de piedra". Un ano mais tarde producirase a definitiva desamortización progresista de Mendizabal. Mais a aquela altura, o convento do Rosario xa estaba completamente abandonado.
Porén, a igrexa do mosteiro continuará aberta ao culto, atendida por cregos seculares a fronte da parroquia de San Sadurniño..O último monxe exclaustrado, Tomás Sieyra, seguirá vivindo na reitoral ata a súa morte en 1848 aos 56 anos de idade.

Polo libro de contas do mosteiro podemos saber cómo foi a vida naquel ano de 1835, o final da vida monástica no Convento do Rosario::
“No mes de marzo pagaron 60 reais de licencia de armas, e cítase en concreto nas contas, onde se di: “de tres armas”. En xullo págase roupa ós monxes, poida que para vestilos antes da viaxe na que abandonaron San Sadurniño. Mercouse vestuario para prácticamente todos: Padre Superior Sieyra, Padre Couto, Padre Bartolomé Rodríguez, Padre Predicador Manuel, Padre Organista, Padre Fr. Domingo Díaz. Conscientes da realidade da inminente desamortización, en agosto de 1835 figuran 3500 reais “a los padres para portarlos a sus respectivos destinos”. Págase nese mes a todos aqueles que traballaran para o Convento, e entre eles cítase moi especialmente os atrasos que se pagan ó cociñeiro Luis da Fraga.”. Enviados os Padres ós seus respectivos destinos, quedaron no Convento facendo garda e custodia Fr. Tomás Sieira e Fr. Bartolomé Rodríguez, ata o día 27 de setembro de 1835 en que as autoridades interveñen o Convento do Rosario, quedándose, entre outras cousas cos libros últimos de contas dos frades. (Fonte "O Facistol").
Na ilustración adro do Convento co "tinglado da portería", derradeira obra realizada no convento arredor de 1825.

O mosteiro abandoado

Comentarios

Máis imaxes

Temas: Convento do Rosario, San Sadurniño (Concello), igrexas parroquiais

Compartir en: