Premio Mellor iniciativa Europea Acting - Ginebra 2015 Premio Mellor webserie VO Galego - Carballo Interplay 2017 Mellor vídeo opinarmos - Premio Youtubeir@s 2017 Mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores - Premio Fundación DomusVi Boas prácticas na xestión cultural - Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2018 Chanfaina Lab seleccionada no banco de boas prácticas da xestión cultural Chanfaina Lab, XI Premio José Sellier

xentes

Historias de vida de familias , homes e mulleres das parroquias de San Sadurniño: Bardaos, Ferreira, Igrexafeita, Lamas, Naraio, San Sadurniño, Santa Mariña do Monte así como doutros concellos veciños, algúns moi preto como Moeche, A Capela, Neda, Valdoviño, As Pontes, Narón, As Somozas ou Ferrol; mais tamén hai fotos en Santiago, Ourense, Argentina ou Asturias.

Morte de Luís Loureiro Pita

Outeiro, San Sadurniño, 1921

O 21 de setembro de 1921, aos 81 anos, morre Luís Loureiro Pita, rico propietario de varios negocios en Outeiro (tenda de tecidos, alimentación, muíños etc), así como moitas fincas rústicas e urbanas a comezos do século XX. Chamado popularmente o "Segundo Marqués", porque era o home mais rico e maior contribuínte do concello despois do marqués de San Sadurniño.

Nacera na casa familiar de Lamas en 1840. O seu pai era Juan Loureiro Fernández, labrego caseiro do Marqués arredor de 1862 con algunhas terras de seu en Lamas e que fora concelleiro nas primeiras corporacións en 1840 e 1841. A súa nai era Juana Pita Lago (1800-1879), filla de Francisco Pita e Vicenta Lago. Prácticamente toda a familia vivía en Lamas e constaba de seis fillos:
1) Antonio Loureiro Pita (1821-1883), carpinteiro. Casado con Juana Vigo, viven en Outeiro. Fillos: Juan Loureiro Vigo (emigrou a Cuba), Manuel, Josefa, José, María e Elisa.
2) Vicente Loureiro Pita
3) José Loureiro Pita (1827-1879), casado con Feliciana López Tiveron a Juana, Manuel, Luisa, María e Segunda Loureiro López.
4) Manuel Loureiro Pita (¿ -1886)
5) Ciprián Loureiro Pita
6) Luís Loureiro Pita (1840-1921).

De mozo, Luís Loureiro debeu atender as terras da casa familiar en Lamas, pois figura nalgúns documentos como "labrador", mais coñeceu a unha moza de "boa familia" de San Sadurniño, Josefa Couce López, (1850-1928), filla do alcalde Manuel Couce e Antonia López, familia con homes trunfadores na emigración cubana. A relación amorosa non debía ser vista con bos ollos pola familia da moza que tiña daquela 20 anos, pola diferenza de idade e a desigualdade económica. O caso é que a súa primeira filla Victorina naceu en 1873 como "filla de solteira", aínda que será recoñecida polo seu pai que daquela xa vive en Outeiro e ten 33 anos. Despois diso casaron.(Ver descendencia.máis adiante).

Descoñecemos cómo puido construír o seu peculiar emporio un fillo de labregos nun concello tan cativo de oportunidades como San Sadurniño no século XIX. Sabemos que a altura de 1872 era labrego e trasladárase a Outeiro, onde xa tiña unha taberna en 1877 con licencia municipal para cobrar os impostos de consumos (o seu sogro era o alcalde). En 1889 xa é un home rico que figura da Xunta Pericial e na listaxe de maiores contribuíntes. Quizais algo axudou a boa posición económica da familia da súa muller. Outras fontes falan de que dende a súa taberna axiña pasou a vender apeiros de labranza, sementes, panadería, carnicería, alimentación xeral, tecidos e zapatos mais tamén a prestar diñeiro como un banco local mediante o sistema do "pauto recto", que consistía en empréstitos directos con xuros "especiais" para mercar unha pasaxe de emigración a Cuba, poñendo como garantía os documentos de foros ou terras das familias con mozos emirantes. Así foi como Luis Loureiro se fixo con moitas propiedades polas parroquias de Ferreira e Lamas. Mercou tamén todas as terras do Igrexario do Convento do Rosario onde ergueu a gran casona que acollerá dende 1899 o posto da Garda Civil. En 1906 estaba a construír a súa "casa definitiva" en Outeiro, ao carón do Pazo da Marquesa-.
En calquera caso, os seus negocios funcionaron moi ben e gañou moitos cartos. Como home respectable acada a concesión das recadacións municipais coa alcaldía de Tomás Rico dende 1885 a 1894. A pesares da súa sólida posición social e económica como maior contribuínte do distrito, Luís Loureiro non se posicionou politicamente nin pretendeu entrar como concelleiro na corporación municipal.

O problema comezou cando en 1894 chega á alcaldía o veciño de Ferreira Antonio López. Na súa teima por revisar o pasado "de los concejales viejos ", denuncian a Loureiro pola súa actuación como depositario de fondos municipais. A animadversión contra Loureiro Pita resulta moi evidente porque o Concello merca os subministros de material administrativo en Neda para non ter que facelo no comercio de Loureiro. O Concello tamén vai querelarse xudicialmente, aínda que o Gobernador Civil declárao “exento de responsabilidade”. Así e todo, o goberno municipal recorrerá a decisión do Gobernador ante a xustiza estatal. Porén o concello perderá tamén o recurso. Os problemas para Luis Loureiro continúan cos seus sucesores: José María Díaz, Antonio Cibreiro e Ángel García Fernández ata 1906 ca imposición de multas e atrancos nos seus negocios. Decide entón pasar á acción e aproveitando a Lei de sindicatos agrícolas de 1906 promove a formación da Asociación Agraria "La Moralizadora", que entre os seus obxectivos figura a "erradicación do caciquismo".
Nun principio a Asociación, con sede social no seu propio domicilio, topará coa hostilidade dos conservadores locais que organizan campañas de desprestixio e obstaculizan os mitins. Mais Loureiro celebra os mitins na súa propia "finca pechada do convento" aos que asisten centos de labregos. No verán de 1908 legalízase a asociación agraria con case 700 asociados e Loureiro será o presidente inmediatamente. A asociación tamén será apoiada polos liberais do municipio como o notario García de Quevedo ou o pintor Asterio Mañanós. O alcade Ángel García e Eugenio Bañobre, secretario municipal e militante destacado do partido conservador, comezan unha persecución contra dos intereses do rico industrial transformado agora en "sindicalista agrario" anticaciquil. Deixan de pagarlle a renda polo aluguer da Casa Cuartel da Garda Civil, sen importarlle que o pobo fique sen presenza da forza armada. Mais Loureiro nun" alarde de generosidad" decide non cobrarlle a renda á Garda civil para demostrar así o seu "compromiso" cos intereses dos veciños. Tamén se producen numerosas irregularidades na subasta de consumos e denunciarán na prensa liberal as corruptelas do alcalde e secretario.
Nas eleccións municipais de 1909 o "sindicato de Luís Loureiro" obtén un sorprendente trunfo electoral. Co novo alcalde José Naveiras Barro, Loureiro volve a cobrar o aluguer da casa cuartel da Garda civil, deixa de pagar o elevado imposto de alcohois e resólvense os contenciosos que mantiña có Concello dende 1894. Retornará pois, aos seus múltiples negocios do Outeiro, convertido nun auténtico centro comercial de comezos do século XX e que será visitado persoalmente polo deputado conservador do distrito Marqués de Figueroa. Alí falecerá o chamado "segundo marqués" o 21 de setembro de 1921, aos 81 anos, dez meses antes que o "primeiro" Marqués de San Sadurniño.
Luís Loureiro conformará unha saga familiar de gran relevancia na historia de San Sadurniño no século XX.

1. Victorina Josefa Loureiro Couce. (1873-1920).. Casada con Manuel López Sisto, orixe da saga familiar dos López Loureiro.
2. Manuel Loureiro Couce. (1879) Nace morto.
3 Amalia Loureiro Couce.(1880-1881).
4. Agustín Loureiro Couce (1881)
5. Faustino Loureiro Couce (1882-1938). Casado con Dominga Seco terá un único fillo, Luis Loureiro Seco.
6. Mercedes Loureiro Couce. (1884).
7. Manuel Loureiro Couce. (1887-1888)
8.-María Elvira Loureiro Couce(1889-1963), casada con Perfecto Calvo. Fillos: Antonia, Josefa, Luis y Perfecto
9.- Honorinda Loureiro Couce (1892-1955). Casada co médico José Malvar. Fillos: Bertila, Josefina, Benilde e Gumersindo.
10.- Daniel Loureiro Couce. (1894-1898)

  • Morte de Luís Loureiro Pita

  • Elvira Loureiro arredor de 1918

  • Honorinda Loureiro arredor de 1918

  • Victorina Loureiro arredor de 1918

  • Faustino Loureiro arredor de 1930

  • Casa de Luis Loureiro Pita

  • Muiño de Loureiro

  • Sinatura de Luis Loureiro Pita

load

Comentarios

Máis imaxes

Temas: conflitos, Lamas, San Sadurniño (parroquia), xente, emprendedor@s, Sagas, emigración

Compartir en: