Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017

documentos

Ademais das imaxes, tamén a prensa e os documentos históricos fálannos de San Sadurniño no decurso do tempo: Podes velos en orde cronolóxico aquí , ou consultar algúns datos estatísticos

Mortos en combate na Guerra Civil en 1938

San Sadurniño, 1938

Segundo o Rexistro Civil de San Sadurniño, 23 mozos - menores de 30 anos- e naturais do concello, morreron nos campos de batalla no ano 1938. Dende o punto de vista militar, 1938 foi o ano decisivo para a derrota do exército republicano. A batalla de Teruel e a do Ebro marcan o punto de inflexión definitiva da guerra civil española.
O único denominador común dos 23 reclutas era a súa profesión, labregos, ademais da orixe humilde e que representan as sete parroquias de San Sadurniño. Foron aos campos de batalla por imperativo legal, sen saber exactamente o por qué. Simplemente toucoulle. E alí, moi lonxe da súa terra morrerán loitando a prol dos “sublevados” de Franco, moitos deles sen coñecer as respostas da razón dunha guerra que non comezaran. Mentres, familiares e amigos seguían o decurso da contienda con ansiedade e incerteza dende os seus fogares en San Sadurniño.
A meirande parte morrerán na batalla de Teruel nos primeiros meses de 1938, enrolados no Cuerpo de ejército de Galicia, creado o 24 de outubro de 1937. Baixo o mando do xeneral Aranda, os oriúndos de San Sadurniño participarán na Batalla de Teruel, Alfambra e finalmente na ofensiva de Aragón que racha en dous a zona republicana e precipita a fin da guerra "incivil".
Os primeiros que caen na ofensiva republicana sobre Teruel son os reclutas de Bardaos José González Beceiro (19 anos) e Epifanio Graña Muiño (23), así como Valentín Picos Horjales de Lamas (24). Os republicanos conquistan Teruel o 7 de xaneiro. Nos durísimos meses seguintes, con temperaturas inferiores aos 20º baixo cero, caerán outros no proceso da reconquista de Teruel -baixo control franquista dende o 22 de febreiro-, coma Manuel Piñeiro Hermida (Naraio), Inocencio Carreiro Beceiro (Ferreira) ou Juan García Carregado (Naraio) entre outros. Algúns morrerán nos hospitais de campaña, días despois das batallas, como Eugenio Pouso Seijas (Ferreira) ou Manuel González López (Monte).
O segundo episodio bélico no que tamén participan reclutas de San Sadurniño será na batalla do Ebro entre agosto e setembro de 1938, onde caerán outros mozos como Eusebio Rañal Beceiro (Monte), Eladio Canosa Pérez (Bardaos), Francisco Hermida Barro (Igrexafeita) ou Elías Romero López (San Sadurniño). Mentres en San Sadurniño organizábanse recolleitas de donativos para os feridos de guerra onde participaban sobre todo osnotabeis do concello .
O lector interesado pode descargar en documentos anexos un resumo da batalla de Teruel así como a listaxe provisoria dos reclutas de San Sadurniño mortos en combate na Guerra civil. Na parte dereita da pantalla, figuran ligazóns a videos que permiten facerse unha idea do que foi a batalla de Teruel.
A cineasta Diana Toucedo evocou a ausencia dos homes na guerra dende o punto de vista das mulleres que agardan no filme "Homes"
Se algún lector coñece mais nomes de veciños mortos en combate, agradeceríamos que nos enviara un correo electrónico coa información. Na ilustración, emblema da División 108 do "Cuerpo del ejército de Galicia".

  • Mortos en combate na Guerra Civil en 1938

  • donativos 1938 correo 10 de xullo de 1938

load

Documentos:

Guerra civil en Teruel
Listaxe provisoria de mortos en combate na Guerra Civil española

Comentarios

Mª Consuelo

2014-10-16 14:20:18

Non sei en que batallas perderon a vida, pero de igrexafeita morreron màis mozos. Chamábanse = José Rodriguéz Suarez, José Lamas Buyo, Angel Prieto Naveiras, seguro que hai máis pero agora non me lembro

Falame

2014-10-16 15:20:48

Grazas consuelo: José Rodriguéz Suarez e José Lamas Buyo están na listaxe que podes descargar na sección Documentos (debaixo da foto). Sen embargo Angel Prieto Naveiras non apareceu no rexistro civil de Sansa. Era natural de Igrexafeita?. Se nos poidera achegar información sobre Angel agradecémosllo. Saudos

Consuelo

2014-10-16 15:39:20

Angel era meu primo, este pasouse o lado republicano, e morreu en combate era mariñeiro, e creo que morreu no levante cando lles bombardearon o barco, non consta nos papeis porque era dos roxos Solo saeu a luz cando se puido amañar papeis pra que cabrasen por el igual que os que o facian os combatientes de dreitas, isto tiveron que mover moito papeleo vuscando información, pero octívose, gracias a que sabian en que barco iba

Consuelo

2014-10-16 15:49:36

Si era de Igrexafeita , lugar de Remicieiro

falame

2014-10-16 15:50:17

Moitas grazas; por iso non aparecía. Para incluilo poderia enviarnos unha fotocopia dos datos?. Ou si os sabe, nome de pai e nai, anos que tiña cando faleceu. Lugar e data da morte (o nome do barco valería). E xa postos cunha fotografía quedaría ben documentado. Moitísimas grazas pola información. O noso correo é: falamedesansadurnino@gmail.com

Bruno Casal

2014-10-16 18:18:19

Antonio Mera Hermida, un dos veciños de Naraio que aparece nesa relación, era irmán de Felicia Mera (seguro que a coñecedes). Felicia fala que outros veciños de Naraío que estaban con Antonio na guerra lle contaron a seus país (Pedro e María) como aconteceron os feitos dese fatídico día. Parece ser que levaban tempo camiñando cerca dun río e que tiñan moita sede, pero que tiñan que ter cuidado, porque a outra beira do río era do bando contrario. Seguian camiñando e Antonio non puido máis, necesitaba beber auga. A pesar dos avisos dos compañeiros, él decidiu ir á beira do rio a beber, coa mala sorte de ser alcanzado por un disparo do bando contrario mentras estaba bebendo. Isto é o que nos contou Felicia en innumerables ocasións, e como toda historia da guerra, haberá que tomala con cautela e no contexto no que se produciron os feitos

secundino García

2014-10-16 23:10:47

Juan García Carregado era meu tio. Era irmán de meu pai e morreu en Jaca. Coñecín duas persoas de Fontao (Naraío), Antonio da tía Carme e José de Piñeiro, que tamén estiveran nesas batallas e teñen contado en infinidade de ocasións as penurias que pasaron. Supoño que para os que tiveron a sorte de volver foi moi duro o regreso sen os veciños que quedaron polo camiño

Consuelo

2014-10-17 21:10:52

Ola, estiven facendo pescudas, non teño maneira de dar cos datos de Angel Prieto, de como foi o seu falecemento na guerra, sei que foi en Cartaxena, pero....non saben o nome do barco, nin datas, agora solo viven sobriños e non teñen información ningunha. Parece ser que para cobrar por el, foi mediante testemuñas que estiveron con él, eses sabían pero xa finaron, non atopo xente que me poida axudar, seguirei preguntando , por si soa a flauta, por casualidade. Creo que tiña 21 anos, pero non sei fixo : os seus páis eran Manuél Prieto Garcia, e Josefa Naveiras Como pasaron unha pila de anos ata que se puido falar e preguntar, pouco se chegou a saber, pero si se poderia saber que barco enemigo afundiron en Cartaxena nos anos da guerra, anque hai quen dí que os marinos baixaron a terra e alí foi a sua morte

falame

2014-10-18 01:53:47

Ola Consuelo. Se Angel Prieto estivera no bando franquista, seria doado, pois posiblemente fose no barco "castillo de Olite ", afundido en Cartagena o 7/03/1939, vinte dias antes do remate da guerra. Nese barco morreron 1.476 homes, moitos deles galegos e dous deles de San Sadurniño coma Juan Martínez González (monte) e José Lamas Buyo (Igrexafeita). Estás segura de que se pasou ao bando republicano?

Consuelo

2014-10-19 11:16:46

Ola Carmen, segura de todo non estou, pero sempre se dixo, eu nacin no 45 e todo o que sei foi por oidas, pero ti xa sabes que sempre o que se oe está algo fora da realidade, o certo é que a sua familia nunca puido ter información exacta, tamén sabia o que lles decian, pero dame lástima de que unha persoa quede anulada, por falla de información. Todo e posible que desertara dese barco e igualmente o mataran, agora queda saber si estivo ali enrolado

Consuelo

2014-10-20 14:29:10

Unha nova e pequena información, parece ser que Angel si estivo no Buque castillo de Olite, pero a sua morte non foi alí, comentan que foi no buque ( cárcere ) España............. todo e o que puiden saber polo de agora

falame

2014-10-21 01:33:55

Non te preocupes, Consuelo. Poñémolo na listaxe e se chegas a informar dalgún dato completamos a información. O buque España ao que te refires puido ser, se estivera cos republicanos no Jaime I (da serie España) afundido a mediados de xuño de 1937. Se estivera no bando franquista, no barco prisión España 3 a mediados de agosto de 1936. Ambos en Cartagena. Saudos..

Roberto Sanjurjo Muiño

2014-11-20 22:26:31

Na lista aparece José Sanjurjo López, veciño do Camiño Ariba, morto en Grado. José Sanjurjo López era o meu avó e non morreu na guerra. O que si morreu na guerra foi o seu irmán Ramón Sanjurjo López.

Fálame

2014-11-21 16:18:08

Moitas grazas Roberto. Modificamos o nome. Non terás unha fotografía de Ramón?

Estefanía

2015-07-18 00:37:07

Juan García Carregado era mi bisabuelo. Un día defendió a su madre, Manuela, de su padre, Esteban. Su padre lo echó de casa. Cuando vinieron a reclutar hombres para la guerra, Esteban mandó ir a su hijo Juan por represalia, a pesar de que un hermano de Juan se ofreció a ir para que Juan no fuese a la guerra porque tenia 2 niños. Pero Esteban no cedió. Al final Juan dejó una viuda, mi bisabuela, Francisca y 2 huérfanos, mi abuelo, Celso de 2 años y medio y Manolita de año y medio.

Estefanía

2015-07-18 00:58:00

Si alguien tuviese una fotografía de mi bisabuelo Juan, agradecería si me la facilitase y así darle una alegría a mi abuelo que a sus 79, casi 80 años nunca ha visto a su padre padre.

Máis imaxes

Temas: Bardaos, conflitos, Ferreira, Igrexafeita, Lamas, guerra, Naraío, outros lugares, Santa Mariña do Monte, xente

Vídeos:
A toma de Teruel
Derrota republicana en Teruel
A batalla de Teruel

Compartir en: