Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018

xentes

Historias de vida de familias , homes e mulleres das parroquias de San Sadurniño: Bardaos, Ferreira, Igrexafeita, Lamas, Naraio, San Sadurniño, Santa Mariña do Monte así como doutros concellos veciños, algúns moi preto como Moeche, A Capela, Neda, Valdoviño, As Pontes, Narón, As Somozas ou Ferrol; mais tamén hai fotos en Santiago, Ourense, Argentina ou Asturias.

Nicolás Redondo Lago, alcalde 1872

San Sadurniño, 1872

Alcalde de San Sadurniño (1872-1873); (1874-1875)
As eleccións municipais democráticas de decembro de 1871 puxeron a fronte do Concello ao veciño de Naraío, Nicolás Redondo Lago como alcalde o 1 de febreiro de 1872, substituíndo a Vicente López Fernández.
Nicolás Redondo nacera arredor de 1827 en Lourido, parroquia de Naraío, sendo fillo de Pedro Redondo e Gabriela Lago. Casou con Josefa Alvariño coa que tivo dúas fillas: Amalia (1854-1937) e Manuela (casada con Blas Soto Prieto). Prodúcese unha profunda remuda municipal na que son elixidos concelleiros sen experiencia previa: Baltasar Hermida Mesía, 1º tte alcalde; Vicente Cobelo López, 2º tte alcalde; Vicente González Rodríguez; Simón Hermida Ulloa (renunciará por enfermidade); Cipriano Casal; Felipe Freire Robles (Igrexafeita); Juan Castro Fernández (Ferreira); Francisco Couce Lago (Monte); Antonio Anidos Vilar; Antonio Prieto Rodríguez (Igrexafeita) e José María Castrillón López (síndico), que dimitirá por enfermidade,sendo substituído por Juan Fernández Álvarez, solteiro natural de Mieres, de profesión fotógrafo e artista que vivía en San Sadurniño daquela.
Os pedáneos serán Cayetano Pouso (SS); Juan Castro (Lamas); Antonio Piñón (Ferreira); Miguel Salgado (Igrexafeita), Andrés Pita González (Naraío); José Couce (Monte); Andrés Díaz Aneiros (Bardaos). Os plenos serán os luns as 9 da mañá. O xuíz municipal é Juan Varela Brandariz. Apenas hai actas das sesións municipais, porque o secretario Jesús Ricoy está enfermo e ten moi descoidada a Secretaría municipal, polo que terá que presentar a dimisión en outubro de 1872, sendo substituído polo madrileño Antonio Culebras.

Os dous anos nos que Nicolás Redondo está á fronte da alcaldía serán moi convulsos. España pasará da monarquía democrática de Amadeo de Savoia á proclamación da 1º República en febreiro de 1873. Tamén a nivel local será un tempo estraño e confuso polo escaseo de fontes documentais, neste acaso atribuíbeis á enfermidade e substitución do secretario do Concello. Manuel Couce non quere aceptar o cargo de depositario do concello “por non ter suficientes coñecementos”. No seu lugar aceptará o comerciante da parroquia de San Sadurniño Pedro Gil.

Asemade a terceira guerra carlista chega a San Sadurniño. O gobernador Civil reclama material á veciñanza mediante carros e subministros para “los soldados heroicos de la guerra civil”. Diferentes comisións veciñais percorrerán as parroquias recollendo donativos. No 1872 segundo os datos do Rexistro Civil o 40% dos mortes nese ano foron cativos de menos de seis anos de idade.
Mais a economía municipal vai como sempre en números cada ano mais roxos. O Concello non lle está a pagar aos mestres de San Sadurniño Alberto Blanco e Carmen Cabeza. O Gobernador Civil ameaza con impoñer sancións. A Corporación terá que esixir que se executen accións contra dos debedores do pago de contribucións do ano anterior para poder afrontar os pagos pendentes.
Tamén ignoramos os motivos polos que o alcalde non asiste aos plenos dende octubro de 1872 ata xuño de 1873, polo que Baltasar Hermida terá que presidir a actividade municipal "por incompatibilidad del propietario". Semella que os asuntos da Secretaria municipal están desatendidos
O alcalde de Somozas solicita recompoñer a ponte de comunicación entre os concellos e pide o auxilio dos veciños de Ferreira para “hacerlo colectivamente como se viene haciendo por costumbre inmemorial”. O Concello dará as ordenes oportunas para que así se faga. As eleccións democráticas de xullo de 1873 outórganlle a vara da alcaldía ao primeiro alcalde republicano Domingo Pillo Alonso o 24 de agosto de 1873. Mais Nicolás Redondo aínda retornará á alcaldía de San Sadurniño en 1874 para un segundo mandato.

  • Nicolás Redondo Lago, alcalde 1872

  • Sinaturas coporación Nicolás Redondo 1872

load

Comentarios

Máis imaxes

Temas: Alcaldes de San Sadurniño, San Sadurniño (Concello), xente, Naraío

Compartir en: